luns, 28 de xuño de 2021

FACENDO O CAMIÑO (18)

DE MANSILLA DE LAS MULAS A LEÓN

Por Pepe de Rocaforte

 


4 de xuño – A etapa ata León, tal como nos prognosticou o hospitaleiro alemán do albergue mansillés, é un paseo de tan só dezasete quilómetros que facemos bastante rápido a pesar de Inma camiñar en chinelas, ata o punto de chegarmos con tempo máis que suficiente para mercar pola mañá unhas plantillas novas para as súas botas e termos que esperar logo un bo anaco ata a hora de apertura do albergue municipal. No centro da cidade hai outro albergue nun convento de monxas, xa aberto a estas horas, pero sempre que se pode escoller preferimos unha institución laica a unha relixiosa.

 Mentres non acaban a limpeza dos cuartos, de conversa co recepcionista ou hospitaleiro , non sei ben como lle chamar, do albergue municipal leonés, interrogámolo sobre a posibilidade de facer unha etapa alternativa, que non figura na nosa guía, pero si nunha que nos ensinaron outros peregrinos, que consiste en ir de León a Villar de Mazarife en lugar de a Villadangos. A maior vantaxe deste camiño, que volve unirse co tradicional en Hospital de Órbigo, seica é a de transcorrer por unhas paisaxes máis atractivas e non pegado á estrada León-Astorga, como pasa co outro, soportando o transito continuo de coches pola beira de un. Pero o home fainos unha defensa acalorada do camiño tradicional, renegando do outro, “un invento de catro listos para levar a auga ó seu rego e, por riba, por un percorrido máis longo”. Ademais o albergue de Villar de Mazarife seica deixa moito que desexar, mentres o de Villadangos é dos mellores do camiño (¿a que me soa esta música?).

Estamos nestas cando chega Manolo Tórtola, quen nos conta que o día anterior fixeron noite en Reliegos el, Naoba e Lucia, porque proseguir ata Mansilla pareceulle excesivo, e estiveron moi a gusto naquel albergue, é unha pena que non quedásemos nós tamén.

Máis tarde aparecen o surafricano e as dúas neozelandesas que perderamos de vista en San Juan de Ortega. Entre mímica e algunha que outra palabra intelixible, explícannos que viñeron en tren desde Sahagún porque a curmá de Rosana atopábase un pouco mal e case non podía andar. O certo é que a moza está desmelloradísima e os pantalóns vaqueiros, antes cinguidos á coxa, agora fícanlle frouxos e con engurras; pero non renuncia a seguir a peregrinación. Tamén nos informan que Jaime (e para identificalo mellor o surafricano fai un aceno de beber da bota), vén unha etapa por detrás, mentres que Fernando e Luís deixaron o camiño, o primeiro canso e desilusionado, o segundo porque tiña previsto unha viaxe a Francia pola rexión do Loira para dentro de oito días, da que xa nos tiña falado a nós, e daquela se proseguía ata Santiago non tería tempo de volver a Zaragoza e iniciar a nova excursión.

Tamén chega Naoba neste medio tempo e preguntámoslle por Lucia, quen renqueante e todo, puido arribar a León, aínda que foi ó albergue das monxas en lugar de vir a este.

Pola tarde, xa descansados, repostos case milagrosamente do estrés do día anterior, visitamos a catedral e a parte vella da cidade, restaurada e con moito atractivo para o forasteiro. Na porta dun hospital preto da catedral encontramos a Lucia e a catalá que viramos almorzando con ela en Calzadilla de la Cueza. Seica foron facer curas –a catalá é enfermeira– e a Lucia quitáronlle as vendas que lle envolvían as pernas desde o pé o xeonllo. Xa ten outra cara máis alegre, moi distinta de aquela con que a deixamos en El Burgo Ranero. Desde logo as recuperacións no camiño por veces resultan portentosas.

Última nota sobre o albergue municipal de León, que para min só ten o defecto de non contar cunha cociña á disposición dos peregrinos, co ben preparado e acolledor que por outra parte resulta; ós que pola noite estamos alí de conversa parécenos mentira a maneira tan doada en que podemos prescindir das cousas que nos atan na vida habitual. Dámonos conta cando na sala de estar deste albergue vemos un aparato de televisión e a ningún de nós se lle ocorre para nada prendelo, alí segue coa pantalla en negro, sen ninguén se ocupar para nada del.

(Etapa 19)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario