martes, 30 de marzo de 2021

OS OBXECTOS DE XABIER


Por X. Pérez Mondelo 

Xabier nunca nos dixo que non e, daquela, nós sempre lle dixemos que si, aínda que só fose para estarmos á altura da súa insubornable lealdade. Tampouco nunca nada lle demos e, certamente, tampouco el nunca nada nos pediu. E así fixo con todos os que o reclamaron ao longo dos anos e do país.

     Nunha das súas interminables andainas de narrador errante, un día acompañounos nunhas xornadas literarias que todas as primaveras organizabamos no instituto sobre literatura infantil e xuvenil de Galicia e do ancho mundo, que el tanto tiña percorrido no seu afán de contar.

     Para os que alí estabamos, rapaces e profesores, nun salón de actos onde xa non cabía unha agulla, a intervención de Xabier foi inolvidable pola súa entrega e pola súa arte única de narrar. Durante tres horas ben cumpridas todo o espazo foi un ámbito máxico do que ninguén quería despertar: un acto de amor á palabra e a cada un dos presentes, aos que se entregou sen límite. Un esforzo tan xeneroso, ao que non tiñamos máis forma de agradecer que as nosas grazas e que nos levou a non voltar de aí en diante a pedirlle favor ningún, en canto que, 'de tanto amor en xusto pago', non tivesemos outra xeito de gratitude máis acaído que lle ofrecer . Sempre nos quedará esa débeda pendente, como a que tantos de nós contraemos co seu amigo Agustín e tantas outras e outros creadores que a ninguén pediron nada a cambio. E esas non eran forma de proceder, esa lixeireza á hora de tratarmos na nosa casa aos nosos propios convidados, os mesmos que en tantas ocasións nos teñen honrado coa súa presencia.

     Non recordamos máis nada dese día. Só a súa entrega desmesurada.

     Seguramente algún dos contos e sucedidos daquela tarde fosen os agora recollidos no seu novo libro, Contos de obxectos, belamente iluminado polas fotografías do seu fillo Daniel. El déixaralles dito a el e a súa nai María Xesús Bello que nunha gabeta quedaba este tesouro: oito contos inolvidables nos que Xabier, como adoitaba facer en todas as facetas da vida e nos seus múltiples compromisos, puxo a súa alma núa e enteira de neno chairego, mestre ledo e narrador clásico, dos de longa estirpe, un saber aprendido por camiños de 'carne de peito', só transitables polos elexidos. Unha elección que lle viña dada, imposible de aprender en taller ningún de escrita narrativa. El tiña ese don, víñalle de nacencia, de pai muiñeiro de pucha enfariñada, e nai costureira, e de toda a súa veciñanza. A súa arte non é impostada nin libresca, el coñecía os códigos secretos dos contadores vellos, ao cabo pertencía a esa tribo e tiña interiorizada de seu toda a súa cosmovisión e os seus modos de expresión, e de aí a naturalidade, a verdade de toda a súa obra, da que este libro é a quintaesencia. Diríamos que o máis alto logro. O derradeiro galano que nos deixa Xabier P. Docampo, irmao sempre e con todos xeneroso.

Tallo feito por Xabier para a súa casa de Vilarón, na Capela".

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario