As Crónicas desde o Outro Mundo, agora en formato dixital para ser descargado desde a páxina “Libros na artesa”
Ó largo do 2019 e 2020, a través de cen entregas, o “Curmán de Undochán”, enviounos semanalmente a súa visión da relación de Galiza co Uruguai, un país que ó largo dos anos acolleu a milleiros de exiliados económicos (e outros varios políticos) que atoparon nas súas vilas e cidades o que lles faltaba na súa terra. A relación entre ambas beiras do Atlántico non só aportou esa mellora, liberdade e paz que os galegos buscaban, senón que deixou aló moitas pegadas que nos falan de integración e colaboración comercial e cultural.
Así o Curmán de Undochán (baixo cuxa capa apenas se dá ocultado o esquecido Cide Hamete Benengeli) vai buscando entre as distintas facetas da sociedade, esas pegadas que aí permanecen como marcas de irmandade que o autor nos amosa. Encontramos apelidos galegos dándolle nome ós estadios ou ás principais rúas das súas cidades, entre os artistas, deportistas, escritores e políticos que alongan as raíces xenealóxicas nas vilas e aldeas galegas.
Traballo esclarecedor para entender unha parte da nosa emigración (un dos feitos máis significativos da historia de Galicia), presentámolo e brindámolo en tres formatos para descargar libremente, EPUB, MOBI e PDF, con unha non pequena diferencia entre eles: o formato PDF inclúe fotografías que axudan a entender esta relación de que falamos, en canto nos formatos EPUB e MOBI, decidimos non incluír esas imaxes porque, ó ser en branco e negro, moitas delas quedan convertidas nunha mancha escura que só ocupa espazo e non aportan nada ao texto, como era a finalidade do autor.
Aquí vos queda pois, esta senlleira obra que agardamos sexa do voso interese, de todos aqueles que dalgún xeito recoñecen na emigración unha das facetas da nosa historia e da traxectoria vital dos galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario