Por Pepe de Rocaforte
En principio non sei se é unha historia ou dúas que
converxen nun final común. Vounas contar como mas contaron e vostedes verán.
Por ser máis antiga creo que debo empezar polo Alcázar
dos Reis Cristiáns, un dos grandes monumentos representativos de Córdoba, boa mostra da evolución arquitectónica da cidade. Ós
seus iniciais restos romanos e visigodos agregaríaselle a arquitectura árabe do
vello alcázar andalusí, destruído cando Fernando III o Santo conquistou a
poboación. Afonso X o Sabio iniciaría a súa restauración, que sería finalizada
durante o reinado de Afonso XI.
Á parte de residencia real ata a conquista de Granada, no
Alcázar estivo asentada a Inquisición. Posteriormente sería cárcere provincial
ata que a inicios dos anos cincuenta do século XX foi cedido ó concello
cordobés, que decidiu darlle un novo destino máis acorde coa súa historia.
Na sala principal do edificio, no que fora unha capela
barroca, o arquitecto Víctor Escribano Ucelay pensou arroupar as súas paredes
núas con algo que as vestise debidamente. O concello, nunha situación económica
pouco boiante, solicitou á Real Fábrica de Tapices a doazón das pezas
necesarias, pero da Real Fábrica respondéronlle que, se non había diñeiro, non
habería tapices. E así foi.
Vaiamos agora coa Praza da Corredera, a única de Andalucía con forma rectangular, onde
en tempos estaba situada a casa do concello. No centro da praza atopábanse as
instalacións do mercado da cidade, nun estado máis
ben deplorable que obrigou á súa demolición no ano 1959, con intención de
construír no seu lugar un novo mercado subterráneo.
Pero nas obras de escavación descubríronse
uns cuantiosos mosaicos, considerados en principio como pertencentes ó
anfiteatro romano, opinión desbotada posteriormente por estimar máis posible a
súa pertenza a unha domus dunha figura importante do Imperio.
Fose cal fose a súa orixe, as autoridades
municipais viron aquel achado como chovido do ceu para substituír os tapices
non doados pola Real Fábrica. E dese modo os impresionantes mosaicos
descubertos no subsolo da Praza da Corredera viñeron decorar o que desde entón
pasou a ser chamado Salón dos Mosaicos.
E colorín colorado, aquí acaba esta breve
historia, ou historias, converxentes dos mosaicos do Alcázar dos Reis Cristiáns
de Córdoba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario