sábado, 12 de xuño de 2021

A cátedra Lucasiana

    

Unha das institucións científicas máis prestixiosas do mundo é a “Cátedra Lucasiana”, da universidade de Cambridge, ocupada ó largo dos anos por algunhas das mentes máis claras e frutíferas do mundo científico, pero se preguntamos quen sentou nela desde que foi fundada en 1664, todos lembramos a Newton e a Hawking, pero esquecemos a moitos personaxes fundamentais na historia da ciencia, incluído o seu fundador, Henry Lucas, quen tivo a xenial idea de deixar no seu testamento as instrucións necesarias para que se dotase e dese con ela un aire novo á institución académica que, na súa opinión, só servía para facer sacerdotes ou malos matasáns. Eran anos nos que os estudantes aprendían as leccións a base de memorizar sen debater o estudado, e menos aínda sen lle pór trampas ós preceptos e leis ditadas, evitando facer certo iso de que se caen nas trampas nin son verdades nin normas nin preceptos científicos. Eran anos en que o universitario se distinguía por citar frases feitas sen acoutar unha coma, ou cando se vetaba aquilo que non estaba de acordo coas crenzas ou lecturas establecidas.

O señor Lucas, podía crear unha nova universidade e facer negocio coas matrículas e o clientelismo, pero preferiu crear un foco de atracción científica. Empezou por dotala cunha ampla biblioteca, coas obras máis modernas do momento, incluíndo autores pouco aceptados polos estamentos relixiosos, e mercou varias propiedades con afán inversor, a fin de que os beneficios obtidos servisen para pagar os salarios e gastos da cátedra. Tamén apuntou o señor Lucas, no seu testamento, os días que o seu titular debía dar clase e o tempo a dispoñer para atender as dúbidas dos alumnos, co que quedaba establecido que o debate e o intercambio de opinións eran primordiais. Así mesmo deixaba indicado que quen sentase nesa cátedra debía renunciar a calquera cargo eclesiástico ou dedicarse a “salvar almas”.

O señor Lucas entendeu que unha cátedra ben dotada é como un astro rodeado de planetas cheos de vida, onde o negocio non é facer clientes senón facer futuro. E o amigo Xulio opina que se na vez de crear universidades privadas se fornecese de medios ás públicas, deixariamos de estar na cola e recuperariamos a tantas mentes emigradas que deixan os seus rendementos fóra do país.

Newton foi o segundo titular da Lucasiana e por ela pasaron científicos tan prestixiosos como o pai da computación, Charles Babbage, ou Joseph Larmor, que fixo grandes achegas en electrodinámica, a quen lle seguiu Paul Dirac, o fundador da mecánica cuántica. Desde 1980 e durante case trinta anos a cadeira estivo ocupada por Stephen Hawking, cos seus estudios sobre os furados negros e as radiacións que estes producen, e tras el o experto na teoría de cordas Michael Green que hai seis anos lle deixou o sitio a Michael Cates, experto no que se vén dando en chamar a Materia Branda.

Por norma, todos os membros deixan o posto antes de cumprir os setenta anos, a fin de non convertelo en vitalicio. Pero aínda con todo o prestixio e bo facer da famosa cátedra, na lista de personaxes que a ocuparon non figura ningunha muller, nin sequera na ficción, pois cando a serie Star Trek a sacou nun dos seus capítulos, sentou nela a un androide, que tamén era (se admitimos que os androides teñen sexo) un robot varón. Ou polo menos dirixíanse a el en masculino.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)


Ningún comentario:

Publicar un comentario