xoves, 28 de marzo de 2019

A ALQUERÍA DA CONDESA


Por Pepe de Rocaforte
O recordo de “trisca”, “cordero” e “grama”, que ocupaban o meu comentario da semana pasada, tróuxome á memoria outras para min complicadas palabras coas que me enfrentaba perplexo nos libros de lectura da escola por non ter nin a menor idea do seu significado, nin este me ser explicado polo profesor ou profesora correspondente. Por exemplo acórdome de “quídam”, “botana”, “noria”, “acequia”, “alberca”, “alquería”... das que, exceptuando quídam, botana e alquería, todas, curiosamente, teñen que ver coa auga. Pero esa pode ser outra historia.
Agora mesmo, por eses xogos das asociacións de ideas, venme á memoria outro recordo, este da miña adolescencia: ía un día nos anos sesenta do século pasado de Valencia a Alicante facendo auto-stop. A eso das oito da tarde deixoume un coche á entrada da Alquería da Condesa, unha pequena vila a uns corenta quilómetros ó sur de Gandía. Como por unha parte a hora xa non era a máis axeitada para seguir facendo dedo e pola outra a palabra “alquería” gardaba aínda unha parte do significado máxico que lle dera na infancia, decidín buscar un sitio ó xeito para montar a tenda e quedar a durmir alí (por aqueles tempos non había moita abundancia de parques de campismo no país).
Nestas, cando non vía outra alternativa que a de poñer o petate nos campos de laranxeiras que se estendían a un lado e outro da estrada, encontreime cun par de mozos máis ou menos do meu tempo, ós que lle preguntei se non habería por alí preto outro lugar un pouco mellor para armar a tenda. Dixéronme que non había nada ó caso e a seguido metéronse en conversa, porque lle sorprendía moito o de me ver viaxando así á boa de Deus.
Xa caía a noite cando nos separamos, eles para a súa casa e eu para o medio das laranxeiras, onde por certo non había ningún lugar ó xeito para acampar. Xa estaba por me meter no saco de durmir e pasar así a noite, cando oín unhas voces que me chamaban: “Ei, galego, ¿por onde andas?”. Púxenme en garda: a ver se aqueles tíos volvían con malas intencións contra min.

 Agarrei unha pedra, por se acaso, e volvín á estrada, a ver o que querían aqueles túzaros. E aquí vén o mellor. Dixéronme que foran á casa e lle contaran ós pais como me encontraran e estiveran falando comigo. Os pais dixéronlle que eu non podía quedar entre as laranxeiras porque de noite abrían as acequias para regar e íame poñer coma un pito, así que o mellor sería que me volvesen buscar e me convidasen a durmir na súa casa.
Seguinos á casa, fixéronme cear con eles e dispuxeron un cuarto para durmir eu só. Á mañá seguinte, despois de almorzar, un dos mozos levoume nun vespino ata a estrada Valencia-Alicante, onde sería máis doado de atopar un coche que me collese. E así acabou a historia. Para dicir logo eso de “pensa mal e acertarás”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario