mércores, 6 de marzo de 2019

RIVALIDADES ENTRE PODEROSOS

Por Pepe de Rocaforte
Hai unha porrada de anos, máis de media vida vai alá desde entón, nunha viaxe de vacacións por Italia, cadroume pasar pola pequena cidade toscana de San Gimignano, coñecida como la Città dalle belle torri pola cantidade de altas torres levantadas no recinto das súas murallas. Seica no século XV o número destas edificacións chegou ser de setenta e dúas, cantidade reducida hoxe a tan só catorce.
O motivo polo cal as grandes familias da localidade construían estes rañaceus medievais era o de facer alarde do seu poderío: canto máis alta a torre, máis forte o propietario. Dándolle voltas ó asunto, ocorréuseme a idea de escribir un contiño no cal, alá polo século XIII, un petrucio da localidade , Ercole di Tadeo, poño por caso, decidía construír o máis alto torreón da contorna.
Informado das intencións de Tadeo, un nobre rival, que ben se podería chamar Bartolo Strozzi, animouse a levantar unha torre máis alta que a súa. E así, dunhas noutras, un par de brazas por aquí, un estadal por acolá, acabaron totalmente arruinados polos gastos de construción tanto un coma o outro petrucio.
O conto non cheguei a escribilo, pero hoxe volveume acordar aquela historia cando, noutra visita, desta volta á cidade sevillana de Écija, un simpático guía nos referiu a un grupo de visitantes a historia da construción por parte de dúas poderosas familias locais de cadanseu palacio que fose mostra da riqueza dos respectivos propietarios.
O palacio de Peñaflor, empezado a construír polo primeiro marqués de Peñaflor, Juan Tomás Fernández de Henestrosa e Aguilar-Ponce de León, a principios do século XVIII e rematado en 1775, unha obra máis longa que os apelidos do aristócrata propietario, levántase nunha rúa en curva e, por tal motivo, dun só golpe de vista non se lle pode ver o final. ¡Un edificio enorme!
Pero non contento con esto o señor marques ordenou levantarlle un maxestoso portal de entrada flanqueado por dúas esveltas columnas, unha a cada lado da porta principal, que deixaran pampos a astixitanos e astixitanas.
A todo esto, don Fadrique de Bermuy Altamirano, IV marqués de Benamejí, puxo mans á obra e mandou construír outro palacio, non tan alargado, pero cun portal flanqueado por dúas esveltísimas columnas a cada lado (ou sexa: catro columnas en total), e aí vos queda eso, peñafloritos.

Pero bo che era o marqués de Peñaflor para deixar sen resposta semellante alarde. Inmediatamente dispuxo, na planta alta do seu cacharufo, a construción dun balcón desde o cal saudar á plebe en días de festa sinalada. E este balcón iría flanqueado nada menos que por senllas columnas salomónicas sobre cadansúa cabeza de león. A ver que me dis agora.
Non sei se a construción destes dous palacios foi totalmente contemporánea unha da outra, pero para o caso dá o mesmo. Sexa en San Gimignano, ou en Écija, ou en Cáceres, onde tamén se conta unha historia similar, os guías locais teñen un bo modo de atraer a atención dos turistas que máis ou menos atenden ás súas explicacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario