luns, 15 de febreiro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (3)


 DE ZUBIRI A CIZUR

Por Pepe de Rocaforte

  

Xardíns do albergue de peregrinos de Maribel Roncal en Cizúr Menor,

a pouca distancia de Pamplona.


20 de maio - Desde Zubiri á entrada de Pamplona proseguimos a nosa ruta entre fermosas paisaxes rurais case sempre pola beira do río Arga, que nos servirá de referencia nun determinado momento en que por irmos de cháchara con outros camiñantes nos despistamos da flecha amarela indicando un desvío do camiño e alá nos perdemos monte arriba ata chegarmos a uns cerrados de arame que nos fixeron entrar en sospeitas de irmos un tanto descamiñados. Daquela, coa referencia do río acolá abaixo, atravesamos a trancas e barrancas polo medio das herbeiras ata recuperar o norte sen maior problema, unicamente o de termos andado  máis ou menos un par de quilómetros a maiores do previsto e eso, aínda que, dito así, pareza pouca cousa, se levas unha mochila ó lombo cos seus bos dez e oito quilos de peso non deixa de ter o seu punto de amoladura.

Xa andada a metade da mañá entramos en Villava por unha ponte sobre o río Ulzama, do outro lado da cal hai un albergue para peregrinos na Basílica da Trindade de Arre, onde ficará unha brasileira a quen acababamos de lle dar alcance e que xa non pode coa alma. Hoxe é domingo e Villava recíbenos con festas. Toca a banda de música na praza e grupos de mozos co seu uniforme de pano vermello ó pescozo, pantalón e camisa branca recén lavados e pasados a ferro, dedícanse a unha desas exhibicións de deportes tan bascotes como tirar dunha corda, cada grupo de forzudos para o seu lado, a ver quen leva ós contrarios arrastro ou, en todo caso, tronza a corda.

Detémonos un pouco a observar ese divertido deporte e logo proseguimos camiño, xa por vías urbanas, cara a Pamplona, por onde atravesaremos a eso das dúas da tarde, cun sol de xustiza e rúas semi-desertas. Só encontramos unha certa animación preto do albergue de peregrinos, cun grupo deles á porta encargados de nos informar moi compracidos que alí xa non queda ningunha praza libre.

Entre outros, xunto á porta vemos ós compoñentes do grupo de italianos atípicos e madrugadores cos que coincidiramos en Roncesvalles. Agora descansan tan panchos á sombra das casas mentres nós pasamos mochila ó lombo camiño do parque da Cidadela e da cidade universitaria e da costa arriba que con este sol das tres da tarde a nos pesar enriba do lombo faranos o traxecto ata Cizur Maior máis longo que un día sen pan.

Menos mal que o albergue que agarda por nós en Cizur Menor (ó lado de Cizur Maior), unha vella casa soarega do século XVIII cun amplo xardín florido e verde céspede, nos resarcirá das fatigas sufridas nesta longa mañá navarra. A hospitaleira, Maribel Roncal, recíbenos chea de amabilidade á sombra dunhas maceiras (¿ou quizais se tratará doutra caste de árbores?), con música barroca de fondo (¿Haendel? ¿Vivaldi tal vez?), e diante de tal acollemento unha francesa de Biarritz que vén canda nós exclama, tal vez un chisco cursi, que despois do inferno de sol pasado pola mañá seméllanos que acabamos de entrar no paraíso. Así que para o resto da tarde propoñémonos desfrutar un pouco del.

(4ª etapa)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario