mércores, 3 de marzo de 2021

BORGES, CORTÁZAR E OUTRO

Por Pepe de Rocaforte

 

    


No prólogo a  “Cuentos únicos”, escolma de narrativa fantástica publicada en 1989 por Siruela na colección “El ojo sin párpado”, o autor da selección, Javier Marías, fai unhas apreciacións sobre as circunstancias consideradas imprescindibles para que un determinado escritor pase ou non á historia da literatura. Di Marías que sempre se estimou como máis necesaria a calidade da obra dun autor, que a súa cantidade. El considera non enteiramente certa esta suposición e cre que, ademais da calidade, en xeral é precisa unha certa cantidade de obra publicada. Eu non o teño de todo claro e paréceme, ademais, que case sempre xogan outras circunstancias; penso, por exemplo, en Mendiño e a súa única cantiga coñecida, “Sedia-m’eu na ermida de San Simión”, onde, ademais das súa indubidable calidade, funcionan ademais outras circunstancias para a súa perduranza.

     O caso é que estas consideracións iniciais leváronme logo por outro camiño. Pensei no caso de Borges e un dos seus contos. Elixo “El jardín de senderos que se bifurcan”, non por consideralo o seu mellor relato (que non o é), senón por unha circunstancia que me chamou a atención nel. A de que o desenvolvemento da trama semella similar ó proceso seguido na planificación dun programa informático, onde segundo se responda a unha determinada cuestión, introdúcenos nun bucle con varias posibles saídas que pola súa vez ofrecen varias novas posibilidades, as cales nos levarán, ou non, por outro camiño por onde proseguir o traballo, ou enviarannos de volta ó bucle, onde será preciso buscar outra posible saída.

     En fin, que me desinteresei da pregunta que en principio se me ocorrera: a de se Borges fose autor deste relato (ou doutro que se considere mellor), e non tivese ningunha obra máis, sería igualmente coñecido como, polo menos de momento, o é.

     Deixei a cousa de lado porque a circunstancia de o autor ser arxentino, e o xardín tamén ten certa presencia noutro conto de Julio Cortázar, conduciume inmediatamente a el e ó seu relato, de só dúas páxinas, “Continuidad de los parques”. E aquí permítome un inciso para dicir que Cortázar é para min o mellor autor de relatos que coñezo. O máximo.

     O esquema do conto de Cortázar é moito máis sinxelo que o de Borges. Aquí encontrámonos cunha estrutura circular que, por máis que se repita, sempre nos levará polo mesmo camiño: o dese home que le, sentado nun sofá, unha novela na cal un home sentado nun sofá está lendo unha novela na que un home sentado nun sofá le unha novela, e así poderiamos seguir sucesivamente ou forzar a saída brusca do bucle, como fai o conto. Circunstancia que neste mesmo instante me trae á memoria a afirmación de Allan Poe de que o xogo das damas, con dúas posibles xogadas que se poden alternar ata o infinito, é moito máis complexo que o do xadrez. Pero eso, xa saben, é outra historia.

  

O caso é que, chegado aquí, agora sen imaxinar pola miña parte ningún esquema, na miña cabeza entra en xogo outro relato,  unha xoia de cuxo autor nin sequera sabemos o nome. Nós, ó autor da cantiga galega que citei antes, aínda que non saibamos moito máis, podémoslle chamar Mendiño, o cal xa é algo, pero a este outro nin eso. Eu consideraba que este conto  debía pertencer ás “Mil e unha noites”, pero nun pequeno rastreo por internet descubrín que a historia do home que ve como a Morte lle fai un aceno no mercado de Bagdad e escapa a fume de carozo ó supoñer que vén por el, seica procede da tradición islámica sufí, de entre os séculos IX ó XIII, ou tal vez de antes, da literatura xudeu-talmúdica do século VI.

     Pero o seu descubrimento pola cultura occidental seica se debe á circunstancia de aparecer contado dun xeito moi resumido nun texto do escritor francés Jean Cocteau, publicado en 1923, o cal lle fixo acadar a tan gran relato, ata entón escasamente coñecido, unha impensada difusión.

     Ou sexa que coñecemos este apólogo da Morte e a súa vítima gracias a unha casualidade.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario