sábado, 13 de febreiro de 2021

Argumentos e desculpas.

     Que o can do veciño do quinto me esperte todas as noites ás tres da mañá, non está ben. O can non ten culpa de que o seu amo chegue a deshora, o agasalle con un óso sen carne e lle faga unhas garatuxas na caluga polas que o moi educado animal lle dá as gracias con sonoros ladridos. O veciño non fai ruído, certo, pero as consecuencias do seu animalismo molestan moito.

     É un problema iso de non distinguir entre o legal, o aconsellable ou o recomendable,  asuntos tan difíciles como o que estamos vivindo coa pandemia, onde normas, leis e recomendacións conviven con actuacións e actitudes pouco solidarias, a cabalo entre o desexo e a obriga que nos ten a todos un pouco excitados. E non sei se é unha apreciación miña, pero como parece que xa se adiviña ese final do túnel tan agardado, éntrannos as présas por recuperar o tempo perdido.

 

Certamente, esta pandemia púxonos a proba. Uns mellor ca outros adaptámonos ás normas, regras, consellos e relacións sociais que se impoñen, recomendan ou, por nós mesmos, adoptamos en ben propio e da comunidade, con eses altos e baixos que moven a curva de doentes e falecidos como unha onda de mar de fondo contra a que, con maior ou menor esforzo, remamos e siamos cada quen como mellor sabe. A touro pasado (coma sempre), empezamos a analizar o que cada un, individualmente, fixo mal, por que nos relaxamos antes de tempo, quen levou a buceira polo pescozo, quen foi de Boiro a Cambados en pleno confinamento por camiños de carro, quen baixaba as persianas do bar para que os seareiros seguisen consumindo sen restricións, ou quen se negou a aceptar as máis elementais recomendacións de saúde pública achacándolle o punitivo adxectivo de imposición.

     A ética que tanto pregoamos e tan pouco aplicamos, aprendeunos a distinguir máis aló dos argumentos con que desculpamos ou culpamos as distintas actitudes, tal é a diferencia entre o legal e o recomendable, aquilo ó que estamos obrigados e de non cumprilo corremos o risco se ser multados, e o que só nos vai valer unha reprimenda por falta de solidariedade; pero tamén entre o que nos convén como individuos e o que podemos facer máis alo do convinte para ben de todos. Esas actitudes que sen ser obrigatorias ou recomendables son lóxicas, como non fumar diante dos nenos ou nun local pechado; e sobre todo está o exemplar, iso que ademais de ser o convinte, necesario, idóneo e apropiado, parte de nós mesmos e leva consigo unha mensaxe de exemplaridade. Combinar todo isto, di o amigo Xulio, seguramente faría máis doado todo o conflicto que levamos padecendo e non damos sacado de encima, tantas veces tan só porque a unha minoría lle dá por non mirar máis aló da punta do nariz, por pretender saber máis ca ninguén polo método de levar a contra con argumentos de vendedor de remedios xamánicos, pretendendo deixar todo atrás antes de tempo, eses tan dispares enfoques de cada quen, impoñendo o dereito do individuo ó seu libre albedrío sobre as necesidades da sociedade. Tan absurdo como que na reunión da comunidade de veciños, por dicirlle ó do quinto que o seu can molesta, el nos acuse de maltratadores de animais e de non entender que a mascota tamén necesita cariño.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario