Por Pepe de Rocaforte
A semana pasada comentei o caso dos candados na ponte do Patriarca en Moscú. Hoxe volvo sobre a ponte. Despois da catedral de San Basilio, a Praza Vermella, o Kremlin e o convento de Novodévichi, (das Novicias. Ou das Novas Doncelas, como lle chamaba unha guía que nos orientou alí), para min é este un dos lugares máis atractivos da actual capital de Rusia, por representar o punto de enlace sobre o río Moscova doutros dous edificios interesantes. Ó sur a Galería Tretiakov, que se non resiste a comparanza co Hermitage, garda en cambio unha gran colección de pintores rusos, á cal tamén paga a pena facerlle unha visita, sen o agobio do museo peterburgués. E ó norte da ponte a catedral de Cristo Salvador, importante máis que nada pola súa historia, da cal non me resisto a dar un breve resumo:
En decembro de 1812 o zar Alexandre I decretou a construción deste templo para “expresar a gratitude á Divina Providencia” por ter salvado a Rusia da invasión napoleónica. As obras non empezarían ata 1839, reinando Nicolás I, quen por non lle gustar o estilo neoclásico do deseño inicial, ordenara trazar uns novos planos seguindo o estilo do templo de Santa Sofía de Constantinopla. Unha vez os planos ó gusto do emperador, proseguiron, nun novo emprazamento, as obras cuxo remate se produciría a tempo para consagralo o 26 de maio de 1883, día da coroación do zar Alexandre III. Pero... nun medio tempo posterior produciuse a revolución bolxevique e en 1931 o novo zar, Iósif Stalin, mandou destruír a catedral da Divina Providencia para erixir no seu lugar o “Palacio dos Sóviets”. A destrución do templo debeu ser un espectáculo fabuloso para os moscovitas. Eu vin un documental sobre a súa explosión e impresionoume. ¿Canto máis fácil, rápida e espectacular non resulta unha destrución que unha lenta construción?
¿Acaba aquí o conto? ¡Non! Entre 1939 e 1941 botáronse os cimentos do que ía ser o Palacio dos Sóviets, pero a Segunda Guerra Mundial paralizaría a continuación das obras. Non había diñeiro para tales gollerías e, no seu lugar, sobre os cimentos daquela obra inconclusa, edificaríase a piscina pública Moskvá ó aire libre.
Pero á historia aínda faltaba por lle poñer a guinda. Co apoio do primeiro presidente de Rusia, Boris Yeltsin, en 1988 formouse unha organización pública para reconstruír a catedral de Cristo Salvador, que debía ser exactamente igual á do proxecto escollido por Nicolás I. E agora si, desde o ano 2000, en que foi novamente consagrado, aí temos o templo ortodoxo máis alto do mundo, contemplando co seu aspecto branco e amablemente bondadoso ás parellas que van fortalecer a súa unión sobre a ponte do Patriarca.
Agora vén o meu recordo particular: Á parte dos candados dos que xa falei, contáronme que hai unha tradición, segundo a cal o día do casamento o noivo ten que atravesar sete pontes coa noiva en brazos, exercicio que seica lle traerá felicidade segura ós recén casados. Atopar sete pontes, en Moscú non representa problema, porque cada media versta, ou menos, hai unha sobre o río. Noutros lugares non sei como farán; ó mellor atravesan sete veces a mesma ponte e tamén lle vale.
En fin, xa que estaba por alí, decidín facerlle unhas fotos ás parellas de noivos que vise en plan de cumprir a tradición. Nas aquí reproducidas pódese ver esta secuencia:
1) Fágolle a primeira foto ós noivos desde atrás.
2) O individuo que mira á cámara (o primeiro pola esquerda) chívase de que estou fotografando á parella e o noivo vólvese a increparme, ou eso supoño eu.
3) O noivo colle de novo á noiva en brazos.
4) E vén con ela cara a min, que non sei ben o que facer e así me sae a foto.
Finalmente a parella chega ó meu lado, dáme a man, sorrimos todos e quedamos tan amigos sen entendermos ningunha palabra, nin por unha parte nin pola outra.
Como remate poño unha cita que me pasou un amigo: “Nas rúas de Moscú oise dicir que, de todas as mentiras que nos contou o comunismo, había unha que era verdade: o capitalismo é peor”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario