sábado, 27 de febreiro de 2021

As novas guerras

      

Todas as guerras tiveron e teñen un motivo económico, e, en opinión do amigo Xulio, estas compras e vendas de empresas con que nos asaltan as noticias de cada día, non son máis ca unha guerra encuberta para que uns se enriquezan e outros fiquen na dependencia máis absoluta, xa sexa botándolle a culpa ó prezo da luz, ó dos solares ou ó salario dos obreiros, esas forzas coercitivas que nos levan a bandazos entre a economía e o benestar, e entre o xusto e o necesario.

     Para acadar os seus obxectivos, as técnicas comerciais teñen moito de estratexia militar xogando ó despiste para que o “inimigo” caia nas redes. Gañar adeptos non se distingue moito da captación de socios ou seguidores nas redes sociais. Empezas por soltar unha suposta razón de peso invitando a pulsar o like para que medren os followers e ti e o que vendes xa está ocupando as máis visibles paneis de anuncios.

     Lembraredes aquela noticia que puxo ó mundo en garda hai xa varios meses, como se dunha das travesuras dos malos contra James Bond se tratase, cando empezaron a aparecer nas caixas de correos americanas sobres con sementes non solicitadas enviadas desde China (nin máis nin menos). O medo a aquel galano non pedido era natural aínda despois de analizalas e ver que non eran perigosas, por non saber por que se mandaban nin para que. Finalmente chegouse á conclusión de que os inocentes envíos só eran o cebo dalgunhas empresas para facerse notar nas listas de venda por correo, e así atraer compradores dos produtos que eles fabricaban facéndonos ver que teñen moitos seguidores. Era unha estratexia comercial en guerra aberta con occidente na que os estrategos chinos aplicaron o de “A onde vas Vicente, a onde vai a xente” como unha das máis certeiras armas do mercado para gañar presencia e fama.

     Nesta guerra aberta China acaba de bloquear a canle internacional da BBC, por non dar noticias axustadas ó criterio da autoridade, por poñer en dúbida a ética dos seus mandatarios, por criticar os dereitos laborais e por denunciar a súa política interna perseguindo a algunhas minorías étnicas que non se adaptan ás imposicións gobernamentais. Unha contra medida tomada despois de que os ingleses lle retirasen a licencia de emisión da canle china de televisión en inglés CCTV por acusacións similares.

     Que as novas guerras non matan, pero destrúen sábeno os chinos e sábeno os occidentais cando usan os seus medios para pór en dúbida a ética comercial dos seus competidores sen disparar foguetes transoceánicos, senón con balas fabricadas e disparadas nos mercados bolsistas, no telexornal ou no intermedio das películas, con anuncios aduladores ou difamatorios segundo o interese de cada quen.

     Nestas modernas guerras en que se vai gañando terreo influíndo na opinión pública con sentencias sen desmentidos e ofertas difíciles de rexeitar, aquí, entre nós, para contrarrestar que se pechen fábricas no Cervo, as Somozas ou A Coruña, entran os chinos, coa mala fama que teñen os pobres, poxando con xenerosidade e habilitando polígonos industriais desocupados, para que algunha conserveira siga embalando, aínda que sexa mexillón de Shangai, coa lenda Made in Galicia, sen falar para nada dos horarios, honorarios e condicións laborais, sempre con medo a que se aplique iso de traballar coma chinos en fábricas para as que o atún de Burela ou o mexillón de Arousa pode ser demasiado caro.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario