xoves, 22 de decembro de 2016

A ILLA DOS MORTOS



Por Pepe de Rocaforte 

O pintor suízo Arnold Böcklin (1827-1901), home posiblemente obsesionado pola idea da morte, é particularmente coñecido por un cadro, “A illa dos mortos”, do cal fixo polo menos cinco versións, a terceira das cales, aquí reproducida,  hoxe na Galería Nacional de Berlín, parece ser a que con máis forza transmite unha atmosfera inquietante que impresionou e inspirou a músicos, como Rachmaninoff, e a moitos escritores.
O pintor nunca quixo ser moi explícito sobre as intencións con que pintaba os seus cadros, quería que cada espectador os interpretase pola súa conta, sen ningunha influencia propiciada polas palabras do autor. Sobre “A illa dos mortos” escribiuse moito, pero eu queríame parar hoxe soamente nas opinións que, na súa maioría, sitúan a inspiración da obra no cemiterio inglés de Florencia, onde está enterrada unha das fillas de Böcklin, morta de nena.
A semana pasada, facendo un comentario sobre Pierre Loti, viñérame á memoria Montenegro,sobre o cal vou volver hoxe, e particularmente, sobre a illa de Sveti Dorde, situada enfrente da localidade de Perast, nas Bocas de Kotor.

Nesas paisaxes mariñas dunha particular forza fantástica, propicias á ensoñación fabulosa, encóntranse as pequenas illas de Sveti Dorde e Gospa od Skrpjela (San Xurxo e Nosa Señora das Rochas). En Sveti Dorde, enfrente da vila de Perast, érguese un mosteiro do século XII, cun cemiterio onde se enterraban ata fins do século XVIII os membros da nobreza da vila veciña, a uns doce quilómetros de Kotor.
Quen pase por alí seguramente non poderá resistirse a facer unha parada, ganado pola fermosura case irreal, sobrecolledora, de semellantes paraxes, con aqueles montes en caída vertixinosa sobre un mar inmóbil, onde nin os barcos parecen deixar ronsel camiño de Kotor, a cidade acochada no fondo da ría, defendida por unhas murallas da época da dominación veneciana, que soben, nos seus cinco quilómetros de perímetro, ata o pé dun castelo elevado por riba delas en equilibrio inestable, a metade da aba dun daqueles escuros montes que lle dan nome ó país.
Non sei se Arnold Böcklin viaxou algunha vez a Montenegro e, particularmente, ás Bocas de Kotor, pero quero pensar que o fixo porque ningún outro lugar puido inspirar con maior intensidade a composición do seu cadro da Illa dos Mortos. E para mostra repito hoxe de novo a foto de Sveti Dorde, agora de máis preto e desde outra posición, xunto coa reprodución do cadro do pintor suízo.

xoves, 15 de decembro de 2016

JULIEN VIAUD



Por Pepe de Rocaforte

Pido perdón polo titular que lle puxen a este comentario. Trátase (aínda que seguramente a aclaración é innecesaria) do nome verdadeiro do escritor Pierre Loti. Del lin cando era rapaz “A historia dun spahí”, da cal recordo moi pouco, só que se desenvolvía nunha colonia francesa do norte de África, Alxeria case con certeza, e (o máis importante) que daquela a novela gustárame moito.

Pasados algúns anos busqueina para darlle un repaso e non a atopei en ningures. Transcorrida outra boa temporada esquecín case por completo a Pierre Loti ata hai cousa duns quince anos en que facendo o Camiño de Santiago, nunha casa onde durmín en Saint Jean Pied de Port, vin “Ramuntcho”, unha das súas novelas máis famosas, deixada como ó descoido enriba dunha mesa, o que me deu tema para conversar coa dona da casa.

A señora contoume, ou así llo entendín, que o autor da novela era natural do País Vasco francés, e debinllo entender mal porque nin naceu nin está enterrado alí, aínda que morreu en Hendaya. O certo é que “Ramuntcho” desenvólvese naquelas paraxes, onde o autor viviu por un tempo (e morreu, como queda dito). A raíz desto lin “Ramuntcho” e  confeso que non me entusiasmou moito, polo que Pierre Loti regresou ó faiado da miña memoria.

Pero volvería bater co escritor francés, desta volta en Istambul, onde fun tomar un café nun dos lugares recomendados ós turistas visitantes da cidade: o Café de Pierre Lotí, cun mirador desde o que se domina boa parte da cidade coa ría do Corno de Ouro ós seus pes. Aquel, conta quen sabe, foi un dos lugares favoritos do escritor no tempo que pasou en Istambul. E polo tanto alí volvín dar co seu nome.


Así e todo desta volta aínda tardei uns anos máis en ler outra obra de Loti. Fíxeno agora cando tratando de ordenar un pouco os libros na miña casa, caeume nas mans “Pascuala Ivanovich”, que parecía estarme dicindo “¡Leme!” Obedecina e debo confesar que me produciu unha impresión, se a memoria non me é infiel, moi parecida á da lectura da “Historia de un spahí”. Quero dicir que gocei coa súa lectura.

O libro ten unha liña argumental moi feble. A cambio o autor xoga a fondo a baza da descrición de paisaxes e xentes, no cal é verdadeiro mestre. A min esta lectura fíxome revivir a visión impresionante das ribeiras e das montañas de Montenegro, país dunha fermosura incrible, pintado por Loti con verdadeiro amor e con man mestra.

Neste libro encontrei ademais, a este respecto, uns parágrafos que, pese á extensión que lle van dar hoxe a este texto, vou reproducir:

“Hai varios modos de describir un país; varias clases de narracións de viaxes. En primeiro lugar están os artigos perfectamente serios. Estudios profundos, especificados, coma os que pode facer quen teña vivido longo tempo nos lugares de que fala.

“Logo veñen as notas rápidas, que son coma impresións taquigráficas dun viaxeiro que pasa. Impresións primixenias que axiña se borran; que compre anotalas inmediatamente, porque un pouco máis tarde xa non poderían ser escritas . Certos aspectos do país a que se chega, chocan vivamente, a primeira vista, por contraste co país de onde se vén. Ó cabo duns días xa non sorprenden; un pouco máis tarde nin sequera se fala deles.

“Esto é o que teñen de bo as viaxes rápidas cando xa se está farto de percorrer mundo. Cun só golpe de vista xa se pode formar unha idea de toda unha bisbarra. Do cerello de cousas que en poucas horas se viron despréndese unha impresión de conxunto –impresión rara, perfilada a grandes riscos- pero con frecuencia xusta.”

Sobre esto, naturalmente, pódese opinar

luns, 12 de decembro de 2016

A serpe tras das aves




         Unha das constantes que vemos na arte é a persecución do ben e o acoso do mal, tal aquel papaventos do galo perseguido por un raposo de quen temos falado. E sempre quen fuxe é o bo, o ben.
        Hoxe parámonos neste capitel da igrexa mosteiro de Vilar de Donas, onde vemos a esas tres aves, tal vez tres paspallás ou tres pombas que toman a dianteira, fuxindo dunha serpe que alcanza xa á máis atrasada. Elas que representan a vida, porque son os animais que se amosan coas primeiras luces do día e pousan sobre campos sementados onde florecen os gromos. Mentres que a serpe é un símbolo do mal, é a figura que toma o diaño no libro do Xénese, quen agochada entre a herba morde coa súa pezoña, anda ó asexo e ata se di que coa súa lingua atrae ós paxariños.

xoves, 8 de decembro de 2016

O VELLO QUE CONTABA HISTORIAS


Por Pepe de Rocaforte 
                         Álvaro Paradela
Álvaro Paradela é outro deses nomes un tanto esquecidos entre nós hoxe en día. Médico e escritor en galego e castelán, foi colaborador habitual ata a súa morte, en 1979, do xornal “La Voz de Galicia”, tanto co seu nome coma co pseudónimo de Amaro Orzán. 
Fun seguidor dos seus traballos xornalísticos, enxeñosos, cheos de orixinalidade, e de verdade. Como pequeno exemplo so seu estilo entresaco do seu “Definicionario” (En “Sabencias”, Galaxia 1969): “NEMIGOS: Os verdadeiros nemigos da Galiza están drento: chámanse galegos”. Ou “TRABALLO: Vostede debe ganar moi pouco: non traballaría tanto”. 
Pero se hoxe me acordei del foi pola transcrición que fixo dun breve relato de Óscar Wilde. Publicouse na “Voz” e como presentación dicía Paradela que daría un dedo dunha man por ter sido o autor daquel texto. Gardei o recorte do xornal e cando agora o busquei non o atopei por ningures, como me pasa case sempre. Tampouco o puiden encontrar nas obras do autor irlandés, porque ó parecer non procedía dunha súa publicación, senón dunha entrevista que lle fixeran na prensa, que tampouco fun capaz de localizar. 
                   Óscar Wilde
Vouno contar entón tal como máis ou menos o recordo e pido perdón polos erros e infidelidades que a memoria me faga cometer: 
«Había unha vez un vello moi querido na súa aldea porque sempre lle contaba historias á xente. Todas as mañás saía da casa e cando volvía pola noite os veciños da aldea, despois de pasar o día traballando nos eidos, xuntábanse arredor seu e dicíanlle: “Veña, cóntanos o que viches hoxe”. E el comezaba a súa narración: “Vin no bosque un fauno que tocaba a flauta e cos seus sons facía danzar un corro de silvanos”. “Séguenos contando, ¿que máis viches?”, insistíanlle os veciños. E el proseguía: “Ó chegar á beira do mar vin, a carón das ondas, tres sereas que peiteaban os seus longos cabelos verdes cuns fermosísimos peites de ouro”. E os homes apreciábano porque sempre lles contaba historias fermosas. 
Unha mañá o home deixou a aldea, como todas as mañás... Mais, ó chegar á beira do mar, velaí que veu tres sereas, tres sereas que, a carón das ondas, peiteaban os seus longos cabelos verdes cuns fermosísimos peites de ouro. E, como continuase o seu paseo, ó chegar preto do bosque, nunha clareira entre os carballos viu un fauno que tanxía a flauta mentres un corro de silvanos danzaba arredor seu. 
Aquela noite, cando o vello regresou á aldea e, como os outros días, os veciños lle preguntaron: “Veña, conta: ¿que viches hoxe?”, el, despois de botar un anaco en silencio, respondeulles: “Nada. Hoxe non vin nada”».