2 – DE RONCESVALLES A ZUBIRI
Por Pepe de Rocaforte
19 de maio - Despois dunha noite relativamente mal durmida, nun dormitorio colectivo con máis de cen liteiras, rodeados duns italianos atípicos e con ganas de festa, que se ergueron a unha hora en que debería ser pecado tal cousa, botámonos outra volta ó camiño.
ZUBIRI, A PONTE DA RABIA. EN TEMPOS SEICA DICÍAN QUE CANDO ALGÚN CAN ARRABIABA TRAÍANO Á PONTE E FACÍANLLE DAR UNHAS VOLTAS ARREDOR DUNHA DAS CEPAS, DESPOIS DO CAL FICABA CURADO. |
De Roncesvalles a Zubiri a paisaxe é dunha gran fermosura, como tamén o foi a da etapa anterior e como o será a da etapa seguinte segundo nos contan. A Zubiri, onde un compañeiro se empeñou en facer noite, chegamos cedo, a eso das doce da mañá, despois de pasarmos por varias pequenas aldeas, limpas e coidadas, de portas aínda pechadas e sen mostras de actividade.
Burguete, rodeada de prados, Espinal, Viscarret, foron ficando atrás. En Espinal iniciamos unha subida ata o alto de Mezquiriz, onde pasamos pola beira dun monumento á Virxe de Roncesvalles a carón da estrada, da que nos afastaremos en Viscarret para nos internar monte arriba, pola beira dos “pasos de Roldán”, unha das moitas referencias a este personaxe histórico-literario con que nos atoparemos ó longo do camiño ó seu paso por Navarra, e aínda máis adiante, en terras de Burgos.
Detémonos en Zubiri á beira da “Ponte da Rabia”, unha fermosa construción gótica sobre o río Arga, por aquí repousado e transparente, con aspecto de ser abondoso en troitas. Como aínda é cedo, paramos un pouco a gozar da alegría do sol matinal de leria cun paisano a carón da ponte, mentres esperamos a chegada dos compañeiros que ficaron atrás. E dunhas noutras o bo do home, xa establecida unha pronta confianza con nós, acaba por nos interrogar sobre un tema que pica a súa curiosidade: saber se nos albergues dormen homes e mulleres xuntos. «Si, pero non se preocupe: chegamos tan cansos, que non pasa nada», tranquilízao Inma.
O albergue de Zubiri está situado no local do que foron as escolas infantís. Como esta non é unha parada de final de etapa, segundo as guías, aquí non se deteñen moitos peregrinos, gracias ó cal, ó sermos menos, empezamos a falar uns cos outros con maior familiaridade da experimentada en Roncesvalles. Así descubriremos a variedade de xente que se bota ó camiño.
Hoxe coñeceremos un matrimonio de Mondragón, ela tal vez descendente de Sancho O Forte, porque me saca en estatura máis de media cabeza. Unha muller que me inquietou de entrada, cando cun vozarrón uns cantos decibelios por riba do normal, preguntou: “¿Hai algún madrileño aquí?” Ficamos todos en silencio, eu lembrando as ácidas disputas que tiña presenciado nos meus tempos de Bilbao entre algúns vascos e moitos madrileños. Pero axiña me tranquilicei cando a boa señora se explicou: “É que alguén deixou a porta aberta e non vai tanto calor como para eso”.
Tamén mantivemos conversa con outro matrimonio, este uruguaio, que despois de dúas etapas xa vén para o arrastre. E cunha brasileira mulata, guapa, nova aínda, pero que máis adiante contaranos que ten tres fillos, a quen xa viramos o día anterior, a pasadas repousadas pola baixada pouco antes de chegar a Roncesvalles. E outro brasileiro máis, a quen fixen referencia onte: aquel ó que non lle gusta o fútbol nin Paulo Coelho, a quen onte vimos camiñar costa arriba despreocupado e cantarín, vestido só cunha camiseta de manga corta e pantalón de deporte polo alto onde o aire era algo máis que fresco e a bruma algo máis que néboa. E unha norteamericana de Nova York que practicamente non fala unha palabra de castelán... En fin, unha cantidade de xente das máis diversas procedencias, algunha que continuaremos vendo máis adiante e coa que chegaremos intimar. Outra que perderemos de vista xa para o resto do camiño.
(3ª etapa)
Ningún comentario:
Publicar un comentario