sábado, 10 de novembro de 2018

A historia plaxiada





Que a historia narrada é un compendio de adulteracións, plaxios e fantasías que procuran enxalzar nuns casos e degradar noutros ós seus protagonistas, está claro. O amigo Xulio asegura que a ninguén se lle escapa que o pirata Drake, contra quen se lle pedía protección á divindade en todas as igrexas coruñesas, era para os ingleses Sir Francis, considerado un heroe a quen agradecerlle todo o ben que facía matando e esfolando ós inimigos da súa nación, aínda que moitos deles nin saberían situar a Inglaterra nun mapa. Así, nos libros de historia, os que para uns foron santos varóns, para outros foron uns energúmenos, pero tamén, cando as virtudes do inimigo son dignas de resaltar, non se dubida en copiar feitos e portentos para poñelos como orixinais de quen en principio sería o antagonista máis acérrimo daquel de quen se tomou a atribución fazañuda.


Para poñer exemplos de plaxio histórico cita o noso amigo Xulio ó mesmo Apóstolo Santiago, que cando, espada en man, retornou á terra montado nun cabalo branco, e nunha batalla da que non hai máis referencia documental que a da lenda, fíxoo copiando e plaxiando o que xa fixeran os xemelgos Cástor e Pólux varios centos de anos antes, os cales tamén viñeron do paraíso post mortem dos romanos para pelexar contra os seus inimigos. E aínda despois da aventura do noso Apóstolo, aseguran que os normandos tamén fixeron vir desde o Valhala ó mesmísimo Odín, montado no seu cabalo de oito patas, vestido coa capa azul e un sombreiro de aba ancha para pelexar contra os inimigos do rei de Suecia á fin de que os seus devotos gañasen unha batalla na que loitaban en inferioridade.
San Olav
Como vedes, o plaxio vai máis aló dos centros académicos e dos escritorios dos premios Nobel; pero a diferencia está que o da historia acostuma a facerse por amor patrio e o outro por presunción. Tampouco nos sabe dicir o amigo Xulio se esa historia que se conta de cando morreu Xulio Cesar, que os finados se levantaron das súas tumbas e transitaron as rúas de Roma en comitiva de espectros anunciando grandes desgracias, como a nosa Compaña fai ou facía entre nós, é semellante á de cando Cristo expirou sobre a cruz, que tremeu a terra e resucitaron os mortos. ¿Quen copiou a quen?. Do propio Olav, aquel viquingo que chegou a santo despois de arrasar e destruír a catedral de Tui, de secuestrar ó seu bispo e a todo cristián con posible valor crematístico nas poxas de escravos, sábese que lle copiou a Xesús de Nazaret o de converter, no seu caso, a auga en cervexa, e cando morreu a terra tamén tremeu coma cando morreu Cristo. 
A cuestión non é quen foi antes, quen foi o primeiro, senón cal se escribiu antes, porque a maioría destas historias foron escritas cando xa non quedaba ninguén para desmentilas. César morreu corenta anos antes de que nacese Cristo e os evanxeos máis madrugadores escribíronse sesenta anos despois da chegada do Espírito Santo. E o que queda, como dicía a Pardo Bazán, é o que se escribe. Non o que foi, engado eu.
Mais, como queira que sexa, non me negaredes que estas historias, da terra tremendo por mor da morte dun persoeiro ou a dos valentes deuses espada en man para protexer ós seus devotos, non é unha marabilla de imaxinación, digna de ser copiada e ata adulterada para darlle ánimo ós sufridos paisanos.



sábado, 3 de novembro de 2018

A Alma Veladora



   
¿E como sabías a que hora habías espertar cando o único reloxo que existía era o de sol da igrexa? Así de inocente era unha das moitas preguntas que nos faciamos cando eramos cativos, e mentres uns nos falaban de que para iso había un galo en cada casa, outros lembraban a sirena da fábrica, aínda que esta é moito máis moderna que os máis primitivos reloxos mecánicos. Pero mi tía María, quen sempre tiña cousas que contar, sinalando a foto dunha bisavoa súa, unha velliña de tons sepia sentada nunha cadeira e flanqueada a ambos lados polo fillo e a nora, contoume o da Alma Veladora. Esa alma que anda pola noite buscando algo que facer como o finado pai do príncipe Hamlet, pero ó contrario daquel, sen procurar maldade de ningún tipo, senón todo o contrario, agardando que alguén se acorde dela para facerlle o favor de espertalo e así gañar puntos para deixar de penar neste val de bágoas.
Contaba mi tía que aquela anciá da foto, cando tiña que madrugar, antes de deitar rezáballe á tal alma indicándolle a que hora necesitaba estar a pé, e a esa hora exacta acordaba sen as estridencias de ningún aparello mecánico, sen sacudidas nin interrupción brusca do sono nin do soño. E presumía aquela anciá que nunca chegara tarde a ningures porque a almiña veladora nunca lle fallou. E eu na miña inocencia infantil, nesa idade na que afloran os inimigos por unha simple cambadela no recreo do grupo escolar, preguntábame se non habería entre aqueles seres da Outra Vida algún de retorcido pensamento que desfrutase facéndolle trasnadas ós intranquilos mortais que a invocasen. Ocorríaseme que, como mal menor, ben podía quedarse ela mesma durmida e obrigar logo ó mortal invocante sen tempo para almorzar, a acudir tarde, mal e arrastro ós labores encomendados. Pero para negarme tal idea afloraban os contos en que aquel ser pendente da hora dos desacougados veciños fixera verdadeiros prodixios e como aqueles que non crían nela perdían o tren ou a carrilana segundo fose o caso. Eran tantas aquelas historias de favorecidos e desfavorecidos con un ser tan pendente e preocupado polos adormecidos madrugadores que lle pedían axuda, que ata me daba rabia levar reloxo, pois era como se tal aparello viñese a sacarlle o traballo á bendita ánima.

      Logo, cos anos, vin saber doutros seres semellantes, dos que ela viña sendo un arremedo, míticos seres que lle cederon as súas virtudes, mañas e maldades ós novos poboadores do Alén, como era o caso daquel Electrión, a quen Marte lle pediu que o espertase antes da saída do sol, para que ninguén o vise na cama con Venus, casada por aquel entón co pouco agraciado Vulcano. Pero o vixía ficou durmido e o sol descubriu á vista de todos ós dous adúlteros, e daquela Marte, rabioso por pasar tal vergoña, converteu a Electrión en galo para que endexamais se esquecese de cumprir co deber de espertar á xente coa alba.
A Alma Veladora, exenta desa carga de vulgaridade que rodea ó mito clásico, procura congraciarse co mundo a fin de acadar o perdón dos seus pecados e así descansar na Gloria eternamente. Sen embargo, as veces que intentei poñer á proba a tan servizal ser, sempre me fallou, non sei se por orgullo dela, que non admite de ningún incrédulo que lle poña deberes, ou por falta de sintonía miña con tan entrañable crenza, e ó final sempre foi o estridente espertador quen me sacou da cama.