mércores, 23 de xuño de 2021

UN CURIOSO INDIVIDUO

 

Por Pepe de Rocaforte

 

     

Diego de Torres Villarroel, un dos dezaoito fillos do libreiro salmantino Pedro de Torres, paréceme unha das figuras máis curiosas do século XVIII español. Ó longo da súa vida desempeñou unha grande variedade de oficios, que van desde o de criado a catedrático de Matemáticas na Universidade da súa cidade natal, pasando por sacristán, toureiro, bailarín, químico, médico e soldado, ata rematar facéndose crego ós seus cincuenta e dous anos, entre outras ocupacións que aínda non se tratando de oficios propiamente ditos, como peregrino, profeta, vagabundo ou prófugo da xustiza en máis dunha ocasión. De calquera xeito compre puntualizar que as historias relatadas na súa obra autobiográfica, “A miña vida e aventuras”, segundo opinión de Federico Carlos Sainz de Robles, compre poñelas en corentena e deixar só un cincuenta por cento delas como verdadeiras.

De mozo, despois de cinco anos interno como estudante de Retórica no Colexio Trilingüe de Salamanca e prosperar, en horas libres, como fanfarrón e argallante de liortas polos mesóns e tugurios da cidade, ocorréuselle escapar da casa e marchar a Portugal nunha vagabundaxe que o levou a durmir en eiras e palleiras e meterlle de pascuas a ramos algún escaso alimento ó estómago.

No Porto e en Lisboa ganou a vida dando leccións de baile e receitando toda clase de menciñas a xente que acudía a el en petición dos remedios que anunciaba nos lugares máis propicios para atraer clientela. Finalmente sentou praza de soldado na Compañía do capitá Félix de Souza, do Rexemento de Ultramariños, para regresar a Salamanca, como bo fillo pródigo, despois de trece meses de troula á portuguesa.

De volta na casa paterna pasou por diversos altos e baixos ata rematar cun descansiño de dous meses na cadea e outros catro máis no convento de San Estebo, con moito tempo libre para meditar no dura que a veces pode ser a vida.

En 1730 emigrou a Madrid onde, entre unhas e outras alternativas, chegou a operar, por pouco tempo, como unha especie de estraperlista, introducindo na capital, en compañía dun crego burgalés, azucre, tabaco e outros xéneros non permitidos sen pasar por fielato.


Ó cabo empezaría a facer amizades entre xente da clase alta, como a duquesa de Arcos, os marqueses de Almarza, o médico da Real Casa, don Agustín González, ou o bispo de Sigüenza e presidente do Consello de Castela, monseñor Herrera. Ata que en maio de 1732, por motivos non aclarados, foi desterrado, xunto co seu amigo don Juan de Salazar, marchando ambos a Burdeos, de onde Torres regresaría en segredo para volver outra vez a Portugal, á espera de que as súas falcatrúas fosen esquecidas en España, o que non sucedería ata novembro de 1734, cando o rei Felipe V lle concedeu o perdón.

O motivo principal que me animou a me ocupar hoxe deste polifacético señor foi descubrir, nun Ano Santo coma este que imos vivir por duplicado, que don Diego de Torres Villarroel fixo, en 1736, unha peregrinación en regra, vestido con traxe adecuado, bordón e esclavina, a Santiago de Compostela, a lle dar o abrazo regulamentario ó Apóstolo.

A excursión levoulle cinco meses, acompañado por un seu amigo, don Agustín de Herrera, e seguido por catro criados, con catro cabalos e un macho cos repostos da cama e a comida. Atravesaron medio Portugal ata a fronteira entre Valença e Tui, parando en vilas e lugares onde parecía pagar a pena de se deter, facendo noite en casas de fidalgos, conventos de monxas e «outros lugares, onde só se trataba de oír músicas, dispoñer danzas e amantonar toda caste de xogos, diversións e alegrías» (compárese coa miña peregrinación, que veño relatando desde hai un par de meses neste blog).

Un dos medios utilizados por Torres para atender gastos miúdos durante a viaxe, como médico titulado que era, foi atender a cantos enfermos ían consultar con el. E eso que a opinión que el tiña dos médicos non era moi favorecedora. «Só profesan a medicina os que non a coñecen nin a saben, ou os que fan ganancia e mercancía dos que van polas súas receitas», deixou dito. Como tamén confesa que sacou o título de médico con só estudar as trinta únicas leccións esixidas para exercer a profesión, sen máis requisitos.

Chegado a Compostela foi xantar co arcebispo, señor Yermo, e coñeceu a don Tomás de Velasco, médico daquel cabildo, quen lle fixo propaganda levándoo consigo «a ver, consolar e medicar ós seus enfermos». Viaxou logo á Coruña, «alegre e fermosísimo porto de mar», onde tomou o camiño de volta a Castela por varios lugares nos que mereceu ser hóspede das persoas de distinción, que lle proporcionaron multitude de diversións, regalos e cariños.

Así calquera fai unha peregrinación, digo eu. Pero claro, no meu caso, se nin estudei medicina, nin teño as dotes convincentes de don Diego de Torres Villarroel, ¿a que poderei aspirar?

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario