xoves, 11 de febreiro de 2021

PINTURAS NA RÚA


Por Pepe de Rocaforte

       

  

            Desde hai xa tempo veño observando a proliferación de pinturas murais nas rúas dalgunhas cidades polas que fun pasando, pero sen fixar excesivamente a atención nelas. Quero dicir: antes de ver en acción neste terreo ó señor alcalde de Madrid (ese home con aspecto infantil e ideoloxía, se se lle pode chamar así, do pleistoceno), non se me ocorreu facer ningunha reflexión nin en un sentido nin en outro sobre estas pinturas en concreto. Tróxenas a estas páxinas algunha vez con diferentes intencións e o máis que entón cheguei a pensar delas foi que era unha maneira aceptable de lle botar un remendo artístico máis ou menos fermoso á desastrosa política urbanística dos nosos alcaldes e a súa permisividade (e non quero pensar nas razóns desa permisividade á hora de consentir paredes medianeiras que non teñen perdón de deus).

            A primeira vez que me fixei algo máis nestas representacións pictóricas foi en Nova York coa obra de Franco “theGreat”, de quen tamén contei algo aquí. Franco fixo da rúa 125 en Harlem, hoxe chamada avenida Martin Luther King, un museo ó aire libre coas súa pinturas, e dese xeito axudou a lle dar un cambio radical á zona.

            Pero onde de verdade empezou a evolucionar a miña opinión sobre os murais na rúa, antes aínda de ter noticia do señor Martínez-Almeida, foi tamén en Nova York, nunha excursión guiada polo Bronx, na cal o guía que nos acompañaba, un simpático colombiano que nos fixo ameno o recorrido, a pesar de que en case os únicos lugares onde parou con nós foi no estadio dos Yankees e logo diante dunha boa cantidade de pinturas murais por distintas rúas da zona, cada unha das cales tiña unha unha triste historia de crimes e delincuencia xuvenil ás súas costas.

            Unha que daquela me atraeu particularmente, indo desde o Estadio dos Yankees para o interior do Bronx, foi a de Big Pun. Confeso que o rap é unha música con escaso atractivo para min; pero tamén debo recoñecer que el foi o único rapeiro autor dunha canción que me agradase: “Puerto Rico”.

Ó cabo regresamos a Manhattan coa impresión de que o principal atractivo turístico do Bronx son as pinturas murais, e hoxe faime pensar que, a falta doutras actuacións urbanísticas, tampouco está nada mal este apaño, no cal deben levar a palma dúas cidades de Irlanda do Norte: Belfast e Derry, onde os murais nos achegan a historia das loitas de onte mesmo do IRA no Ulster, onde, ademais, non tiven ningún dos problemas con que nos ameazaron no Bronx á hora de facer fotografías.


            O motivo de traer hoxe aquí todo esto débese a unha información que vin na prensa hai uns cantos días, na cal se dicía que Vigo ía incorporar dezaseis pinturas murais ó seu “museo de arte ó aire libre”, co cal se chegaba a un total de oitenta e catro murais na cidade. Abel Caballero poñendo sempre por diante a cantidade, ben sexa de luces de Nadal ou de pinturas nas medianeiras. O demais darásenos como aumentado. 

     E case un par de días despois de ver esa noticia no xornal recibín un whatsapp moi ben feito no que se contaban todas as xestións realizadas polos propietarios de “Estrella Galicia” para facer turisticamente atractivo o barrio de Canido en Ferrol reservándolle para pintar alí un espacio a Banksy, un dos máis famosos grafiteiros actuais, debido tal vez en boa parte á circunstancia de se ocultar baixo seudónimo e ninguén ter idea do seu aspecto físico.

            Non pasarían dous días máis cando recibo outro whatsapp, este cunha colección de pinturas murais nas rúas de Zamora, tamén con intención de atraer a posibles turistas. Non sei a que estamos esperando aquí para promocionar un pouco a Yoseba Muruzábal. Eu vin o que este mozo fixo en Ordes e pareceume que coa súa obra cambioulle a cara para moito mellor á vila, vexan se non esa “vendedora de grelos” que se reproduce aquí.

                              

   ¿E na Coruña, que? Home, algunhas cousas tamén hai e a min, por exemplo, paréceme merecente de atención un mural na fachada dunha casa da rúa de Montroig, esquina a Orillamar, en certa medida por se apartar un pouco do hiper-realismo, máis estilado actualmente. Pero aínda queda moito espacio para moitas intervencións máis, desgraciadamente nalgúns casos.

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario