mércores, 10 de marzo de 2021

UN PERCORRIDO DE LIBRO

 

Por Pepe de Rocaforte

 

     


Hai cousa de quince anos, no transcurso dunha viaxe por Exipto estabamos no Cairo diante da perspectiva dun día enteiramente libre para nós, sen ningunha visita programada, e como para o noso gusto, despois de visitadas as pirámides e a súa esfinxe vixiante, o Museo Exipcio, co tesouro de Tutankamon, a Mesquita de Alabastro, na Cidadela de Saladino, e algúns outros lugares máis, ocorréusenos á miña muller e a min preguntar pola posibilidade de aproveitar o día para irmos coñecer Alexandría, onde un par de anos antes se inaugurara con resonancia mundial a nova Biblioteca Alexandrina.

Preguntámoslle a un dos guías que nos acompañaban e díxonos que non nos pagaba a pena: a excursión levaríanos tres horas de ida e outras tantas de volta, o cal deixaríanos un tempo moi escaso para facer un mínimo percorrido pola cidade. Así e todo consultámolo con outro guía, un mozo cheo de entusiasmo para todo, cristián copto, seica cunha noiva en Cataluña, e respondeunos que lle parecía unha idea estupenda, a viaxe só duraba dúas horas, e non tres, e estaba seguro de que nos había gustar, porque Alexandría era a cidade máis europea de Exipto, mal sabía el que semellante loanza sería o que máis pesaría en nós á hora de renunciarmos a realizar a excursión.

Traio esto a conto porque acabo de empezar a ler un libro, “El infinito en un junco”, de Irene Vallejo, e produciume tal impresión de entrada que me vai obrigar a deixar de lado canto tiña entre mans estes días para me mergullar nesta historia dos libros e a lectura que o entusiasmo con que esta muller me prende e me fascina, co seu poder evocador desde a primeira liña do prólogo, fórzame a non deixar a lectura case nin para comer.


E para que vexan que non esaxero, ofrézolles unha tradución extractada da primeira páxina do prólogo, como pórtico prometedor dunhas marabillas que se van abrir ante o lector: «Misteriosos grupos de homes a cabalo recorren os camiños de Grecia. Os labregos míranos con desconfianza (...) a experiencia ensinoulles que só viaxa a xente perigosa: soldados, mercenarios e traficantes de escravos (...) Os xinetes cabalgan sen fixarse nos aldeáns. Durante meses escalaron montañas, franquearon desfiladeiros, cruzaron vales, vadearon ríos, navegaron de illa en illa. (...) Adentráronse en terras batidas pola peste. Atravesaron bisbarras arrasadas por incendios, contemplaron a cinsa quente da destrución e a brutalidade de rebeldes e mercenarios en pé de guerra Camiñaron sen rumbo días enteiros so a furia do sol ou as tormentas (...) Coñeceron o suplicio dos piollos e o medo constante ós salteadores que infestan os camiños (...) É lóxico que teñan medo. O rei de Exipto confioulles grandes sumas de diñeiro antes de envialos a cumprir as súas ordes á outra banda do mar (...) E, aínda que os puñais dos ladróns, as enfermidades contaxiosas e os naufraxios ameazan con facer fracasar unha misión tan cara, o faraón insiste en enviar os seus axentes en todas as direccións. Desexa apaixonadamente, con impaciencia e dolorosa sede de posesión, esas presas que os seus cazadores secretos rastrean para el, facendo frente a perigos ignotos. Os labregos (...) os mercenarios e os bandidos abrirían os ollos con asombro e a boca con incredulidade se soubesen o que perseguían os xinetes estranxeiros.

 Libros, buscaban libros.»

Un pouco máis adiante a autora convidaranos a acompañala nunha incrible viaxe con Alexandre Magno, o home que ós vinte e cinco anos se propuxo a conquista do mundo, propósito que se truncaría en parte sete anos máis tarde, cando a morte se interpuxo no seu camiño.

Atrás deixaba unha gran cidade en construción, Alexandría, labor que proseguiría o seu lugartenente Ptolomeo, asentado en Exipto de regreso da expedición asiática. E Ptolomeo mandaría edificar nesa cidade a carón da illa de Faro o Museo e a Biblioteca de Alexandría; non esquezamos que, cando Aristóteles lle ensinara os poemas homéricos, fixera medrar en Alexandre o desexo de se parecer a Aquiles, pero tamén o amor pola lectura, do cal é boa mostra que durante a súa longa expedición guerreira durmise co seu exemplar da Ilíada debaixo da almofada.

A historia continúa e, se non se me torce a intención, tratarei de proseguir referíndoa, guiado por Irene Vallejo, nalgunha das semanas próximas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario