Por Pepe de
Rocaforte
Buscaba, como contei a semana
pasada, un verso, “trisca el cordero la grama” (así o recordaba), do cal só
entendía de neno dúas palabras: “el” e “la”. E aínda menos mal.
Aquel verso difícil de entender, tan
complicado para min coma un xeroglífico,
estaba nunha lectura escolar infantil e acabeino atopando en “Lecciones de
cosas”, de José Dalmau Carlés. O fragmento era algo distinto do que eu lembraba:
“Bulle el insecto en la grama; / trisca, en el monte, el cordero, / el ruiseñor
y el jilguero / revuelan de rama en rama”.
Daquel poemiña, que o señor Dalmau
Carlés titulaba “La Creación”, era autor don Francisco Martínez de la Rosa, de
quen atopei, completo, en internet “El libro de los niños”, no cal figura, máis
extenso e co título “La primavera”, o texto de onde o
mestre Dalmau sacou o fragmento reproducido nas “Lecciones de
cosas”.
Este repaso ás lecturas escolares da
miña época infantil serviume, entre outras cousas para ver as diferencias entre
uns libros e outros. Por exemplo “Nosotros”, de Quiliano Blanco pareceume un
libro fermosísimo para os cativos. En cambio algúns libros de don José Dalmau
Carlés vinos tan terribles que me causaron arrepíos retrospectivos. Citarei un
exemplo de “El primer manuscrito”.
No texto titulado “La Mentira”
cóntase a historia de Luisito, que chega tarde á escola e á pregunta do mestre
responde coa mentira de que súa nai o necesitou na casa. Convencido de que o
neno mentía o mestre castigouno a quedar na escola unha hora máis despois da
saída dos outros rapaces. Interrogado na casa pola nai da causa da súa tardanza
en volver, respondeulle que o mestre quixera explicarlle ós nenos unha lección
moi interesante. A nai pregúntalle de que trataba esa lección e dese xeito
descobre unha nova mentira do seu fillo. Por este estilo continúa Luisito a súa
vida de mentireiro, “nin os consellos, nin as represións, nin os castigos, nin
as bágoas da súa nai, puideron corrixir ó embusteiro.”
¿Que pasou logo? Que, xa maior, Luís
tivo que abandonar a vila “porque non tiña un só amigo, nin había taller nin
casa honrada que o admitise. Transcorreron os anos e ó fin sóubose que, pobre,
desprezado e aborrecido acabara os seus días no pobre leito dun hospital, sen o
consolo de que unha soa man amiga cerrase as súas pálpebras entreabertas, cando
entregou a súa alma ó Creador.”
¿Como vos quedou o corpo? Pois
exemplos coma este poderedes encontrar uns cantos máis nos libros escolares de
don José Dalmau Carlés. E aínda nalgúns doutros autores que non vou citar para
non alongar excesivamente o caso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario