Por
Pepe de Rocaforte
Unha vez máis volvo
ler a Odisea e decátome de cantas cousas se nos escapan nunha primeira, e mesmo
nunha segunda, lectura.
Andaba, como digo, a
voltas coa versión ó galego feita polo profesor Evaristo González Fernández,
Evaristo de Sela, cando na Rapsodia XI cheguei ó parágrafo onde Tiresias lle
profetiza a Odiseo: “Cando na túa mansión teñas xa dado morte ós pretendentes [...]
colle un remo de fácil manexo e camiña ata que chegues á terra daqueles homes
que non coñecen o mar [...], que polo tanto non coñecen as naves de vermellos
costados nin os remos de fácil manexo [...]. Terás chegado cando outro viaxeiro
contigo se encontre e, ó verte, che pregunte a onde vas cunha pa de aventar
sobre o teu fermoso ombro. Crava entón na terra o teu remo de fácil manexo e
fai alí ó rei Posidón un fermoso sacrificio [...]. Andando o tempo, virache a
morte lonxe do mar...”
Fun buscar o mesmo
fragmento á edición da Odisea en castelán, na tradución de Luis Segalá
Estalella, e alí estaba, tan similar á versión de Evaristo de Sela que me fixo
pensar que en ocasións, en lugar dunha tradución tan fiel ó orixinal como esta
coincidencia me fai imaxinar, non estaría de máis unha certa liberdade que lle
dese ó lector de hoxe unha idea mellor da obra homérica (ou, no seu caso, de
quen fose).
Pero, en fin, non era
aquí onde quería chegar, senón a outra lectura que me véu á memoria despois de
reler ese texto de Homero. Refírome a un conto de Manoel Riveiro Loureiro, “O
pau”, premiado en 1981, na sétima edición do concurso “Modesto Figueiredo” do
Pedrón de Ouro.
Neste conto de
Riveiro o protagonista sufre un naufraxio onde atopa a morte un tío seu (o seu
pai xa morrera tamén no mar). Entón bota man do remo agarrado ó cal puido
chegar a terra e marcha con el ó lombo ata arribar a un lugar onde non saben
que tipo de ferramenta leva consigo aquel home. Aséntase alí e alí, xa vello,
morrerá.
Por aquela época dos
anos oitenta teño falado con Riveiro deste conto seu, pero entón non lembraba
para nada a profecía de Tiresias na Odisea. Riveiro referíame a historia como
un suceso coñecido por el ou do cal lle falaran, xa non me acordo moito. E por
aí quedou a cousa.
Agora vólveme o conto
á memoria e dáme a impresión de que polo menos conscientemente, Riveiro non
asociaba a súa historia á lectura da Odisea; pero así e todo éntrame algunha
dúbida cando nun repaso a “O pau” leo: “Pra moitos montañeses o que eu levaba ao
lombo non era máis ca un pau [...] algúns aínda había que ben se decataban do
que o tal viña sendo, pro non lle sabían o nome, e adoitaban de lle chamar “o
pau viradoiro”.”
Na tradución castelá
de Luis Segalá os homes de terra dentro pregúntanlle a Odiseo se leva un
“aventador”. Na versión galega nomeano como unha “pa de aventar”. Botándolle
unha ollada ós dicionarios atopo aventador, virador, bieldo, angazo... A min
“angazo” non me cadra, en todo caso “forcada”, ou “gallas”. Pero eso só ten
interese en relación coas posibles fontes de onde bebeu Riveiro.
A min, como sempre,
segue a me dar voltas na cabeza aquela afirmación de Augusto Abelaira, da cal
falei máis veces, de que despois daqueles textos gravados nos ladrillos
caldeos, xa está todo escrito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario