xoves, 21 de febreiro de 2019

NON É COUSA DE RISA


Por Pepe de Rocaforte
Nin é tampouco cousa de facer unha presentación innecesaria de Jonathan Swift, autor sobradamente coñecido de “As viaxes de Gulliver” e de “Unha modesta proposta”, cuxo título orixinal completo é “Unha modesta proposta para evitar que os fillos dos pobres de Irlanda sexan unha carga para os seus pais ou o seu país e para facelos útiles ó público”, onde o escritor propón que os labregos irlandeses carentes de medios para manter a familia lle ofrezan os seus fillos ós patróns arrendadores das leiras onde malviven con contratos leoninos, para que eles coman a un prezo barato a carne dos nenos.
Curiosamente “As viaxes de Gulliver”, unha obra chea de ironía e amargo sarcasmo, tivo e segue a ter gran difusión como lectura xuvenil e mesmo infantil, gracias principalmente ás súas dúas primeiras partes, onde de maneira máis moderada se relata a viaxe a Liliput, habitada por unha xente cuxa altura non supera os quince centímetros, e a viaxe a Brobdingnag, terra habitada por unha raza de xigantes de máis de vinte metros de alto, tanto homes coma mulleres.
Pero o que me animou hoxe a escoller este tema é a cuarta parte do libro, a viaxe ó país dos Houyhnhnms,  onde Gulliver se atopará cos Yahoos, unha subespecie de seres humanos salvaxes e dominados polos peores vicios. E cos houyhnhnms, cabalos racionais, cunha gran cultura, honestos, descoñecedores da mentira, para a cal non teñen palabra definidora no seu idioma, e son quen gobernan o país e controlan ós salvaxes yahoos.
Tróuxome esto á cabeza o xuízo que ó longo desta temporada se vén celebrando en Madrid ós políticos independentistas cataláns, porque no exemplar das “Viaxes de Gulliver” que teño na casa deixei subliñado un día o seguinte parágrafo da cuarta parte, Viaxe ó país dos houyhnhnms: “[os xuíces] son elixidos entre os máis hábiles avogados cando se volven vellos e preguiceiros, e de tal modo loitaron toda a súa vida contra a verdade e a equidade, que se encontran en fatal precisión de favorecer a opresión, o perxurio e o fraude”.
Escrito en Inglaterra no século XVIII.

Ningún comentario:

Publicar un comentario