Por Pepe de Rocaforte
No meu comentario anterior, “Guarda e
Córdoba”, deixaba algunhas cousas no aire, unhas por falta de espacio, outras
por non ter idea delas.
Referireime en primeiro lugar á
relación formada no meu subconsciente entre o poema de García Lorca, “Canción
de jinete” e o do rei Don Sancho, “O meu amigo na Guarda”.
En principio fun incapaz de atopar a
conexión entre ambos poemas e só despois de ler o ensaio de José Ángel Valente,
“Lorca y el caballero solo”, empecei a me formar unha idea, non sei se atrevida
ou equivocada. A idea de que ambos poemas forman parte dun único relato de
trasfondo mítico “entendido o mito como condensación repentina dos fragmentos
de significación nunha soa forma.”
Na primeira parte, chámolle así para
entenderme, no poema de Lorca verifícase, segundo Valente, a marcha do home
cara a un lugar misterioso, o centro do mundo, nun “deses complexos momentos de
transmisión de contidos ocultos nos que o popular e o hermético converxen”.
Nesta parte é o propio cabaleiro quen
relata “a marcha implacable do xa encamiñado ó centro oculto, ó que se chega ou
non se chega, pero ó que se vai”.
A segunda aclaración refírese á frase
“A estas alturas ¿sabe alguén quen era José Ángel Valente?”, oída por min nunha
entrevista radiofónica en “Radio 3”. Despois de colgado o comentario un amigo
de Ourense deume unha posible e plausible opinión. Ó parecer hai xa uns anos
estábanse preparando na súa cidade natal uns actos de homenaxe a Valente. Os
promotores acudiron ó daquela presidente da deputación ourensá para solicitar a
súa colaboración e o señor José Luís Baltar seica lles dixo que non tiña idea
de quen podía ser ese tal señor.
Dime o meu amigo que tal vez o
entrevistador radiofónico, sabedor desa contestación, fixo a pregunta con toda
a intención, unha intención que a min se me escapou entón por descoñecemento do
caso. Todo pode ser.
E aínda hai máis, porque a raíz desto
outro amigo facilitoume unhas máis extensas informacións sobre as relacións de
Valente con Ourense podedes velas aquí, pero como na miña opinión tamén aquí
serían precisas algunhas matizacións e a cousa alargaríase excesivamente,
deixareino así polo intre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario