Nestes tempos que corren, nin
para crentes nin para curiosos, nin para amantes da arte nin para
turistas entusiastas están abertas as igrexas, a non ser nesa hora
escasa en que hai algún oficio, cando todo forasteiro é vixiado de
preto pola veciñanza e está mal visto andar a sacar fotos mentres
toda a parroquia está coas mans levantadas. As igrexas pasan a
maioría do tempo pechadas porque non hai quen as atenda, e nesa
desatención fan o seu botín os ladrón de arte sacro e os caixeiros
que limpan a boeta ou o peto das ánimas.
Seguro que foi por medo a que
eu fose algún deses rateiros do sacro, polo que en certa ocasión, ó
entrar nunha igrexa co meu macuto de explorador, o caderno de campo e
a cámara fotográfica, veu detrás de min unha señora preguntándome
insistentemente e con cara de poucos amigos polo que levaba na bolsa,
mentres eu ficaba embelesado cara a unha santa agarrada a unha cruz
máis grande ca ela. Facía moi ben a mulleriña, porque á fin, o
que hai dentro dunha igrexa é dos fregueses, algo que non entende de
moi boa gana unha boa parte da curia.
Hai moito desalmado e chama a
atención ver a un tipo retratando santos, obrigando ós mal pensados
a sospeitar que as fotos son para ver o que ten valor e logo roubalo.
Ladróns de igrexa sempre os houbo, de dentro e de fóra dela, xa
fose vestidos de garduños, de sotana ou de xeneral de todos os
exércitos, xa fose furtando ás agochas unha imaxe ou ordenándolle
ó párroco que lle levase para o seu uso particular o brazo de santa
Tareixa ou as imaxes de Isaac e Abraham. Tal vez un dos casos máis
curiosos, que uns teñen por roubo e outros por devota custodia, foi
o exercido polo Beato Xoán Xacobe Fernández, natural de Carballeda
de Avía, quen sendo lego no convento de Herbón durante a
desamortización de Mendizabal, cando lle deron o despido porque o
convento pechaba, e temendo non sei que, arramplou coas cousas de
máis valor e agochounas sen dicirlle nada a ninguén para volver á
casa vestido de paisano, a sachar a terra coma calquera veciño.
Algúns anos máis tarde, como non perdera a vocación, antes de
pedir unha praza de cociñeiro entre os misioneiros de Terra Santa,
onde morreu durante unhas revoltas, devolveu os obxectos arramplados
coma quen presenta un certificado de boa conduta.
Pero se de arrampladores de
bens eclesiásticos se trata, aí está ese cura de Ribadeo, que coa
desculpa de levar as pezas a restaurar fixo desaparecer cruces,
imaxes, vasos sagrados e todo o que tivese un mínimo de valor nas
igrexas que rexentou, mentres presumía de luxos que pouco teñen que
ver coa caridade cristiá nin con ningunha outra. E aínda se defende
acusando ó bispado por despreocupado e ós sancristáns que lle
tocaron por ser uns miñaxoias. Este si que non ten a desculpa do
Beato de Herbón, pois aquí non hai ningún Mendizabal ameazando con
retirarlle o patrimonio improdutivo á Igrexa nin obrigando a facer
inventario de valores para cobrar logo o IBI ou o que cadre.
Pero se de arramplar cos bens
de todos queredes falar, preguntádelle ós veciños de Palmeira polo
famoso Viril que se fixo coa xoias doadas polos fregueses tras a
Guerra e da noite para a mañá desapareceu e foi substituído por
unha mala réplica.
(Este artigo foi publicado na sección de Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
(Este artigo foi publicado na sección de Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario