luns, 25 de febreiro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (7)



                                                                        O Curmán de Undochán
      Falei de botánica: agora quero dar algunha pincelada de zooloxía americana (uruguaia sería reducionista: os bichos, como os castros, non saben de fronteiras).
   
   Velaí o benteveo: estamos perante un termo do portuñol, o coerente sería bienteveo –como reza o cartel do bar coruñés fronte ao estadio, imaxe incluída-, vocábulo inexistente, ou ben bentevejo (portugués)… tamén non usado… mais é o caso que os brasileiros din bem-te-vi, que é o máis achegado ao canto do animaliño do antifaz, val dicir, évos un sustantivo onomatopeico endosado a este simpático paxaro con nome científico do máis pavero: pitangus sulphuratus, da familia tyrannidae! A verdade é que o seu forte berro se pode escoitar en toda a Sulamérica atlántica e, por suposto, nas cidades verdecentes como esta. Outro bichiño alado senlleiro é o hornero (portugués: forneiro/Joao-de-barro): pasma o seu niño esférico simulando un forno!
     A cotorra argentina (así a vin denominar en España!) é outra ave abundante na urbe e en Sulamérica toda, que aquí é tamén chamada lora: polo seu coñecemento universal non merece agora unha descripción, somente establecer que o de arxentina é un outro reducionismo xeográfico para este estridente parlanchín que non chega a ter a policromía do papagaio.
     Ave menos urbana, inda que domesticábel, é o terutero ou tero (portugués: quero-quero), con esoutro nome onomatopeico: é unha zancuda pequena moi simpática. Si se poden albiscar acotío, nas rochas, igual que nas penas galegas, os corvos mariños, aquí chamados biguás (guaraní) e no mundo castelán-falante cormoranes, comúns, como as gaivotas nestas ribeiras. (Nada direi das pombas, rulas e gorrións de patria universal).
      Anecdótico é o nome do “güisqui de la perdiz” que se lle dá nas Américas ao The famous grouse, que en bó idioma noso non é outro que a pita de monte (o castelán urogallo), que os escoceses fixeron así mundialmente coñecida: quen comezaría con tal despropósito, en que punto do subcontinente hispano-falante? (Isto para compensar as inexactitudes do colonizador español, como veremos xa).
     Pois aí están, desde os remotos días da conquista, as traslacións dos nomes españois a animais americanos, así: o león (puma), o tigre (jaguar, cos seus parentes jaguareté e jaguaritica) –hoxe extinguidos no país e aquí escritos yaguareté, etc.-, o zorrillo cheirento (jaguané), a avestruz (ñandú) ou a comadreja –por outras latitudes zarigüeya-, un marsupial que non é tal no caso da nosa doniña ou donicela. E a mulita, nome abondo inapropiado dado ao armadillo. Outro bicho curioso, segundo din, “o roedor máis grande do mundo”, é o carpincho ou capivara, manso e abundante habitante das ribeiras fluviais… sen esquecermos seus veciños os coipus, tamén chamados nutrias, que nada teñen que ver coas homónimas lontras europeas.
Preséntovos ao bó do capivara
         Por suposto que cos mamíferos adentrámonos, sen querelo, no ámbito estritamente rural.
Pero non quero rematar sen falarvos doutro ser de nome en portuñol e tradición europea trasplantada  -e tan nosa!-, aonde lobos non hai: o lobizón (lobishome), é aquel sétimo fillo varón consecutivo que, os venres de luar, se torna en monstruoso animal depredador… fenómeno e nome que dá a pista da viaxe lingüística do licántropo desde Galiza e Portugal-Brasil: o carnívoro cánido máis semellante sería o aguará-guasú, unha mestura de raposo e lobo, case extinguido… como o propio mito.
     Lobos hai, mais lobos mariños (que  mesmo dan nome á Isla de Lobos platense), cuxa pel foi industrializada e moito, despóis de grande carnicería, hoxe afortunadamente enmendada. E, outra vez terra adentro, apenas resta, nesta síntese subjectiva, o guasú-virá, especie autóctona de veado.
     Frase extemporánea: Parafraseando “El sur (do continente) también existe”… O norte (do país) tamén existe (pois o Uruguai setentrional, como a Galiza oriental, é o menos avanzado).

Ningún comentario:

Publicar un comentario