DE NAVARRETE A NÁJERA
Por Pepe de Rocaforte
Panteón dos Reis en Nájera |
26 de maio – Hoxe volvemos facer unha etapa curta, tal vez para nós a máis curta do camiño: só catorce quilómetros; pero non quixemos alargar a camiñada porque a noite anterior quedaramos co grupo “culinario” en xuntarnos aquí. O malo é que cando xa imos chegando ó final da etapa atopamos ó eibarrés Jaime que vén de frente cara a nós, acompañado dunha filla que, xunto con outro fillo e a muller, viñera visitalo o día anterior a Navarrete. A muller traía un coche e os fillos outro. Por facer unha proba de como era a cousa de camiñar quixeran os tres, muller e dous fillos, facer a etapa a pé e daquela Jaime e Chus colleran os dous coches e viñeran con eles pola estrada. Con tan mala fortuna que nun momento en que se lle cruzou un can, Jaime freou en seco para non atropelalo e Chus, que viña detrás, empotrouse contra el e disque está ferido.
Agora Jaime e a filla viñan de avisar a grúa e unha ambulancia e regresaban ó lugar do accidente. Despois, xa pola tarde, saberiamos que o de Chus non foi moito. Un ollo morado, cunha ferida na cella, contra a que se lle rompeu un cristal das gafas, e outra nunha perna, por baixo do xeonllo, aínda menos mal. Esta última lesión posiblemente lle impida proseguir o camiño.
Polo demais, día sen outras historias. Sábado. Moita xente de paseo. Nais con nenos en cochiño pola beira do río. Nunha rúa do centro da vila atopamos un belga que se ofrece a mostrarnos onde se encontra o albergue. Cóntanos que el xa fixo seis veces o camiño, unha delas desde Brujas, dous mil oitocentos quilómetros. A viaxe levoulle catro meses. Agora está acondicionando unha casa que mercou en Azofra para instalar outro albergue, porque seica o que hai alí actualmente é moi pequeno e resulta insuficiente para tanto peregrino como se bota ó camiño na actualidade. Dános unha tarxeta e di que se para o ano volvemos xa poderá ofrecernos aloxamento.
Xantamos nun mesón con moi boa relación calidade-prezo, como se di agora. Unha minestra de verduras, año con pementos, torta de queixo e viño. Despois do xantar, unha tarde de sol e preguiza. Facemos un percorrido polo mosteiro de Santa María la Real, cun marcado aire de templo-fortaleza, onde o fresquiño convida a descansar, afastados do sol exterior. Aproveitamos para visitar no interior o panteón dos reis de Nájera-Pamplona, que nos trae á cabeza os sepulcros dos reis de Galicia na catedral de Compostela. Por certo: eses aínda non os puidemos ver. ¿Cando os abrirán ó público?
De novo polas rúas da vila, con este día de calor dá gusto pararse na sombra entre as pedras vellas, roídas polo tempo. Logo, cada un do noso grupo vaise pola súa conta; nós imos dar un paseo pola aba do monte que, cortado case a pico, protexe a poboación. Seguimos un camiño ata a entrada dunhas covas que nos chamaron a atención desde a beira do río, pero o acceso a elas está cortado cunha porta de ferro e chapa. Seica coma estas hai por aquí algunhas máis e non teñen que ver con aquela na que se encontrou, debaixo de onde agora está a catedral, a imaxe da “Virgen de la Cueva”, ¿a de “que llueva, que llueva”? Ó mellor si. Finalmente, sen lle botar unha ollada a tantas máis cousas como hai que ver nesta vila, non nos queda máis remedio que regresar ó albergue para preparar a cea e logo buscar o merecido descanso con vistas a mañán,.
Ningún comentario:
Publicar un comentario