De todas as músicas que ambientan cada momento do ano, son as de Nadal, sen dúbida, as máis inconfundíbeis. Xa dende o intre en que os nenos de San Ildefonso nos animan a través de radios e televisións cos seus recitados de números e euros como se fose a abertura dunha ópera onde non falta, como en calquera obra que se prece, amor, receos e final feliz. E para cada pasaxe o seu canto, xa sexa con Panxoliñas, Vilancicos, Nadaliñas, Xaneiras, Manueles, Aninovos ou Cantos de Reis, a fin de recrear e personificar este solsticial momento do renacer da natureza.
Murguía, nun artigo de 1915, dinos que os mestres de capela das catedrais galegas tiñan a obriga de facer unha composición para as celebracións de Nadal, en que, en palabras do Patriarca, era forzoso que entrasen, como un acerbo común, os aires populares do país. E hoxe, grazas á recompilación dos nosos musicólogos, moitos deses cantares están recollidos e con eles a transmisión do sentimento popular sobre ese mito tan celebrado que empeza cunha obrigada migración de retorno á terra de orixe e onde, segundo a panxoliña, son rexeitados e non encontran máis ca unha corte onde María consola a Xosé por non ter con que pagar a pousada: Non te apenes Xosé, non te apenes por nada, que máis cartos queres ca isto que me acompaña.
Din os evanxeos que co Neno Xesús naceu a luz do mundo, e os nosos fistores e poetas populares fanse eco desas palabras contando a modo de diálogo: —Abre as portas, porteiro, a Xosé e a María. —Estas portas non se abren ata que Deus traia o día. E cando a luz do día chega córrese a voz: Din que está nunhas palliñas, o Nenos Deus tan recente, máis guapo que un sol nacente de abril polas mañanciñas.
Máis, cando tras esa noite longa e fría nace o Neno-Sol, o casto pai fica coa dúbida da súa paternidade, tal e como tamén se relata no evanxeo e en tantos gravados, relevos e representacións medievais onde san Xosé aparece caviloso e arredado da escena, como indica esoutra panxoliña que cantamos no Barbanza: O meniño está nas pallas, súa nai está con el. San Xosé tamén está pasmadiño cara a el. Un “tamén” que aparece neste último verso para incidir nesa dúbida que o home ten, a pesar de que toda unha veciñanza formada de xente humilde vén agasallar e felicitar ó naipelo e a seus pais, Da miña aldea con presa veño, con grandes ganas de ver ó neno. E tan engaiolados quedan coa visión divina que: Con un sombreiro de palla, un galego a Belén foi, e mentres adoraba ó Neno comeulle o sombreiro o boi.
Para brindar e celebrar tan sinalado acontecemento, dado que as despensas dos humildes son escasas, cántanse os Nadais pedindo o aguinaldo: Esta casa está ben faiada, faiada de papeletas, o señor que vive nela hanos de dar cen pesetas. E por se quedase dúbida da pobreza dese matrimonio, os que chegan ó cubil da mula e o boi, lamentan coa ponxoliña: ¡Miña xoíña, como che vexo, todo en coiriños tomando o fresco! Porque se pensas pasar o inverno, desta maneira non levas xeito.
Pero, lamentos aparte, séguese chamando á xente para que coas súas ofrendas de leite, queixo e mel axuden a sacalo adiante: Vinde os que a xebra segades na baixada da marea. E veñan as panadeiras co seu pan fresco de trigo, e as que lavan ó abrigo e as que cultivan as leiras.
Mais como non todo pasa diante do presebe, tamén no camiño dos Magos acontecen cousas coa xente da veciñanza: Os tres Reis Magos van para Belén, quitaron os zocos para correr ben. Lupe da Caveira failles o café, Esperanza de Macario peneira de Pé.
E tras tanta aventura con persecución incluída e fuxida da terra nai (¡que estampa tan galega!), seguen os petitorios casa por casa para celebrar o solsticio e a chegada do aninovo e a Epifanía como colofón da esperanza; e así como os peixiños beben e beben, tamén os cantantes galegos piden: Déannos o aguinaldo que traemos moita sede, un cabazo de bo viño e dous litros de augardente.
E todos a celebrar e a brindar pola esperanza dun bo renacer da luz e da natureza.
Francisco Ant. Vidal
(Este artigo foi publicado no especial de Nadal da edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario