Por Pepe de Rocaforte
O Couto é un barrio de Ourense, tal vez un dos máis coñecidos da cidade, polo menos de nome, gracias á universal preocupación polo deporte futbolístico, xa que nel está ubicado o estadio onde xogan os seus partidos os clubs balompédicos da capital.
Neste barrio instalouse, no ano 1849, unha das industrias emblemáticas de Ourense na segunda metade do século XIX ata inicios da segunda metade do século XX: a fundición do Malingre, coa alta cheminea e a sirena que ó longo de cen anos sinalou as horas laborais da cidade coas súas chamadas á entrada e saída dos obreiros.
Hai cen anos a Marquesa de Atalaia Vermella, máis coñecida como Doña Angelita Varela, mandou construír na rúa de Erbedelo, preto da hoxe desaparecida fundición do Malingre, un conxunto de edificacións destinadas a museo e orfanato de nenas: a Fundación do Santo Anxo, instalada nun conglomerado arquitectónico en estilo neogótico, "un dos monumentos de máis engado en Ourense", no que entre outros tesouros se conserva unha imaxe gótica de Santa Ana, da escola de Pedro de Mena, unha escultura de Asorei, cadros de Sorolla, Lloréns, Fierros e Pradilla, esmaltes de Limoxes e cerámicas de Sargadelos, Sevres e Talavera.
E nesa mesma rúa de Erbedelo, a pouca distancia, érguese o Santuario Votivo de Fátima, cuns conxuntos escultóricos esculpidos por Antonio Failde no frente do edificio.
Deses monumentos e de moitas cousas máis que conforman a peculiar personalidade deste barrio trata don Xosé Álvarez González na súa “Historia de O Couto”, editado en 1993 pola Deputación de Ourense e que, como me pasa case sempre, atopei mentres buscaba outro libro que leva días resistíndose a me aparecer.
Repasando as páxinas desta Historia do Couto atoparemos noticia dos vellos camiños, como a corredoira de San Clodio, que formara parte dunha vía romana de tempos de Caracalla, e que en sentido transversal corría desde os Baños de Bande a Lugo; da rúa da Fonte do Bispo, que levaba ó Castelo Ramiro; do camiño vello de Reza, ou dos de Rabodegalo.
E poderemos ler anécdotas curiosas, como o porqué do nome do "Salto do Can", evolución dun "Santo do Can", San Roque, de quen se celebraba a refesta á sombra dos piñeiros mansos, no lugar da campiña do Silva e do Lloves, sobre a pendente a cuxos pés se abre paso o río Barbaña, camiño da súa reunión co Miño.
Tamén encontraremos datos sobre xente nacida no barrio, ou que viviu alí, como don Marcelo Macías, ou o doutor Manuel Sas, "o médico dos pobres", que no portón da casa tiña un letreiro con este anuncio: «Los jueves consulta gratis». Tamén alí nacido, o 10 de agosto de 1877, foi o crego Basilio Álvarez. E o poeta Manuel Luís Acuña. E o dandy Antonio Rei Soto, que foi capelán da Fundación do Santo Anxo. E moitos outros, de maior ou menor sona, de quen dá noticia esta “Historia de O Couto”, do crego don Xosé Álvarez González, que recomendo a todos cantos se interesen polas pequenas historias de Ourense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario