venres, 25 de novembro de 2016

Asi son as cadeas e así os prisioneiros



                         
A Mariscala
 

Non podemos intuír polo tamaño das cadeas que clase de persoa era o prisioneiro. Iso de que canto máis grande e gorda sexa máis perigoso era o preso non sempre se cumpriu, e se non fixádevos no tamaño da usada para prender a san Pedro, que se conserva na igrexa romana de san Pedro ad Vincula e da usada para amarrar a Pardo de Cela, chamada "A Mariscala", que se conserva no museo provincial de Lugo, pois á vista das mesmas temos que concluír que san Pedro para o Imperio romano era infinitamente menos perigoso que o Mariscal Pardo de Cela para o bispo de Mondoñedo.


 
Cadeas de san Pedro
                                  Aínda a maiores, se temos en conta que no acto da morte san Pedro só se distingue por ser crucificado cabeza abaixo, e o Mariscal porque a súa cabeza, unha vez cortada, choutou tres veces diante da catedral dicindo en cada chouto “Credo, credo, credo”, tamén podemos supoñer que o galego estaba máis de man coa divindade que o mesmo san Pedro,  ou que foi máis inxustamente axusticiado.
                           Claro que por outro lado, mentres que a san Pedro foron un anxos a liberalo (a cadea non era tan gorda), ó Mariscal prendérono porque había un traidor na súa casa da Frouxeira.
                       En fin, que non ten nada que ver unha historia coa outra, pero por aquilo de comparar as cadeas e ver a onde viñemos dar, parece que se corresponde que o cristianismo triunfase en Roma e que caese a noite sobre a xente da Frouxeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario