luns, 1 de marzo de 2021

FACENDO O CAMIÑO (5)

DE PUENTE LA REINA A ESTELLA

Por Pepe de Rocaforte

 

22 de maio. - En Puente La Reina, a vella “Calle Mayor”, “Nagusia Kalea”, ten a consabida tenda de comestibles para estafar ó peregrino (amigo, busca sempre repostar vituallas en rúas que non cadren no Camiño Francés ou nas súas proximidades. Xa ben me advertira en Roncesvalles unha moza que me cobrou catrocentas cincuenta pesetas por dúas botellas de litro e medio de auga mineral, cando lle comentei que a altura dos prezos era maior que a dos Pirineos: “Esto non é un supermercado, amigo” –o de amigo póñoo eu, ela nin eso–).

 


Aquí xúntase o camiño que nós traemos co de Somport, do que nos fala marabillas unha moza chilena, de aspecto sofisticado, que nos cadra de veciña na liteira do lado. Está tan entusiasmada que xa nos fai pensar en, para outro ano, iniciar nós tamén o camiño desde ese punto, se nos atopamos con ganas para repetir a aventura.

Na igrexa de Santiago, monumental, hai unha imaxe de Santiago Peregrino, “Santiago o Negro”, dinlle, de serpentinas barbas e unha boca de carpa a piques de morder o anzol, cun fermoso gorro medieval e o seu caxato regulamentario. Non sei ben a súa historia nin a do Cristo renano que hai noutra igrexa ó lado do seminario dos PP. Reparadores (Como tampouco sei o que os tales padres “repararán”).

Da vila, coas rúas trazadas en forma de parrilla para o churrasco, sairemos ó día seguinte para iniciar o camiño de Estella pola ponte fortificada que chaman Dos Peregrinos, que despide un evocador perfume de excrementos de ovella ó noso paso.

 Estella xa é outra cousa. Digo Estella e debería dicir Lizarra, ¿ou acaso non me sinto molesto co “La Coruña” do inefable señor alcalde herculino? Na vila hai igrexas a darlle co pé, todas merecentes de visita. Está tamén o palacio dos reis de Navarra, cun seica famoso capitel no cal se representa a loita de Roldán co xigante Ferragut. O palacio, restaurado, é sede dunha exposición permanente dos cadros de Gustavo de Maeztu, á que nos propoñemos xirarlle unha visita, en compañía de dous valencianos con quen vimos coincidindo todos estes días.

Polas rúas da vila revoan plácidas no aire unha grande cantidade de sementes de chopos e álamos, envoltas na súa característica penuxe arredondada, ás que non lle sei o nome, pero moi doadas de identificar. Esta especie de bolas como de algodón, que en castelán chaman “vilanos”, ó se iren pousando no chao ofrecen unha impresión parecida a dunha nevada abondosa, neste caso cálida, primaveral. Ó velas aboiar como en cámara lenta, seguindo as suaves reviravoltas da brisa, síntome encher de tenrura coa lembranza dos rapaces correndo e brincando para pillalas no aire na inesquecible Amarcord felliniana.

Recende a primavera por todas as partes, o que nos convida a alixeirar un pouco o peso das mochilas prescindindo dos impermeables, cos que facemos uns paquetes e imos con eles á oficina de Correos, onde os despachamos para A Coruña.

Como para se rir de nós e dese noso acordo de reducir peso, a media tarde cai un chaparrón de agárrate, con moita obra de lóstregos e tronos. Menos mal que así aproveitamos para visitar, como xa nos propuxeramos antes, o palacio dos Reis de Navarra, recio edificio do século XII, ampliado e modificado no transcurso dos séculos, no cal se instalou aínda non hai moitos anos o museo do pintor Gustavo de Maeztu, que nos entretén o tempo suficiente para esperar a que remita a tormenta, que non tardará moito en calmar para deixar paso ó canto dun galo que debe querernos advertir que xa nos podemos ir sentar ó fresco nunha praza ó lado do río.

Respiro a todo pulmón, e envolto na calma de despois da tronada, paréceme chegar un certo cheiro a “Carlistada”, pensamento probablemente traído á miña imaxinación debido á proximidade de Montejurra.

En fin, volvamos ó albergue e descansemos, mañán será outro día.

 

(6ª etapa)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario