DE CARRIÓN DE LOS CONDES A SAHAGÚN
Por Pepe de Rocaforte
2 de xuño – Na mañá de hoxe enfrentámonos á dura proba da calzada de croios que se alarga ata Calzadilla de la Cueza; pero antes de chegar a ela teremos aínda un bo anaco de pista asfaltada, menos mal que sen tráfico de vehículos, e o cruce dun regueiro por unha ponte provisional, levada a anterior polas arroiadas do inverno.
A calzada, recta, fáisenos inacabable. Abonda con imaxinar doce quilómetros seguidos sen unha curva, nin unha subida, nin unha baixada (bo, algo de subida hai, pero é leve, constante, sen variacións), sobre uns croios que deben ser os mesmos tripados polos romanos construtores desta vía, luídos, estraga-pés, sen unha sombra ós lado. Seica había unha árbore enorme xa próxima ó remate deste suplicio, pero desapareceu. Desaparición sobre a cal nos darán dúas versións: unha, que a derrubou un raio un día de tormenta. Outra, que a cortaron porque era unha referencia exasperante para os camiñantes, sempre á vista acolá adiante e sempre inalcanzable. Nós botámoslle humor e camiñamos sen nos fixar nin no que deixamos atrás, nin no que nos falta de andar por diante.
Así e todo, cando levamos xa non sei cantas horas pateando, unha sorpresa: acolá adiante, camiñando en sentido contrario, vemos vir unha figura que se nos fai familiar. E efectivamente resulta ser Jaime, o de Eibar, quen vén en plan paseante repousado, sen mochila ás costas. Cóntanos que lle veu facer unha visita o seu fillo e meteron as mochilas de Luís, Fernando e a súa propia no maleteiro. Logo pai e fillo foron no coche ata Calzadilla de la Cueza, desde onde vén agora Jaime a esperar ós outros dous colegas, con quen pensa rematar a etapa en Terradillos de los Templarios. Nós dicímoslle que aínda non temos fixo onde finalizaremos a etapa, porque hoxe tamén veñen desde Madrid dous amigos nosos, Elia e Manolo, a nos facer unha visita para ver como nos vai a cousa e pasarmos o día xuntos, polo tanto dependeremos un pouco deles.
Aínda que non se ve nin unha casa en todo canto abarca a vista, Jaime infórmanos de que Calzadilla de la Cueza está xa case aí ó lado. Seguimos andando, logo de nos despedir del, e de repente, tras unha baixada, nun pregue da chaira aparece a aldea, onde paramos a tomar o primeiro refrixerio matinal. Alí atopámonos xa coas dúas brasileiras, Naoba e Lucia, acompañadas dunha moza catalá, que deberon saír de Carrión aínda antes de abrir o día. Tanto Lucia como a catalá empezan a ter problemas nas pernas, atacadas ámbalas dúas de tendinite, pero esperan non ter problemas para ir polo menos ata Terradillos.
Cando chegamos a Lédigos recibimos a chamada telefónica de Elia para nos informar de que eles están en Carrión. Quedamos en vernos á entrada de Terradillos e alí sentámonos na cuneta á beira da estrada a refrescar os pés, mentres un veciño da localidade nos conta como andan as cousas e de como están a construír unha auto-estrada de León a Burgos. Seica o tramo que pasa por alí xa está case rematado, pero para proseguir co resto da obra non sei cantos problemas hai. Infórmanos tamén da cantidade de accidentes de tráfico que se producen de cote por aquí. En fin, entre unhas e outras, o home non sabe como pode haber xente que se bote a andar por aí adiante co sol que cae, etc.
Chegan Elia e Manolo. Ela quere probar un pouco o que é andar así, pero sen mochila. Nós tamén aproveitamos para deixar as nosas no maleteiro do seu coche e mentres Manolo arranca para esperarnos en Moratinos, cousa de tres quilómetros máis adiante, nós proseguimos o que agora, sen mochila ás costas, se nos fai un paseo no cal case voamos. En Moratinos montamos todos no coche e os últimos dez quilómetros facémolos comodamente sentados.
En Sahagún, logo de coller praza no albergue municipal, un edificio mudéxar que anteriormente foi a igrexa da Trindade, hoxe restaurada para o seu novo uso, e deixar alí as mochilas, imos xantar con Elia e Manolo e pasar a tarde con eles, unha tarde de calor canicular que nos afoga máis que unha etapa de camiño. A eso das seis e pico da tarde pasamos por unha rúa próxima ó albergue e desde lonxe vemos na porta a Jaime, Luís e Fernando. ¡Carai para eles! Éntranos a sospeita de que eses tres non viñeron a pé ata aquí; a ver o que nos contan logo. Ás sete, pouco máis ou menos, os nosos amigos inician o regreso a Madrid e nós, co escrúpulo de termos saltado as regras da boa peregrinación, acompañámolos ata Moratinos, onde subiramos ó seu coche pola mañá, e desde alí regresamos a pé a Sahagún, non se diga que non pateamos todo o camiño como Deus manda.
De novo en Sahagún atopámonos no albergue con Manolo Tórtola, o valenciano, que se enche de alegría ó nos ver, coma nós ó velo a el. Vén con problemas por unha bocha no dedo gordo dun pé, pero así e todo mañán ten idea de chegar a Mansilla de las Mulas. Naoba e Lucia, que volven enganchar con el, protestan. Din que é moito andar para elas. Lucia ven seriamente tocada pola dor nas pernas, unha tendinite, e tivo que pasar toda a tarde deitada. Eu propóñolle a Manolo a alternativa de parar en Reliegos, pero el non se acaba de decidir, di que lle compre facer máis quilómetros ó día para recuperar o perdido nas primeiras etapas. Ademais a súa muller, en Valencia, disque non fai máis que apuralo para que volva. ¿E que me diría se soubese que vou en alegre compaña brasileira?, chóscame un ollo de pícaro inocente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario