O
Curmán de Undochán
Décadas
levaba chamándose Odense: que demos facía unha cidade isleña dinamarquesa (por
moi berce de Andersen que fose, se tal, por que non lla dedicaron directamente
ao autor) no nomenclátor montevideano? Misterios da proverbial incultura
concelleiril! Logo estaba o resto das nosas catro provincias (Lugo, Pontevedra,
Coruña) que tiñan ruas na capital uruguaia (Coruña, así sen La, chegou a
figurar como destino dunha liña de buses urbanos).
Odense,
sita no popular barrio de La Unión, ten, alén do nome que lle cambiaron estes
días, un feitío semicircular, como reminiscencia da derradeira praza de touros
demolida (cara a 1910) a raíz da abolición das touradas. Con isto fica exposto
que finalmente se fixo xustiza. Ora, por sobre as catro provincias e/ou
ciudades (e algunha cidade a maiores como Santiago de Compostela e Vigo) –todas
en barrios non céntricos- está a rua Galicia, sobranceira pola sua historia
como vía e pola sua situación xeográfica.
Pois
que data de 1918 e déuse á que ata daquela se chamaba Orillas del Plata… ficando,
é obvio, beiras do Prata, no barrio céntrico Galicia Chica, que, antes dos
costumeiros recheos de toda cidade marítima, sofría continuas inundacións. Tan
era así, que o veciño Juan Vicente Arcos Sabarís (Nogueira-Meis, 1838), pola sua
constante acción solidaria, foi homenaxeado polos veciños reiteradamente
removidos por aquela causa, como “padre de los españoles residente en esta
República”.
Naquel
1918 Arcos levaba anos finado, mais os galegos montevideanos botaron toda a sua
fogaxe para conseguir esta rua e máis que o Día de Galicia fose oficializado
(como complemento do Día de España -2 de maio- e do por entón chamado Día da
Raza -12 de outubro, denominación, por certo, debida a un uruguaio e que
sobreviviu até mediados da pasada centuria). Así se alcanzou, coa autorización
gubernativa de ergueren a nosa bandeira xunto da uruguaia e máis da española, e
así se adiantou esta Galiza da diáspora á Galiza metropolitana con esa
celebración.
Coas
desculpas debidas ao defuntiño
por omitirlle o texto da figuración
(La Voz de Galicia, setembro/1972)
|
En
fin, son as ditas algunhas das cincuenta vías urbanas de Montevideo a lembraren
fillos destacados da Galiza de alá e de aquí.
Outra
aínda témola na praza Galicia, sita en paraxe privilexiada, fronte ao mar e
veciña de edificios senlleiros, tal a sede do Mercosul, e así batizada en 1988.
Aí foi instalado, anos despóis, o busto de Rosalía de Castro… que ata entón
estaba… na praza España, moi perto da efixie da raíña Isabel a Católica (se
Castelao acordase!).
E aínda temos
a escuela Galicia. Onde é costume dar a certas escolas nomes de países do
mundo, conseguíuse, en 1962, que unha delas levase o nome de Galicia, agasallo
excepcional por non sermos país con estado propio.
A Luís
Seoane chamoulle tanto a atención presenciar o canto do hino galego por alunos
de tal institución, que o fixo constar nunha das suas “figuraciós”.
Todo isto
a dar idea da singularidade da nosa Terra nestoutra terra tan nosa.
Dato
extemporáneo: Uruguai, humanos, 3 millóns e pico; ovinos, máis de 6 millóns,
bovinos, 12 millóns de cabezas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario