domingo, 13 de novembro de 2016

RETORNO



Por Pura Tejelo


Permanecen recostados nas horas de silencio
atrapados nun recorrido de días
cargándose como lagartixas inánimes case mortas
en  momentos de máxima calor
para recobrar unha vida.

Nunha revolta  volveron cantar o de sempre.
Meteron carburante,
o aire mancaba.
Querían desaparecer da palestra
abandonar o volante
xirar como o animal e retornar á sombra do seu acobillo.

Alí encontrarían de novo
o fogar reptando na frescura da festa.
As escamas brillantes dos seus tellados verdinegros.
Sacudirían os enseres polo balcóns
celebrando a chegada.

Así  até que un día se queden
ou non volvan

e o ciclo se peche.

Ningún comentario:

Publicar un comentario