Non sei quen é Banksy. O que
menos importa é que cara ten. O importante é que as súas pinturas
non nos son indiferentes. Logo, ese espectáculo de se se
autodestrúen nada máis ser outorgadas nunha poxa ou se foi el ou un
émulo seu quen entrou silandeiramente no barrio de Canido, no
Ferrol, e deixou estampada a unha parella de gardas civís (ambos
homes) bicándose amorosamente, é o de menos. A arte debe estar no
que transmite e non no nome, na fama ou no espectáculo que dá o
autor.
O que non nos gusta é que
para transmitir unha mensaxe se ataque un monumento emblemático con
pintadas que, por non ter, non teñen nin orde nas letras, eses
garabatos que apareceron na catedral de Santiago ou na colexiata de
Santa María da Coruña son comparables ó atentado que sufriu a
“Venus do espello” en 1914; que seguramente a atentadora tiña as
súas razóns para protestar contra o uso da muller como obxecto,
pero converteuse nunha energúmena ó querer destruír un cadro coma
ese.

Fíxome en Ordes, porque me
queda no camiño e sempre me anima a abandonar a AP9 para refrescar
a vista, pasear ou tomar un café con “queique” fronte a algún
dos seus murais, comprobando como os sprays serven para algo máis
ca para desgraciar unha fachada do románico, que a protesta non ten
por que atentar contra as outras manifestacións artísticas. Que o
vandalismo non é denuncia aínda que ás veces, cando non hai noción
da medida dun de doutro, sexa moi fina a liña que as separa.
Contra a barbarie e contra o
feísmo aí están a costureira de Lidia Cao, a vella ofrecéndolle
grelos ós viaxeiros, de
Joseba Muruzabal, o buraco vermello que
parece negro de Liqen, ou, tamén del, o lixo mal varrido, sen
esquecer esa peza do estadounidense Axel Void pintada no pinche do
asilo coa palabra “Ninguén” grafitada sobre o rostro dun ancián
que nos mira e nos interroga sobre o valor da ancianidade e a
actitude que tomamos diante dela.
Aí está un verdadeiro museo
con obras que son o retrato fiel da sociedade, unhas dun
hiperrealismo asombroso e outras cunha carga metafórica
impresionante, para demostrar que non todos os sprays son bárbaros.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario