Como por falar non doe a lingua, os oradores profesionais acostuman a envolver o seu discurso naquilo que ós oíntes nos gusta escoitar, prescindindo do mínimo asesoramento cando se refiren a temas que lle son alleos para soltar barbaridades que nos quentan as orellas.
Tendo en conta que o que sae pola boca dos dirixentes sociais é palabra solemne para a maioría dos cidadáns, e dado que moitos improvisan sen aterse ás consecuencias e acaban por mesturar fanatismo con fantasía, é doado facernos caer no engano cando non temos á man a wikipedia para discernir o realismo e a sensatez.
Desgraciadamente son poucos os políticos que pasaron polas facultades de ciencias. Saben moito de dereito e de economía, aínda que non sempre nos gusten as regras que aplican nestas materias, talvez as máis polarizadas da política, pero cando teñen que falar dun xerador eólico ou dun motor eléctrico é moi doado que confundan vatios e voltios. E entre os todopoderosos representantes da sociedade civil, non faltan cabezas pouco dadas a acatar opinións alleas, ou moi dadas a sentirse máis infalibles có papa, capaces de negarlle a palabra ó mesmísimo Newton discursando sobre mazás.
Entre aquela frase célebre de todo un intelectual de primeira liña “Que inventen outros” ata os “Hilillos de plastilina” dun señor ministro van case cen anos de pouca sensatez científica, e parece que non se cambiou moito. A sarta de barbaridades que se soltan no Congreso dos Deputados sobre enerxías alternativas, avances tecnolóxicos e todo o que ás cuestións científicas ou tecnolóxicas se refire, semella un déficit que non damos superado e transmítese á sociedade que, en moitas ocasións, acolle esas palabras como verdades divinas. Polas páxinas da prensa diaria pasan os maiores disparates que a clase política se digna poñer en boca sen ningún tipo de rubor, moitas veces amparándose en descoñecidos personaxes, como aquel suposto curmán que aseguraba que iso do cambio climático era unha mentira das gordas. E en datas recentes, algún seguidor de tal tese, autoerixido en voz capacitada por sentar nun dos bancos do Congreso puido asegurar e asegurou que o aumento da temperatura producida polo quecemento da Terra traerá como beneficio a diminución de mortes por frío. Aí queda iso.
Había que pórlle remedio a tanto exceso, e por iso debemos aplaudir que se crease dentro do Congreso unha oficina de Ciencia e Tecnoloxía, para que os oradores, antes de falar, laven a boca con unha boa dose de instrución científica. Serán oito asesores, apoiados por recoñecidos profesionais, a quen os congresistas terán que atender como alumnos diante do titor. Claro que está por ver cal vai ser a capacidade auditiva dos asesorados, porque en canto algún dos expertos desdiga ó descoñecido curmán dalgún parlamentario, axiña pode ser acusado de negar a verdade para favorecer os intereses de determinado grupo contrario á súa maioría social. Así de teimudos somos.
Xa veremos que pasa cando escollan ós expertos que os adestren, e se tamén entre uns e outros, entre listos e entendidos, non van discutir se o mundo se creou en sete días ou tras un chupinazo primixenio, e se o home procede do mono ou dunha cascuda, porque para todo hai versións e para todos unha resposta adecuada ó que se quere oír.
Ningún comentario:
Publicar un comentario