luns, 11 de marzo de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (9)



                                                            O Curmán de Undochán
Isto das toponimias ten moita gracia e dá para todo –dada a sua case imposíbel sistematización. Parécenos un feito imperialista máis o autochamárense “americanos” os estadounidenses (pior mo pós!), cando americanos son os das Américas todas. Mais a sua razón teñen ao teren sido os únicos que adoptaron, ben cedo, fins do XVIII, para o seu país recén nado, o nome do continente. Así como Colombia tomou para si o nome do almirante, cando debéu ser, segundo moitos, o verdadeiro nome da América.
Mapa da rexión platense, que igual serve para indicar as etnias propias, como para exemplificar a cultura gaucha/gaúcha (a abranguer a porción inferior deste territorio)… como para informar dos países fundacionais do Mercosul, malia de Arxentina e Brasil apenas anacos
Máis adiante, os próceres tiveron o seu posto con Bolivia… que ben puido ser, con máis propiedade, o nome de Venezuela. E innumerábeis nomes de provincias e cidades, tales Morelia (por Morelos, tal vez un Mourelos galego castellanizado tempo atrás)… Logo están os países con nome de río (ao xeito dos Níxer e Congo africanos), tales Paraguay e Uruguay, os cales comparten enxebrismo amerindio (outra opción para aborixen destoutro mundo) cos autóctonos Chile, Brasil, Panamá, Perú, Surinam, Guaianas ou México, Nicaragua ou Guatemala, etc., etc. 
  Neste sentido acho absolutamente legal algúns países da África recuperaren nomes anteriores á conquista europea e así non me parece loucura que Filipinas queira iniciar ese camiño (alén das circunstancias do mandamáis de turno), desbancando o nome de Felipe II. Tamén Montevideo (e xa eran horas!) se iniciou co antenome de San Felipe (por Felipe V), engadíndolle, anos despóis a Santiago (o menor, irmán daquel), por se celebraren o mesmo día 1º de maio. Parella homenaxe rendeuse con outras cidades como San Carlos (por Carlos III, xentilicio: carolinos) ou San Fernando de Maldonado (por Fernando VII, xentilicio: fernandinos).
 Capitais departamentais (provinciais) e entidades menores foron baptizadas con nomes santos, tales San Eugenio (polo Xral. E. Garzón), San Máximo (polo presidente Xral. M. Tajes) ou San Fructuoso (polo presidente Xral. F. Rivera), ás que se foron sumando outras que ainda permanecen, a formaren o “santoral” (todas no departamento de Canelones: Santa Lucía –polo río homónimo-, San Bautista, San Ramón…) e máis outras como San Gregorio  de Polanco (polo Xral. G. Suárez) ou Santa Clara de Olimar, ou Santa Isabel. Algunhas daquelas, coa chegada da laicidade no século XX, pasaron a ser Artigas (S. Eugenio), Curtina (portuñol por Cortinha, exS. Máximo), Tacuarembó (S. Fructuoso) ou Paso de los Toros (de Benedetti, exSta. Isabel).
 Houbo un tempo, aínda, e ata a actualidade, en que os grandes establecementos rurais (estancias) se santificaban santificando o nome de pia da dona consorte: Santa Elena, Santa Blanca… E. por último, moito núcleo tomou nome de persoeiros máis ou menos importantes, así: Batlle y Ordóñez, Juan José Castro, Elías Regules, Carlos Reyles, Ismael Cortinas, Santiago Vázquez… e mírano como natural (?)… remedando os tempos coloniais, en que se fundaron as actuáis capitais Melo (polo virrei de apelido portugués) e Florida (polo conde de Floridablanca)… por máis que esta tamén tivo como antenome S. Fernando (outra homenaxe indebida ao Fernando VII).
 E de onde a eufónica toponimia guaraní, por deturpada que ela esté –alén da sua pegada en fauna e flora-, lingua de importación como ela é? Pois porque aquí houbo non só conquistadores ou colonos europeos, ou escravos africanos; tamén se incorporaron ao territorio (antes e despóis da independencia) aboríxenes do norte, val dicir, das antigas e destruidas Misiones xesuíticas (1770…): os chamados misioneros (como xentilicio, non como actividade relixiosa) e tamén tapes,  e máismente en 1828, seguindo cara ao sul ao caudillo oriental Fructuoso Rivera, que os asentou, sedentarios agricultores como eran, en núcleos máis ou menos duradeiros.
 Nuns campos, malia a sua amabilidade, pouco poboados, (os aboríxenes uruguaianos máis recuados –charrúas, minuanes, chanaes, etc.-, como nómadas cazadores, nunca ateigaron a paisaxe, de xeito que os recén chegados, se non deron transmitido o doce idioma –hoxe cooficial co español no Paraguai-, deixárono ata estes días nos cerros, ríos e mesmo núcleos, cuxo significado apenas se coñece, así: Tacuarembó, Carabuatá, Cuaraí, Quaguaí, Arapeí, Sapucaí, Batoví, Sandú, Tacuarí, Marmarajá, Tupambaé… case todos vocábulos de acentuación aguda, que, como Uruguay e Paraguay, se tornaron incorrectamente graves, dada a preguizosa pronuncia do home rural, que fai pais (por país), maiz (por maíz), sandia (por sandía), tenia (por tenía) etc., etc. (Só aclarar que “i”, quer no principio, quer no final, é a palabra guaraní para auga ou mesmo río: lembrade Iguasú=auga grande).


        Dato extemporáneo: Sóubenvos de duas galego-uruguaias que adoptaron as aldeas natais (Esmelle, Luou) para o seu e-mail. Outros haberá…
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario