DE LOS ARCOS A VIANA
Por Pepe de Rocaforte
24 de maio – Neste novo día, de mañá cedo, espreguizados polo barullo que arman para erguerse con noite aínda un grupo de franceses nas liteiras ó noso lado, tamén nós colleremos camiño para, polo “Portal de Castilla”, deixar atrás Los Arcos. Logo dunha subida non moi pronunciada chegamos a Sansol, onde facemos o primeiro alto para subirmos ata o adro da igrexa, desde onde se divisa unha fermosa panorámica da vila próxima, Torres del Río. Onda a igrexa batemos cunha brasileira alta, fraca e loira, con cara de poucos amigos, María Lúcia Non Sei Cantos (o apelido é alemán, pouco doado de deletrear), quen máis adiante, camiño andado, empezará a establecer unha boa amizade con nós. Agora a moza, con escasas palabras e acenos de non querer dar moitas confianzas, pídeme que lle faga unha foto co fondo da vila próxima e na que figure tamén o cartel co nome da localidade. Á miña pregunta se non quere que lle tire outra fotografía diante da fermosa igrexa que temos ó lado, coa súa esvelta torre barroca de corpo afiado coma pescozo de xirafa, encóllese de ombros e acaba dicindo que non. Unha vez feita a foto, a brasileira despídese sen nin sequera un sorriso.
Baixamos ó río para a seguido subirmos a Torres del Río, coa súa igrexa do Santo Sepulcro, de reminiscencias templarias, monumento airoso, de planta octogonal, cunha arquitectura chea de gracia e harmonía, un tanto similar á do templo de Eunate por onde pasamos hai tres días. Aquí achégase a nós outro brasileiro con quen nos vimos vendo desde Roncesvalles, Manuel, home forte e cordial, que estableceu amizade cun mozo australiano de quen se fixo compañeiro e intérprete e que camiña sempre xunto con el. Manuel parece ter unha teima especial con eso dos templarios. Despois de conversar un pouco sobre eses para min misteriosos frades guerreiros, aproveito, aínda sen vir moito ó caso, para lle sacar o tema de Paulo Coelho. Dime que se trata dun autor que non lle gusta, pero concede que parte do interese actual dos brasileiros polo camiño débese a el, deso non cabe dúbida. Por outra parte di que cando leu o libro do seu compatriota –porque confesa que o leu– pareceulle que o do Camiño se trataba dunha invención del, pero logo ofreceron na televisión unha serie documental sobre o Camiño de Santiago e daquela, como tantos outros, decidiu vilo facer.
Manuel é un home que a todos lle cai simpático, sempre alegre, sempre cheo de curiosidade por todo. Cando o ves pregúntaslle “¿que tal, Manuel?”, e el ergue o polgar, cun sorriso de orella a orella. “¡Óptimo!”, é sempre a súa resposta. Tal vez outra das razóns de facérseme simpático a min é que un día, despois de xa varios de coincidirmos no camiño e nos albergues e falarmos dunha cousa e outra, mostra a súa estrañeza cando lle digo que non son portugués, tal como el seica imaxinou. A partir de aquí chamarame “o español que fala con sotaque portugués”(!?). Hoxe afastarase de nós porque prefire chegar a Logroño, para facer final de etapa alí e coñecer un pouco a cidade.
Outros que tamén deciden deixarnos hoxe atrás son o matrimonio de Mondragón, José Mari e a súa muller, a xigantona Marichu, que queren chegar a Santo Domingo de la Calzada canto antes e botar alí a fin de semana nun piso que mercaron para pasar os veraos e a onde mañán virán visitalos os seus fillos. De todos modos dinnos que alí agardarán por nós, de modo que non é un “adeus”, senón un “ata logo”.
En Viana empezamos a parte máis “festiva”, se me permiten chamarlle así, da nosa peregrinación, gracias á confraternización cun grupiño formado por dous vascos, de Eibar, Jaime e Jesús. Un zaragozano residente en Torrevieja, de quen xa falei antes: Fernando, o que se dá uns certos aires con Gila. Un pre-xubilado de Telefónica, Luís, natural de Segovia, aínda que, di el, cidadán de toda España, pois botou varios anos traballando en distintas cidades do país, ultimamente en Logroño, onde vive a súa actual compañeira sentimental, moitos máis en Cataluña, e agora residente en Zaragoza.
Forman parte tamén do grupo, aínda que xa por escaso tempo, pois ó día seguinte regresarán ó seu país, dúas mozas holandesas de abondosas carnes, e tres rapazas catalás, con opinións moi duras e radicais sobre os homes; pero non por eso refugan as invitacións que os homes –por suposto intelectualmente inferiores– lle poidan facer. (Estas mozas seguirán a ruta canda nós. Aínda non teñen claro onde deixarán o Camiño para regresar a Barcelona, pero ata Santiago non irán porque non lle chega o tempo que lle queda de vacacións).
Á parte, ademais dos cinco galegos que viñamos xuntos, completa o grupo, aínda que por un só día, a señora vasca do nocello escordado a quen me referín con motivo do incidente no albergue de Los Arcos.
O eibarrés Jesús (“Chus”), home con afeccións culinarias e seica gañador de varios premios como cociñeiro, obsequiaranos hoxe cun marmitako de “alta escola”, en cuxa preparación teremos que participar todos, mentres o seu labor, como comprobaremos máis tarde, se vai reducir a dar instrucións mentres os demais traballamos.
En fin, o resultado final foi alimenticiamente aceptable e despachámolo coa promesa de cada un dos restantes membros do grupo corresponder no seu día cun prato da cociña propia do seu país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario