mércores, 21 de decembro de 2022

Un gaiteiro polo mundo adiante

 

 Por Pepe de Rocaforte

O outro día cometín algúns erros cando contaba as aventuras dun veciño meu que alá polos anos sesenta do século pasado deu a volta ó mundo nun barco da Mariña Española.

Pola miña conta aumentei que o barco tal vez fose o “Juan Sebastián Elcano”; pero logo, facendo memoria, lembrei que quen lle dera a volta ó mundo no “Juan Sebastián Elcano” e non só mo contara, senón que tamén me regalou un libro, “Un gaitero en la vuelta al mundo”, no cal relataba a súa viaxe de alá polos anos trinta do século pasado, foi Alejandro Temprano, que por aquela época era un coñecido gaiteiro que formaba parte do grupo “Os Tempranos de Eirís”.

E o periplo do “Juan Sebastián Elcano”, con Temprano a bordo, foi o que me levou a lle adxudicar a mesma embarcación á viaxe, trinta e cinco anos máis tarde, do meu veciño, o que por outra parte tampouco deixa de ser posible. Pero como no ano 1935 a escala do “Juan Sebastián Elcano” ó tocar portos norteamericanos foi San Francisco, uns oitocentos quilómetros ó  norte de San Diego, onde fixo escala o meu veciño, trato de deixalo aclarado, aínda que máis ben parece que me estou formando un lío. En fin, así queda a cousa.


Así e todo no que coinciden ambos viaxeiros é que en terras californianas tanto un coma o outro, non só o pasaron ben, senón que foron atendidos de modo inmellorable. «A nosa permanencia en San Francisco, conta o gaiteiro coruñés, non puido ser máis grata [...] Fomos solicitamente atendidos pola colonia española, que en todo momento soubo demostrarnos o cariño que lle gardan á Patria e o felices que se sentían ó ver ondear no porto o pavillón de España [...] Sete días permanecemos en San Francisco, e ademais dos agasallos particulares que diariamente nos fixeron, fomos invitados oficialmente a dous bailes [...] Certo día presentáronse no barco en solicitude dun grupo de mariñeiros para  convidalos a ir a Sunnivel. Tanta pena me deu aquela xente, que incluso nos dixeron que tiñan a comida preparada, que nos xuntamos seis e coa gaita e o resto de instrumentos marchamos nos seus carros para compracer a aqueles compatriotas [...] A festa foi por todo o alto, unha becerra asada ó espeto en pleno campo, e outros pratos caseiros, todo en casas de granxeiros españois».

            Ben, e agora vou pedir outra  desculpa porque o outro día tamén metín o zoco ó lle dar o nome de “Rodeo” á editorial viguesa que nos anos cincuenta e sesenta do século pasado a tantos rapaces, e máis a bastante xente grande, nos meteu o vicio da lectura. A editorial chamábase “Editorial Cies”, e “Rodeo” era o nome dunha das varias coleccións de novelas de vaqueiros que nela se publicaban.

Ningún comentario:

Publicar un comentario