luns, 4 de marzo de 2019

crónicas desde o outro mundo (8)


                                                                        O Curmán de Undochán
Veríades como a linguaxe fronteriza uruguaiano-brasileira chamada portunhol está presente na fauna. Pois tamén o está na toponimia. Velaí a cidade de Fray Bentos, que nos está a falar dun misioneiro luso-brasileiro, frei, coa versión Bentos (tales os nosos Mingos ou Paulos) equivalente ao Bieito galego. (Famosos foron, nas fames da II Guerra Mundial, a carne e mais o extracto de carne enlatados procedentes da fábrica local, hoxe xa somente museo). Isto lémbrame un bar do Ventorrillo coruñés, dalgún retornado americano da década dos 60, que dicía: Fray Vento, o que nos dirixe de cabeza ao Mesón do Vento (que se adoita explicitar como un establecemento cuxo dono sería un Bento, probabelmente portugués).
“Since 1881

Algo disto sucede coa vila (e departamento) de Paysandú, que se quer orixinario dun outro misioneiro padre Sandú (nome este guaraní), e nós aventuramos proceda dun pai-de-santo, isto é, dun a xeito de sacerdote-curandeiro do culto afrobrasileiro, culto vixente e vizoso aínda hoxe. Aí temos os paes e maes-de-santo protagonizando, estoutro día 2 de febreiro, a festa marítima de Iemanjá, que non é outra que a sincretización da Stella Maris cristiá, quer con aparencia indíxena, quer con aspecto afroamericano: esa noite as praias énchense con ofrendas, ritos e fogueiras, estas evocando irremediabelmente as luminarias europeas do sanxoán.
Outros portuñolismos danse, tan cotiáns como inadvertidos, por exemplo, nas expresións “yacumensa” (já começa, dos candombes afrouruguaios) ou “La cumparsita” (diminutivo de “comparsa”), con esa pronuncia propia de portugués e catalán, que fai “u” o “o” átono, verbigracia, apelidos como Coelho/Cuello ou Colomer/Culomé, respectivamente (ambos relacionados con senllos animais: conejo, paloma), segundamente pronunciados nas linguas nais e eventualmente escritos así en español. Outro exemplo é a erba e té “marcela” (sic), deturpación de macela=manzanilla.
Bandoneón en aceiro-cortén homenaxeando a “La Cumparsita” centenaria, na céntrica praza de Gerardo Matos Rodríguez, seu autor (de oriundez luso-canaria). (Colouse meu curmán!).

O “rei dos tangos” lévame a clarificar o termo “tango argentino”, unha apropiación polo peixe grande (Arxentina) dun ben creado en colaboración co peixe pequeno (Uruguai). Máis alá de que, polo número, os tangos son de moita natureza porteña, hai moitos, e moi clásicos, tamén de nacencia uruguaiana, sendo este o caso do emblemático que nos ocupa. (Como esquecer a dona Maruxa de Seoane, na vella Caixa Galicia –no soto da Rua Nova 30-, en ocasión de que, sentado ao seu carón, me murmurou “El himno uruguayo” cando o bandoneonista René Marino Rivero anunciou “La cumparsita”). Pasa que Buenos Aires foi e é o foco de atracción de todo uruguaio que ambiciona triunfar.
“A milonga é filla do candombe, como o tango é fillo da milonga”, no dicir, traducido, do inmortal cantautor Alfredo Zitarrosa. E así é. A milonga campeira acabou se transformando nunha acelerada peza urbana e o tango, absolutamente urbano el, é unha milonga ralentizada, todo isto simplificando e arriscando rigurosidade. Por outra banda, que privilexiar nesta danza, a música, a letra, o canto, o/a cantor/a, a orquestra?
Para valorarmos o tango, con máis de cen anos de supervivencia, compre escoitalo en todo o seu ricaz abano: instrumental (con bandoneóns e/ou violins) que se fixo cantado –e aí radica, por veces, o seu actual anacronismo machista! Malia habelos con moito humor e retranca, mesmo con cariz filosófico e trazos nados na universidade da vida-, con etapas desde “la Guardia Vieja” histórica ata “el Joven Tango” de hoxe, pasando polo tango dos 40-60, con letristas verdadeiros poetas: tema para longo palique do que só vos informarei que, xunto co candombe afrouruguaiano, foi declarado patrimonio intanxíbel o mesmo ano 2008 que a nosa superlativamente tanxíbel Torre de Hércules.

     (Algúns títulos a maiores que me permito recomendar: Barrio de tango, Garufa, Tinta roja, La maleva, Cambalache, Aquel tapado de armiño, Sur, El patio de la morocha, Grisel, Uno, Balada para un loco, Chorra!, Un boliche, Milonga de mis amores, La puñalada, Bandoneón arrabalero, Golondrinas, Como dos extraños, Se dice de mí, Toda mi vida, Milonguita…)

Ningún comentario:

Publicar un comentario