xoves, 3 de novembro de 2016

AS ILLAS EN QUE VIVIMOS


Por Pepe de Rocaforte
                                     Ramón Caride
       Sobre os escritores esquecidos comentei hai uns días que na miña opinión os autores galegos en xeral máis que esquecidos son descoñecidos. Agora nesta última semana vin un par de cousas que tal vez se poidan relacionar co tema e aportar algún indicio, a favor un, en contra outro. Vou con elas.
      Desde que en 1997 lin a novela “Sarou”, o seu autor, Ramón Caride, vén sendo para min un dos máis valiosos narradores galegos actuais. Un escritor ó cal, na miña opinión, non se lle presta toda a atención que merece.
     Cando o ano pasado se publicou “Liquidación de existencias” propúxenme a súa lectura, pero por unhas razóns ou por outras ata maio deste ano non pasei pola biblioteca da Deputación da Coruña para solicitar o libro.
      Non o puiden levar entón por estar prestado. Volvino pedir transcorrido o prazo de préstamo e de novo fora levado por outro lector. Así me veu sucedendo ata o pasado mes de outubro en que unha bibliotecaria me suxeriu solicitar a súa reserva e dese xeito púideno ler por fin nestes últimos días.
       Quere dicir esto que como mínimo cada tres semanas veu tendo un lector, o cal parece boa mostra do interese despertado polo libro. Un interese comprensible en especial para quen, coma min, guste desa especie de realismo sucio que Ramón Caride xa utilizou en “Sarou” e outros títulos seus, bo coñecedor como el é, pola súa profesión nun instituto de Cambados, do mundo en que se desenvolve a vida dunha parte da mocidade actual .
       Agora o segundo caso.
     Cóntamo un amigo, recén xubilado, quen para ocupar parte do seu tempo se integrou nun “taller de lectura”. Refíreme este amigo que hai un par de semanas o coordinador do grupo lles dixo que á vista de o próximo Día das Letras estar dedicado a Carlos Casares botaríanlle unha ollada a algún dos seus libros (en galego, naturalmente). Neste punto unha señora compoñente do grupo levantouse un tanto airada para dicir: “Creo que me equivoquei de lugar. Este sitio non é para min”. E marchou moi chea de razón.
      No seu libro “O diabo coxo” léolle a José Viale Moutinho:
     “-Vivo numa ilha, minha flor, tentei explicar-lhe.
     -E que porra é uma ilha?
       Confeso que não fui capaz de explicar-lhe, pois podia ofender-se. Afinal de contas, acontecia-lhe o mesmo”.
      En realidade todos vivimos en pequenas illas nas que sen nos decatar estamos encerrados considerándoas o mundo enteiro. E así se forman, polo xeral, as nosas ideas e as nosas opinións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario