luns, 24 de agosto de 2015

UNHA HISTORIA INTRASCENDENTE



Por Pepe de Rocaforte

           Esta é unha historia sen importancia e, por riba, bastante longa. Arranca cando eu era neno de menos de dez anos, nunha daquelas aborrecidas tardes de domingo en que unha familia ía visitar outra familia e pasaban un tempo sen fin a falar mentres tomaban café, acompañado a veces pola súa copiña de licor. Como é de supoñer, os rapaces botabamos chispas sen saber que facer naquelas inacabables tardes dominicais, pero non quedaba outro remedio senón o de acompañar ós pais.
Na tarde á que me refiro, a señora da casa, comprensiva, levoume para o cuarto dos seus fillos, uns xemelgos dez ou doce anos maiores ca min. Eles non estaban, pero a nai autorizoume a remexer nos seus libros a ver se encontraba algo para me entreter. ¡E atopei a novela “El rancho B-16”! O nome do autor éme imposible de lembrar, pero podo dicir en cambio a editorial e a colección en que estaba publicada: Editorial Bruguera, colección “Obras Inmortales”, unha que sobre fondo verde traía na esquina superior esquerda o retrato do autor, co seu nome á dereita e o título da obra abaixo. Polo medio, unha ilustración no mesmo estilo das viñetas dos contos, chistes, tebeos ou historietas gráficas que tanto nos gustaban ós críos. A mesma colección en que anos despois, na adolescencia, as novelas de Zane Grey me farían vivir irrepetibles horas de felicidade.

Dicir que empezar a lectura e poñerme a devorar páxina tras páxina é pouco. ¡Aquela era unha obra mestra da literatura universal! No que quedaba de tarde debín ler polo menos un tercio do libro e cando me chamaron para marchar quería seguir lendo máis e máis.
Non puido ser e, abreviando, pasei o resto da miña vida soñando con atopar un exemplar de “El rancho B-16” para recuperar aquela sensación de felicidade que a novela me producira na infancia. Cando xa non pensaba poder cumprir o meu soño, un día, nun rastriño deses no que entre trastos vellos de dubidosa utilidade aparece de vez en cando algún libro, os meus ollos pousáronse nun exemplar en bastante bo estado de “El rancho B-16”.
Parecíame mentira. Collino, boteille unha ollada así como quen non quere a cousa, non me fose o vendedor ver maior interese para aumentarlle o prezo, e volvino pousar. Vou dar unha volta a ver que outra cousa pode haber por aí, díxenme, e logo volvo pola novela.
O final xa o imaxinarán vostedes. Cando regresei, “El rancho B-16” desaparecera. Recrimineime e chameime de todo. Pero a estas alturas empezo a pensar que, no fondo, a miña intención subconsciente fora a de non conseguir o libro. A desilusión podería ser monumental e a estas alturas un xa non está para semellantes decepcións.
            Non quero rematar este comentario, volto á miña memoria na Feira do Libro de Ocasión da Coruña, sen lle dedicar un recordo a Rafael Chirbes, morto a semana pasada. Os seus libros seguen aí e este é un bo momento para ler, ou reler, a prosa apaixonada, torrencial, de “Crematorio”, esa novela enorme, redonda, que non decepciona, ou “En la orilla”, onde a súa denuncia sen contemplacións, ó lado dalgunhas caídas, elévase ó máis alto da narrativa que ultimamente pasou polas miñas mans.

venres, 21 de agosto de 2015

Virgo



Virgo é un símbolo zodiacal que, por representar a unha muller, unha daquelas deusas sempre guapas e sempre sensuais, cada quen deu en  asegurar que se trataba da que máis lle conviña, pero tendo en conta que o zodíaco vén do tempo dos babilonios, é moi doado que a figura feminina que ocupa esta parte da eclíptica fose, nun principio, unha das súas deusas.
Os romanos, que tanto influíron no pensamento europeo, estenderon a idea de que aquela tiña que ser Ceres a deusa da agricultura, a quen lle está dedicado precisamente o mes de agosto por ser o mes en que rematan os labores relacionados cos cereais, e daí que lle puxesen unha espiga na man, esa luminosa estrela que recibe o nome de Spica, ou a Espiga entre nós.
Sen embargo, os gregos, que tiñan a súa outra maneira de interpretar as figuras celestes, xa viñan dicindo, desde moito antes cos romanos, que esta era unha tal Astrea, filla de Zeus e de Temis, quen, na procura da xustiza, leváballe a seu pai os raios, coma quen leva un feixe de leña, durante a guerra contra os titáns, unha deusa que antes de alcanzar o Olimpo foi mortal, e viviu entre os homes durante aquela época dourada en que non había mal na terra, cando non existían os ladróns nin os asasinos nin os caloteiros, e como era unha persoa que tiña fe na humanidade agardou ata o último momento, coa súa balanza da xustiza na man, ata que non puido máis e, vendo o camiño que seguía a humanidade, fuxiu da terra e Zeus permitiulle ficar no ceo coa súa balanza (Libra), preto. Ben, digamos mellor que coa balanza da xustiza ós seus pés. Eu diría que desde aquela inutilizada.

xoves, 20 de agosto de 2015

O KORRUNTXO DO OKUPA




   
                   Meu amigho José María coidou de sempre que ese María era unha mariconada. Daquela, rasoando en que os seus dous nomes eran, na realidade do consepto, un nome só, composto, atopou felís solusión escribilos xuntos, tal como se escribe sicoanalista, ponghamos por caso... ata que un dia descobriu, desolado de toda desolasión, que un serto líder relixioso con fumes aristocráticos (ouh, manes de Carandell!), levaba non sei canto tempo asinando así, tal coma el fasía aghora: Josemaría. Foi o sufisiente, meupobre!, para que reneghase, xacobino contumás, desa clerical adaptasión.

Pero non parou aí todo. Dantes, el, que puidera ser Pucho, Che, Chema, Jóse ou Sechu, pois non, limitárase a ser un vulghar Pepe: entón un bo dia, vendo unhas vellas letras do avó Pepe, que as asinaba, mona como el é, imitouno e prosedéu a asinar así: pp, as poucas misivas que lle gharabateaba, cando estaban afastados máis do presiso, á mosa que deixara na vila. Meudéus! Foi por aqueles dias que apareseu na ecsena española unha “nova” opsión política, de dereitas ela, populista ela, a máis non dar, que se deu en chamar, meighas fora!, Partido Popular: o noso Pepe ficou desolado seghunda volta en escasos anos, e, drástico e empedernido como tamén é, optou espartanamente por arrombar esa fórmula de seu abó, quedeusoteñanaghloria, e tornou a asinar, academicamente, Pepe, con todas “as catro letras”, as cartas susesivas e esporádicas para a susodita mosa.


Pero, e sigho disindo pero, o bo do José María ou Pepe seghiu tamén sen ter sorte nin acougho nestas cuestións, chamémoslles baladís. Animaleiro ou animalista que é (o que non quer disir animal, pois sertifico que non o é no sentido  pexorativo, miñaxoia!), o bo do home ghostaba máis do que é habitual na xente deses invasivos, ruidentos e algho aghresivos bechos que chaman ghaivotas, que ata estiveron en bogha en serta xuventude dos setenta, raiana na mentalidade ghipi, por culpa daquel Juan Salvador (ou Fernando Capelo, ollai esa!) Ghaivota, panfleto que sublimaba a liberdade e o exemplar esforso de superasión persoal “personificado” fabulisticamente nese animal alado, ao que se lle atribuían pensamentos humanos do máximo idealismo.

A maiores, na visiñansa do noso comentado homiño xurdíu por aqueles tempos a famosa Pardela de Santa Crus, que era, seghundo as malas linghuas, parenta, non vos sei por cal das alas, das ghaivotas, pardela amigha que lle chamou a finada Anisia que todos coñesimos. Este noso pobriño individuo ficou absolutamente namorado dese xénero de bechos, defendéndoos contra vento (nordés) e maré (atlántica, por suposto) perante a opinión abafantemente maioritaria das xentes todas que aborresían e seghen aborresendo tales seres molestos e destrutivos, a espertalas ou a non deixalas dormir nas horas normais para os seus honrados habitos de currantes... confundindo tales seres os incómodos tellados urbanos cos imponentes cantís mariños do seu hábitab natural...

Entón produsiuse a derradeira labasada da nosa vítima... que foi cando o sitado partido populista adoptou a tal plumífero como o seu símbolo, emblema ou logho... E podo aseghurarvos que o bó do Josemaría (PP) Ghaivoteiro desidíu abandonar todo invento na materia e mirar moi moito antes de escoller os futuros obxectos dos seus parvos amores...