sábado, 17 de decembro de 2022

Bécquer e Murguía

    


Se queremos buscar coincidencias de amizade e incluso de colaboración entre eles, así como de participación en proxectos comúns, podemos ver a semellanza de estilo entre algúns versos de Rosalía e as rimas de Bécquer, ou mesmo algúns de Murguía aparecidos por eses anos en La Oliva, de Vigo. Poemas que, tras ser publicados en periódicos de provincias, dábanos a coñecer neses salóns literarios. A propia  filla de Murguía e Rosalía, Alexandra, conta nunha entrevista que, cando ela andaba polos once anos, ía de cando en vez á casa dos irmáns Bécquer para cobrar as colaboracións que facían seus pais.

Sen embargo, ata antes da morte do poeta, un  vinte e dous de decembro de 1870, só atopamos un artigo de Murguía, na revista La ilustración de Madrid da que aquel era o director literario.

Tempo despois de morto Bécquer, Murguía deixará escrito que Rosalía era, con respecto a aquel, máis que a súa discípula (ditos da sociedade machista) algo así como a súa irmá, e tamén que antes de que o andaluz publicase algunha das súas Rimas xa lera Follas Novas. Co que o amante esposo da nosa poetiza trata de poñela, se non por mestra do andaluz (por se alguén pensaba o contrario) ó menos por inspiradora, aínda que un pouco máis adiante xustifica esas coincidencias estilísticas nas lecturas que facían e, seguramente, compartían, de poetas como Heine, a quen consideramos como o primeiro poeta posromántico alemán.

Como queira que sexa, naqueles seráns de discusións poéticas formáronse e moldeáronse moitas das personalidades literarias que hoxe admiramos, máis aló da sensibilidade literaria que os autores tivesen en por si; e, en todo caso, entre o andaluz e os galegos houbo unha boa relación, aínda que Murguía, sempre tan seu, procuraba arrimar a ascua á súa sardiña en canto podía.

Pero para demostrar esa boa relación que o poeta sevillano tivo cos galegos, consérvase unha carta que o autor das Rimas lle mandou ó señor Baena, presidente da deputación de Pontevedra, a mediados da década dos anos sesenta interesándose por unha pensión que se acordara pagarlle a Murguía:

“Usted que es amigo de las gentes de letras y a quien no se ocultará que es de mal efecto que los gallegos regateen a un escritor paisano suyo y que se encarga de ilustrar sus hechos pasados, unos miserables maravedises, espero que interpondrá su influecia para que satisfagan su pensión al señor Murguía, cuya causa no dudo que tanto por ser la de un amigo mío y de un hombre de talento defenderá usted con el celo que le distingue”.

 

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario