xoves, 17 de xuño de 2021

COMO FACER QUE TE ATENDAN

 

Por Pepe de Rocaforte


 

A lectura dun artigo de Antón Baamonde en elDiario.es, “Feria: na procura dun fogar”, fíxome darlle unha lectura apresurada (aínda sen rematar) á novela de Ana Iris Simón que está ocupando tanto espacio nas informacións político-culturais desta última temporada. E digo novela porque xa se sabe que dentro desa etiqueta cabe unha enorme variedade de textos, que me permiten a súa utilización; e quen prefira chamarlle autoficción ou calquera outro nome parecido, ou distinto, que a denomine como mellor lle pareza. 

A miña primeira impresión sobre o asunto é a de que, na editorial en que foi publicada “Feria”, alguén debeu ter a feliz ocorrencia de fomentar o inicio dun debate nos medios de comunicación no cal saian á palestra unhas cantas opinións confrontadas en torno, máis que nada, á ideoloxía do libro. E así podemos ler, por exemplo: “A escritora que cantou as corenta”, un artigo de Manuel Jabois, en “El país”, sobre “a periodista de esquerdas cualificada de reaccionaria”, por citar un caso; e supoño que moitos máis haberá, co cal xa imaxino como esfregarán as mans de contento na editorial “Círculo de tiza”, porque abofé que conseguiron unha extensa e intensa publicidade gratuíta.

Incitáronme tamén a ler “Feria”, outras dúas novelas, por seguir a lle chamar así a estes textos, sobre as cales fixen algún comentario aquí, escritas por mulleres e que me parecen do mellor, con diferencia, que lin nos últimos tempos. Refírome a “El infinito en un junco”, de Irene Vallejo, e “Caderno de memórias coloniais”, de Isabela Figueiredo, historia esta última coa que poderiamos atopar algún punto de contacto no libro de Ana Iris Simón. Pero non vou caír no pecado de facer algunha comparanza improcedente, nin ningún outro tipo de comentario, entre outras cousas porque viña coa idea de escribir hoxe sobre un autor con cuxa obra pelexei duramente nos últimos tempos. Refírome a Diego de Torres Villarroel e o seu libro “Mi vida y aventuras”.


Por certo: un fragmento destas memorias veume á cabeza mentres lía algún dos artigos dedicados ó libro de Ana Iris Simón. Figura no “Sexto trozo” e trata da “Vacante e previsión da cátedra de Matemáticas” na universidade de Salamanca, para ocupar a praza deixada vacante por Torres con motivo da súa xubilación. Concorreron á oposición tres escolares discípulos seus: don Juan de Dios, médico titular “nun dos pobos grandes de Andalucía”, don Juan de Silva, portugués, de profundo enxeño, “puntualísimo na xeometría, astronomía e filosofía”, e o doutor don Isidoro Ortiz de Villarroel, parente do recén xubilado catedrático, quen se tomou a liberdade de visitar ós doutores, consiliarios e demais persoas que compoñían a xunta ou claustro pleno, e saudalos así, pouco máis ou menos: “A piedade do rei xubiloume na cátedra de Matemáticas; os edictos e términos que prevén as nosas leis nestas vacantes están cumpridos (...) Os opositores hoxe declarados son tres, e entre eles o meu sobriño Isidoro Ortiz de Villarroel: os tres son bos e por calquera deles que vmd. vote, asegura a súa conciencia, e a Universidade un catedrático que lle dará honor e lucimento. A miña visita non é para pedir a vmd. o voto para que sexa catedrático o meu sobriño; é só por cumprir coas leis políticas e as inmemoriais cortesanías da academia. Eu a vmd. nin a ningún outro vocal hei de obrigar con empeños, con cartas de favor nin con súplicas, para que mude os seus propósitos, porque sempre mirei estes medios como perniciosos nas pretensións; vmd. vote coa seguridade de que sempre elixe ben. O que eu desexo é que fagamos unha elección imparcial; porque se advirto os rumores que algunha vez oín nestes asuntos, retirarei a meu sobriño da oposición”... etc. etc. etc.

Un fermoso discurso, como calquera pode ver, cheo de liberalidade, altruísmo e boa intención, sen ánimo de incitar á comisión dunha mínima irregularidade. Así, con total limpeza, proseguiu o seu curso a oposición. E seguro que ningún de vostedes, lectores e lectoras, imaxinan quen obtivo a praza vacante. Contra calquera outra elección sospeitosa ou mal intencionada, o claustro pleno da universidade de Salamanca elixiu, con todo merecemento, a don Isidoro Ortiz de Villarroel.

E por hoxe aquí deixo a cousa con promesa de continuar a semana que vén con don Diego de Torres Villarroel. Entre tanto páseno ben, señoras e señores.


Ningún comentario:

Publicar un comentario