Por Pepe de Rocaforte
A emperatriz Sissi ós trinta anos |
Hai xa unha temporada que cada vez que me poño a ler un libro, sexa do xénero que sexa, en vez de gozar, ou intentar gozar, coa lectura, que eso tamén é un tanto complicado nalgunhas ocasións, véñome sentindo un pouco tiquismiquis de máis, e chego a me alporizar por un mínimo falliño aquí, un erro sen maior importancia alá, un cazapo acolá... ¿Eu que sei?,
Estou lendo e encóntrome a metade dunha frase coa expresión “odio cerval”, por exemplo, e pregúntome: ¿pero é posible que este escritor, ou escritora, descoñeza o significado do adxectivo “cerval”? ¿Ou tal vez está tan ben informado da vida e costumes dos cervos (¿podo incluír os renos?) para nos mostrar que eses tímidos animais, ademais de pánico, e medo, senten tamén odio, sobre todo se están mandados por un “Papá Noel” que os trata a lategazo limpo cando ten servicio de reparto de regalos polo Nadal?
En fin, tamén podo supoñer que esta autora ou autor de quen escribo estea máis que farto/a de ler eso do “cerval” unicamente referido a “medo”, e se decidiu a ampliar o repertorio pola súa conta. Non sei.
Venme á cabeza esta parvada despois de ler un traballo no cal se fala de Sissi (xa saben: Isabel de Baviera, Emperatriz de Austria) coa utilización do substantivo “frivolidade” como risco esencial do seu carácter.
Home, esto xa é cuestión de opinión, claro. Por unha parte a sociedade vienesa non a aceptaba, tratábaa de inculta. Mesmo á hora de lle atopar tachas criticaban a súa vida sexual por non ter consumado o matrimonio ata tres días despois de celebrado o casamento. Ou facían correr o rumor dunha sospeitosa intimidade pola súa parte con outras mulleres, o cal non impedía a acusación de ter enganado ó emperador co conde húngaro Gyula Andrássy, a quen lle atribuían a paternidade de María Valeria, a súa cuarta filla.
Por outra parte, en referencia á súa formación cultural, non está de máis lembrar que a lectura da Iliada levouna a aprender o idioma grego, nin que ademais do alemán, seu idioma nativo, falaba o húngaro e controlaba o inglés e o francés. Admiraba fondamente ó poeta Heine e escribía poesía, que algún biógrafo cualificou como versiños satíricos para criticar a membros da familia real. (Como final deste comentario véxase este seu poema que vin traducido ó castelán na wikipedia).
En fin, tan desafortunada foi que despois da súa morte o emperador fíxoa enterrar na cripta dos Capuchinos, en Viena, contra o por ela disposto, na ribeira mediterránea, en Corfú ou en Ítaca.
¿Que outra cousa podía merecer esta muller de espírito delicado, viaxeira (mesmo aquí na Coruña, chegada por vía marítima, botou uns días), escritora, deportista e persoa que soubo ver moito antes que o seu entorno a chegada do fin dunha época.
Como
curiosidade, adxunto a versión en galego dun poema de Sissi:
¡Oxalá nunca tivese deixado o camiño
que á liberdade me había conducir!
¡Oxalá non me tivese perdido
polos vieiros da vaidade!
Despertei nun calabozo
con grillóns nas mans.
A miña nostalxia medra día a día e ti,
liberdade, déchesme as costas.
Despertei dunha bebedeira
que prendía a miña alma
e maldigo inutilmente ese momento
en que a ti, liberdade, te perdín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario