xoves, 24 de agosto de 2017

AS MEIGAS OU O CHIBO EXPIATORIO

                                                                                  Por Pepe de Rocaforte


   
Nestes días pasados, remexendo libros en repouso desde hai tempo batín coas Obras Completas de Bécquer, un dos meus autores favoritos na adolescencia.
 
     Abrín o tomo con medo, por causa das moitas decepcións sufridas con outros escritores a quen de rapaz admirei profundamente. Non me sucedeu tal cousa neste caso e gocei como de adolescente co lirismo e o misterio das súas Lendas. E ademais fixen o descubrimento das “Cartas desde mi celda”, que nunca lera con anterioridade.

                   Trátase, como saberán vostedes, das colaboracións enviadas ó xornal madrileño “El Contemporáneo” en 1864 desde o mosteiro de Veruela, a onde o poeta se trasladara coa intención de curar da súa tuberculose. Entre esas “Cartas” chamoume a atención a “Carta Sexta”, onde conta a historia, que lle referiu un pastor, da morte da meiga de Trasmoz, un suceso desapiadado e brutal protagonizado polos habitantes daquela poboación aragonesa.
                   Tan salvaxe e inhumano lle pareceu a Bécquer o relato do pastor que non daba creto a que tal feito sucedese pouco tempo antes e o propio pastor fose testemuña do suceso. “Non hai tres anos cabales que con estes mesmos ollos que ha comer a terra a vin caír [á meiga] polo alto deste precipicio, deixando en cada unha das penedas e das silvas un farrapo do vestido ou da carne, ata chegar ó fondo, onde ficou esmagada coma un sapo.”
  
    
      A “meiga” fora perseguida a pedradas ata o lugar onde a tiraron. Na caída quedou colgada pola saia no saínte dunha peneda e antes de poderse afianzar para non seguir caíndo os homes levantaron unha pedra enorme e guindáronlla baténdolle con ela no medio do peito. A pobre muller seguiu a súa caída a rolos ata un regueiro no fondo do val, onde ficou sen vida.

                 Un caso parecido cóntao Nicolás Tenorio no seu inestimable libro “La aldea gallega”. Refire o autor que en 1901, sendo xuíz de Viana do Bolo, instruíu un sumario por malos tratos e intento de homicidio na persoa de Tomasa Yáñez, a “meiga de Cobelo”, á sazón con 74 anos de idade. Uns seus veciños, por considerala causante das súas desgracias, entráronlle na casa, sacárona da cama onde durmía, arrastrárona por toda a vivenda collida polos cabelos, moérona a paus e deixárona por morta debaixo dun banco, co brazo dereito e catro costelas rotas “e sen un sitio do corpo onde non tivese sinal das mocas”.
                     Respecto a estes  e outros máis importantes casos de salvaxismo similar expón René Girard a súa teoría da inmolación do chibo expiatorio, un feito, segundo o filósofo francés, detectable de forma máis ou menos velada na base de todos os mitos. Só ofrecendo unha vítima inocente se detén o ciclo de agresións e vinganzas inacabables a que o desexo mimético leva ó home. O sacrificio en común desta vítima crea e fortalece o sentimento comunitario. Como sucedeu con Cristo na Xudea daquel tempo, ou coas “meigas” no noso mundo rural de aínda non hai tantos anos. 
                    Cando xa daba por acabada esta páxina, encontrei en google a información de que a localidade de Trasmoz está excomulgada pola Igrexa desde o século XIII por celebrar aquelarres e festas pagás. Actualmente continúa na mesma situación, o que non sei se preocupará moito ós seus oitenta habitantes actuais. O que me gustaría saber é a opinión do papa Francisco se chega a ter información do caso.

xoves, 17 de agosto de 2017

NIN TANTO NIN TAN CALVO


Por Pepe de Rocafort
     Dicía don Vicente Risco que tódalas cousas son asegún e hoxe vénme esta frase á memoria a conto do meu propio comentario da semana pasada neste mesmo blog.
     O caso é que nestes días de atrás fun dar unha voltiña polo sur da nosa comunidade autónoma e ocorréuseme visitar Tui, cidade na que en épocas case prehistóricas pasei tantas horas da miña vida sen chegar nunca a coñecela. Refírome a aqueles días en que aínda existía un paso fronteirizo entre Tui e Valença no cal se formaban inmensísimas colas desde antes do desvío para Caldelas de Tui ata a mesma ponte internacional sobre o Miño construída por non sei quen, discípulo de Eiffel.
     Coa desaparición da fronteira acabaron aquelas condenadas bichas, o cal levou á extinción a mini-profesión duns emprendedores rapaces tudenses, propietarios de cadansúa bicicleta, coa cal, por un módico estipendio, guiábante por unha reste de rúas marxinais ata o parador de turismo, xusto enfrente de onde arranca a estrada para A Guarda, o cal significaba aforrar polo menos un par de horiñas de espera antes de poder sacar a “carta verde” e emprender camiño da Galicia do Sur, á que en Portugal chaman “O MInho”, parte pola súa vez do que os portugueses chaman “Entre Douro e Minho”, onde te esperaban novos embotellamentos, ou engarrafamentos, en Caminha, Viana do Castelo, Póvoa de Varzim, e o xa monumental de Vila do Conde, pouco antes de poderes poñer as rodas do teu coche nas rúas do Porto.
     En fin, todo este longuísimo exordio ven ó caso da pregunta con que remataba a miña andanada de hai dúas semanas: ¿somos un país rico ou, en realidade, somos uns estúpidos permitindo ós guiris visitantes gozar das nosas belezas sen pagar un céntimo?
     Ben, non todos aquí son tan estúpidos: en Tui a Igrexa Católica, como case sempre, móstranos o camiño da salvación. Nesta visita, da que vou ver se teño espacio para falar un pouco, achegueime (mellor dito: achegámonos, pois eramos cinco) ata a catedral tudense dispostos a lle botar unha ollada ás súas fermosuras e riquezas, pero detívonos na entrada un amable (por dicir algo) cancerbeiro, quen nos fixo saber que para entrar compría pagar unha peaxe de oito fermosos euriños por cabeza (corenta euros en total. É dicir, volvendo ós tempos prehistóricos, seis mil e pico de pesetas daquela época das colas para cruzar a fronteira). Corrañas como somos, pareceunos un pouco excesivo o precio, pero o cancerbeiro explicounos que nel ía incluída a visita de tres cuartos de hora con audio-guía ó claustro. Se queríamos mirar unicamente o lugar de culto, o importe rebaixábase a catro euros, tamén por cabeza.
     Este é o camiño, señores. E non o que, desgraciadamente, no mesmo día e na mesma cidade de Tui, nunha caseta de información turística, nos mostrou unha sorrinte empregada municipal: todos os días, ás doce da mañá, alí mesmo onde nos estaba informando, se iniciaba unha visita turística á cidade ¡¡¡totalmente gratuíta!!! E dicíao así, tan despreocupada e tan amable. Ata chegou ó extremo de nos indicar un cartel no mostrador, que me mandou fotografar para lle mostrar ós incrédulos que non confiasen na miña palabra.
     En fin: así non hai maneira, meus caros compatriotas.

domingo, 13 de agosto de 2017

Espantallo mecánico


     Non sempre é grato o rechouchío dos paxariños. Certamente, cando estás sentado ó fresco cunha cunca de Barrantes acabado de sacar do barril, esa música paxaril á caída da tarde é marabillosa, pero cando as viñas están madurando o froito os paxariños xa non son tan gratos e hai que prever que fagan a súa festa a conta dos acios.
      Aquí está un sistema mecánico para espantalos, unha especie de traca que funciona por enerxía eólica, feita co material máis perecedoiro e doado de atopar e traballar, con simples canas modeladas a punta de navalla.
      Ó darlle o vento e moverse as aspas, un golpeteo rítmico séntese en toda a redonda, ese traca-traca característico que lle fai crer ós inocentes paxariños que un monstro descoñecido anda por aí con voces tan extrañas que os arreda a lugares onde o son do medo non se escoite, en resumidas, que os espanta.

xoves, 10 de agosto de 2017

O MÁIS FERMOSO DO MUNDO


Por Pepe de Rocaforte 
Nestes días, cando moitos xa están de volta das súas regulamentarias vacacións, mentres outros aínda se dispoñen a inicialas, un amigo envíame un correo electrónico coa información de onde se atopa a rúa máis fermosa do mundo. Trátase da rúa Duarte Belo, de Lisboa, elixida en votación por non sei cantos centos de miles de opinións de todo o globo terráqueo. 

 Eu non podo dar a miña porque, a pesar de tal rúa atoparse nunha zona da capital lisboeta por onde andei en bastantes ocasións, non teño idea clara de se por ela pasei ou non. Se o fixen non me quedou ningún recordo especial, debido ó mellor á miña escasa capacidade para medir cualidades tan sutiles. 
                                        rúa da Bica en Lisboa

De calquera modo veño observando que esta distinción de cousa ou sitiomáis fermoso do mundo” utilízase a miúdo para enxalzar e querer facer imprescindible a visita a un determinado lugar, sen que na maioría (ou en ningún) dos casos se nos diga con que balanza ou cinta métrica se fixo a medición, nin cales son os méritos obxectivos para ese lugar ter acadado semellante honor. 

Así temos, sen saír de Galicia, a praia máis fermosa do mundo: a de Rodas, nas Illas Cies. O banco máis bonito do mundo, en Loiba, preto de Ortigueira. A praia co sonido das ondas máis fermoso (ou máis harmonioso) do mundo: a do Orzán da Coruña, o cal xa debeu ter o seu mérito á hora de dilucidar semellante cualificación. Ou, volvendo a Portugal, a “librería máis fermosa do mundo”: a de “Lello & Irmão, no Porto, da cal como mérito adicional se conta o de alí se rodaren escenas dunha película de Harry Potter, información ó parecer falsa. 

Visitei todos estes sitios, excepto o banco de Loiba (por certo: ¿canto tempo se permite estar sentado no banco antes de lle dar paso ó seguinte contemplador?), e todos os vin fermosos, aínda confesando que o son das ondas do Orzán, tal vez a causa da miña dureza de oído, sumada ó balbordo do tráfico urbano ás súas costas, non me permite admiralo adecuadamente. Como conclusión saquei a de que todos os sitios son marabillosamente fermosos se os miramos coa ollada adecuada, o cal me fai lembrar daquel conto no que van dous homes paseando pola rúa e de pronto un párase e di: 

-¡Mira! ¡Unha pedra preciosa! 

-Pero se é un adoquín. 

-Pois a min gústame... 


luns, 7 de agosto de 2017

A gaiola da fartura



Non é unha gaiola calquera, é a gaiola da fartura.
Nela non se encerra un paxaro cantareiro nin un paspallás que sirva de reclamo para os cazadores. Esta gaiola está destinada a protexer e coidar das galiñas chocas.
Atopámola hai anos na aldea boirense de Cures, onde a mesma persoa que a fixo, que teceu as corres con arte de cesteiro, falounos dela como a gaiola da fartura, porque do que alí dentro pasa vén a remuda de polos e ovos, parte fundamental da economía familiar. Tal é así, que ata ten unha asa para poder levala canda o paisano alí a onde el vaia, co fin de non perdela a vista.

xoves, 3 de agosto de 2017

ATRACTIVOS TURÍSTICOS



Por Pepe de Rocaforte 
Cóntame unha familiar que de viaxe por Aragón veu na estrada un indicador sinalando a dirección de Borja. Veulle á memoria o caso do “Ecce Homoe como dispoñía de tempo desviouse para lle botar unha ollada a vila posiblemente orixinaria da familia do papa Borgia. Nunha cafetería da localidade informárona de como chegar ó Santuario da Misericordia, onde se atopa o famoso Ecce Homo, e contáronlle que desde a “restauración” da pintura aumentara considerablemente o número de visitantes ó lugar, o cal lle dera nova vida á localidade. Chegada ó santuario atopouse con que a visita custaba dous euros. 
Hai algún tempo trataba eu de localizar a un amigo con quen o ano pasado fixera unha viaxe por Irlanda e chameino por teléfono para preguntarlle por onde andaba. Díxome que estaba facendo sendeirismo pola Costa da Morte, un pouco máis abaixo de Malpica, e mandoume un whatsApp cun selfie (cada vez estamos máis invadidos polo vocabulario inglés. ¿Como lle chamariamos aquí a ese xa case imprescindible selfie? Autorretrato non; ten outro uso moi concreto e axeitado. ¿Que tal un véxomeguapo?) Mandoume un véxomeguapo, direi logo, cun texto no que me lembraba o importe que nos levaron pola visita á Calzada do Xigante, ou os Acantilados de Moher, en Irlanda. 
Hai cousa dun par de meses lin un artigo de Xosé Manuel Pereiro no cal comentaba o caso da librería “Lello & Irmãodo Porto. Desde que lle foi concedido o título de “librería máis fermosa do mundo”, ou non sei se desde cando alguén a identificou como a que sae nunha película de Harry Potter, seica se forman longas colas, ou bichas, para entrar a admirala, ata o punto de teren trastornado totalmente a boa marcha do establecemento. Á vista do panorama os propietarios decidiron cobrar pola entrada, nada menos que tres euros de vellón por cabeza. Segundo Xosé Manuel Pereiro agora fórmanse dúas colas á porta: a dos que van sacar a entrada e a dos que boleto en man esperan turno para entrar a admirala. 
Pasemos agora a Galicia. Na Mariña luguesa atópase a Praia das Catedrais. Debido á cantidade de turistas que se achegan no verao a gozar da súa beleza, as autoridades estableceron a necesidade de solicitar anticipadamente día e hora de visita e puxeron en marcha un servicio de vixilancia e control co obxecto de preservar a conservación do lugar. Todo eso custa diñeiro, pero o acceso á praia é gratuíto. 
A non moitos quilómetros de alí, en Loiba, Ortigueira, está o xa famoso banco máis bonito do mundo”. Para chegar a sentarse nel e deleitarse coas súas vistas (non sei durante canto tempo), á vista da avalancha de visitantes e para evitar o caos producido pola chegada masiva de vehículos, o concello de Ortigueira estableceu un servicio lanzadeira para transportar ós turistas desde o lugar onde obrigatoriamente deben deixar os seus autos ata o mesmo pé do banco. O servicio é gratuíto. 
En Cabana de Bergantiños encóntrase o imponente dolmen de Dombate. A Deputación da Coruña, para evitar o seu deterioro, púxolle unha cuberta protectora e construíu un Centro de Recepción de Visitantes, no cal levantou unha réplica do dolmen e unha sala de proxeccións. Ademais organizou visitas guiadas explicativas cada media hora. Visita e explicacións totalmente gratuítas. 
Á vista de todo esto a pregunta que me vén á cabeza é: ¿Somos un país tan rico? ¿Ou, en realidade, somos estúpidos?