sábado, 13 de marzo de 2021

A sesta

Sentencia un vello refrán: despois de xantar descansar e despois de cear mil pasos dar. O cal me lembra a un deses leóns que buscan a sombra dunha árbore despois de darse unha enchente de búfalo; porque a sesta é un dos escasos bens que só os privilexiados sen obriga de currar despois do mediodía poden desfrutar a pracer seguindo o vello consello da filosofía refraneira, ese pracer que tanto desfruta o meu amigo Afonso e polo que tanto se molesta, ata quitarme a fala para o resto da semana, cada vez que o interrompo durante a súa media hora de repouso.

Sempre lembro o ofendido que me sentín con certo tipo da Europa sen sol, con quen me tiña que atopar a determinada hora, e cheguei unha hora máis tarde segundo o seu reloxo pero en punto polo meu, e o primeiro que me solta, a modo de reprimenda, é se me sentara ben a sesta.

Ese descanso afternoon ten (tiña) moi mala fama. Ela foi e aínda é o sambenito que nos poñen ós do sur de Europa como sinónimo de vagos, pero tamén a moitos outros, como a eses icónicos mexicanos de amplo sombreiro sentados e adurmiñados contra algunha parede, ou ós mouros co seu vaso de té encrequenados á porta do Gran Bazar. Primeiro por envexa, e logo porque poucas veces se pararon a pensar na adaptación ós horarios, naquel consello dos nosos maiores de non sachar despois de comer, e agardar á fresca da tarde, seguramente porque na culta Europa os seráns duran pouco. 

A sesta non vén sendo máis que ese momento de necesaria compensación do equilibrio mental e corporal, xa sexa porque nos deitamos a máis tardías horas ca no mundo anglosaxón, ou porque o noso afán produtivo lévanos a ter alongados atardeceres de moita actividade.

Pero mirade por onde, o meu amigo Afonso xa pode estar contento ó saber que, segundo concluíron os expertos de diversas universidades, é moi beneficioso para a saúde botar unha cabezadiña despois de comer, aínda sen necesidade de poñer o pixama e o ouriñal ó lado, como presumía de facer don Camilo José. Simplemente basta, como fai o meu amigo, con manter a horizontalidade sobre o sofá, libre de cavilacións, para que o sangue circule sosegado e a dixestión acabe de cocer o que a boca saboreou.

     Tamén estará contento este meu amigo desde que se sabe que na inigualable USA xa recoñecen a sesta como unha parte da nosa cultura (non vicio, como ata agora), e algunhas empresas están promovendo entre os seus empregados a sesta como unha maneira de aumentar a produtividade, máis aló de que a necesidade desa cabezadiña sexa unha cuestión medioambiental ou de comportamento, motivada por unha propensión ó sono, a que o sono non fose máis ou menos continuo e satisfactorio durante a noite ou porque sexamos demasiado madrugadores e habemos de resarcirnos dese esforzo matinal na primeira hora da tarde. E finalmente os estudios que se fixeron sobre este costume, hábito ou necesidade demostraron que a sesta é boa para mellorar o rego sanguíneo e o control da presión arterial. Ademais de que, como os intelixentes americanos acaban de descubrir (a boas horas), despois dunha cabezadiña a mente está máis esperta e o rendemento laboral é maior.

Unha vez máis, a cobiza económica transforma o outrora vicio en necesidade.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario