sábado, 6 de febreiro de 2021

Guía de restaurantes

       

En certa ocasión, en Lisboa, buscando onde xantar entrei nunha casa de comidas abarrotada de xente. A camareira viume a pinta de turista e trocou a libreta de menús que gardaba no mandil por unha folla plastificada con toda sorte de delicadezas que saían da mesma cociña que o resto. Como este é un método amplamente difundido como parte da pillaría dos restauradores, despois de lle botar unha ollada ás mesas do lado chamei pola camareira: “Que é iso que toman os señores?”, preguntei sinalando a mesa do lado. “Bacallau á Gomes de Sá”, respondeu. E ese prato, popular pero con nome de cociñeiro, pasou a formar parte, durante moito tempo do menú con que agasallar ós meus convidados. E cando un amigo me dicía que ía a Lisboa, sempre lle recomendaba o mesmo: “Vai comer á casa do señor Martinho”.

  En estrada o recomendable pasa por parar onde haxa camións aparcados, cousa que en verdade supera a calquera outra clasificación. Unha guía trocando estrelas por camións sería moito de agradecer por todos os que andamos nas estradas: a grande guía das tres “B”. O que non quita que preto de Santiago teñamos un restaurante estratexicamente situado a poucos metros dun concesionario de coches, que se distingue polas moscas que comparten contigo a sopa e o prebe, un  camareiro de chaleco con lamparóns e un cheiro a fricolada que non sacas da roupa en todo o día. 

A pesar das inevitables excepcións, os actuais locais de comida cambiaron moito e para ben; aínda que, canto máis populosos máis hai que agardar a que che liberen unha mesa, é unha vez sentado vén o recitado de pratos a unha velocidade directamente proporcional ó número de clientes que agardan quenda, cando, tantas veces, tes que parar ó recitador porque te perdes nesas gorentosas ladaíñas que apuran os xugos gástricos.

Cambiaron moito as fondas e casas de comidas, de feito creo que xa ningunha se chama así. Agora todas son “restaurantes”, esa palabra que un panadeiro francés de  mediados do século XVIII usou para atraer clientes a quen servirlle unha sopa reconstituínte cun lema escrito en latín e que máis ou menos viña a significar, “vinde homes de estómago débil á miña casa e eu os restaurarei”.


Teño xantado en fondas onde che “restauraban” na mesma cociña, en mesa longa, con outros comensais con quen compartir pan e viño, e coa señora da casa reenchendo o prato como unha nai atendéndote, “coma señor que o día é largo”. Ou aqueles locais onde axiña che acomodaban a carón doutro comensal que, con un pouco de sorte, contábache mil e unha historias da súa vida ou das alleas.

Polo xeral, naqueles locais comíase ben, aínda que moitos deles hoxe en día non pasarían a proba do algodón. Lembro como nunha daquelas cociñas, ó ver un dos comensais como eu apartaba os ósos da carne a unha beira do prato, reprendeume: “os ósos son para o can, que tamén come”. Timidamente boteillos ó can que sentaba a un lado, e ó meu redor sentiuse un murmurio de aprobación. Tras o xantar botamos un Tute na mesma mesa, con café de pota e gotas.

Eran locais que hoxe, na lembranza, seguen conservando unha gracia especial. Ó menos sabías o que che poñían, sempre con ese toque propio transmitido xeración tras xeración, sen correr aventuras de ornatos nin adobíos deseñados para ver e non tocar. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario