domingo, 24 de marzo de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (11)



                                                                           O Curmán de Undochán
Víctor Soliño (Baiona, 1897):
 poeta da alma popular rioplatense
Lembrades o caso da Cántiga de Curros? Que comenza “No xardín unha noite sentada/ó refrexo do branco luar…”? E que nalgún momento (saberáo alguén?) foi trocado en “Unha noite na eira do trigo”? Desde logo, dá para toda unha análise sociolóxica, digo eu. Porque con esa lixeira alteración sustraíuse o ambiente urbano e tal vez de cariz burguesoide, en beneficio doutra realidade rural esta e ben máis popular… tamén máis críbel, por seren os máis abaixados os que máis emigraban, nonsí?
Pois, e tornamos ao tema tangueiro, unha deslocación similar deuse co tango Garufa. Esta peza ten música de José Antonio Collazo e letra de Roberto Fontaina e Víctor Soliño, aludindo o título a un mozo que anda de esmorga (garufa) ata o punto de facerse el mesmo merecente de cargar co sustantivo… personalizado. Agora vaiamos por partes.
Collazo e seu irmán Ramón (a) El Loro -cuxo nome leva o monumental teatro de verán montevideano- eran fillos de galego e basca… como o era Soliño, sendo el propio baionés de nacencia. Canto a Fontaina, era fillo dunha italo-uruguaia e dun outro galego Fontaíña de Cotobade. (Soliño, que apelido tan evocador histórico-literario como el é, sendo como foi o da desditada María Soliña –Soliño, dado que as mulleres levaban o apelido feminizado-, canguesa do século XVII, que Celso Emilio poetizou e, dantes,  Barreiro de W documentara tan eloxiosamente).
Ora, a letra de Garufa refírese a dous lugares da capital: o barrio La Mondiola e a céntrica e, no tempo, golfa rua San José. Cando foi levado a Buenos Aires sustituìron o segundo topónimo montevideano polo porteño Parque Japonés… mais conservándose aquel primeiro, que tamén lles resultaría extraño aos arxentinos da capital. Sonvos esas mudanzas que acotío fan os intérpretes, mesmo, por veces, por olvido da letra orixinal, cambiando “tu vieja” por “tu mama”, como acontece noutro tramo do tango que comentamos.

 
Soliño foi un dos tres baioneses que fixeron historia no Montevideo do século pasado. Os dous restantes, Gandós e Barreiro, ben merecen un lostregazo informativo.
O que foi un verdadeiro lóstrego socio-cultural foivos José María Rodríguez Barreiro (1871), como Castelao, coñecido polo segundo apelido (o primeiro descobríramolo nós): nos poucos anos que aquí morou (poisque voltou á Terra, onde morréu), fundou (1917) Casa de Galicia, a institución nosa, despóis do Centro Gallego (de 1879) máis importante do Uruguai, materializada na mutualista co seu sanatorio ainda florecente hoxe en día. E tamén tivo tempo de crear obras de teatro.
Leoncio Gandós (1851), en troques, era capitalista, dono do Gran Hotel Colón, sito na Ciudad Vieja -chamado posteriormente e ata a actualidade (ver estampilla) Palacio Gandós, desde hai anos sede do Banco Interamericano de Desarrollo (BID)-, e mesmo benfeitor da igrexa-colexiata da sua fermosa vila. (Gandós, como Pailós –un destacado pintor daquí de berce cormelán- constitúen un exemplo máis de cambio de acento en apelidos que serían orixinalmente Gandos e Pailos, desfeita habitual por estes lares).
Frase extemporánea: Uruguai, o único país de América que carece de aboríxenes… Si, mais cada volta cénsanse máis e máis mestizos de guaranís…

Ningún comentario:

Publicar un comentario