mércores, 6 de outubro de 2021

NA PONTE DA BARCA

Por Pepe de Rocaforte

 

                                  E vos ágoas do Lima que pasais

                                A quem ja descobri muitos segredos...                                                                                                    Diogo Bernardes

 


Na Ponte da Barca o monumento que lle dá nome á vila e que veu substituír á barca que comunicaba ámbalas dúas marxes do río no camiño de Santiago, non ten tantos arcos como a Ponte de Lima, a súa compañeira de dezaseis quilómetros augas abaixo. Só nove lle contei, pero así e todo fáiseme máis airosa, emparentada en certa medida coa Ponte Vella de Ourense, aínda que agora vénme á cabeza outra asociación máis literaria coa "Ponte sobre o Drina", da que Ivo Andric nos contou tantas historias, épicas, crueis, sentimentais, terribles, marabillosas, anteriores á realidade actual sufrida polo seu país.

            A semellanza coa da ponte do Drina, a da Barca ten tamén, no medio e medio, un lugar parecido á “kapia” da vila bosnia, máis reducido, respaldado polo escudo das quinas, con asento de pedra onde quero supoñer que os vellos paisanos se sentan a miúdo a tomar o sol e contar historias antigas.

            Mesmo ó lado da ponte, na ribeira, está o "Xardín dos Poetas", candorosa denominación que me fai pensar en mozos asténicos e saudosos, de longas melenas, recitando as súas trovas ás augas que pasan mainas e pacientes, augas do Rio do Esquecemento que as lexións romanas temían atravesar.

            Sen embargo, suspicaz por un certo matiz irónico que ela quería adiviñar nas miñas palabras, unha rapaza que me informaba aclaroume que a razón de que a este pequeno xardín se lle dese tal nome reside no recordo e homenaxe da vila ós poetas quinhentistas Diogo e Agostinho Bernardes, nacidos na localidade.

            Diogo foi escribán na vila e acompañou ó rei Don Sebastião a terras africanas, co encargo de cantar a súa futura xesta guerreira. En Alcácer Quibir foi feito prisioneiro e á volta, despois da derrota, dedicouse a evocar nos seus versos o verdor das ribeiras, e as penedías da montaña, e os limpos cursos fluviais da súa terra natal,

                                    Verdes, e bayxos valles, alta serra,

Duras, e solitarias penedias,

Correntes agoas, frescas fontes frias

Testemunhas do mal que en min s'encerra...

De sospiros o ar, de pranto a terra

Encho, vos o sabeis selvas sombrias

Onde chorando vou noites, e dias,

Saudades d’Amor, d’ausencia guerra,

Se o voso natural so de si move

A triste sentimento os mais contentes

Que sentirão os tristes de vontade?

Ah não vos espanteis que en vos renove

Saudades passadas, e presentes

Pois tudo o qu’em vos há he saudade.

 Logo da información literaria a rapaza acalorouse na defensa das bondades e fermosuras da Ponte da Barca, e tiña moita razón para facelo, porque todo é realmente fermoso, e plácido, e atractivo aquí, bos motivos tivo Diogo Bernardes para louvala en saudosos sonetos e outras rimas varias.

Nun momento dado a moza detivo o torrente das súas falas e interrogoume: «Non sei se falarei moi apresa. ¿Enténdeme ben o que estou a decer?» ¿E non ía entendela? Se falaba, ela e os seus veciños, o portugués máis galego que nunca na miña vida oín. Un galego cuxa musicalidade me acompañaba mentres viña camiño de Galicia e saudaba coa man ós vellos que acobadados no peitoril desa modesta “kapia” miñota, seguramente conversaban, como os seus semellantes bosnios, “dos asuntos públicos e das preocupacións comúns” do seu país.

 

luns, 4 de outubro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (28)

 


DE MELIDE A ARCA

Por Pepe de Rocaforte

 


Dia 13 de xuño – Onte pola tarde, no albergue melidense, fixemos un novo compañeiro, un ourensán que vive na Coruña. Empezou o camiño en Sarria e está feito po, non pode co cu. Chámase Juan Carlos Cuns e é maquinista da Renfe. Imanol, o bilbaíno, estívolle pinchando as bochas dos pés e pasándolle un fío por cada unha delas, a ver se lle secaban para hoxe volver andar. Nós, feitos xa todos uns veteranos, animámolo: “Tranquilo, home, eso non é nada. Se vises as bochas que se nos teñen formado a nós, e a pesar de todo aquí estamos...”

E parece que despois da noite de descanso os pés deixáronlle de doer, porque esta mañá, cando nós subiamos de vagar, sen malgastar forzas, unha costiña logo de cruzar o río Boente, pasou por onda nós a moi boa marcha, acompañado de Imanol. Así e todo, ó chegarmos a Ribadiso, antes do río, volveriámolo ver sentado ó lado do camiño, tomando un descanso que boa falla lle debía facer, porque ata alí fora cunha fogaxe un tanto excesiva á vista do que nos contara a tarde anterior.

Máis ou menos á hora de todas as mañás paramos a nos restaurar co consabido café con leite, madalenas e similares en Arzúa, e mentres neste labor estabamos a ollar a rúa descansadamente a través da vidreira do café vimos pasar primeiro a Imanol, que tamén debera parar a tomar o seu refrixerio nalgún sitio por alí atrás, e un pouco máis tarde a Elio, a quen no xeito de andar xa se lle nota que continúa amolado pola tendinite. Non vimos pasar a Juan, o maquinista, pero supoñemos que tamén o faría, tal vez no momento de irmos nós os servizos.

Xa empezando a respirar no aire o remate da peregrinación, deixamos atrás Arzúa para dar remate á xornada, penúltima do percorrido, en Arca, desde onde esperamos que mañán todo sexa coser e cantar ata o Obradoiro.

En Arca vai unha calor que convida a non facer nada. Sentados á sombra na entrada do albergue deixamos pasar o tempo de conversa con outros camiñantes. Chámanos a atención un mozo, con pernas e brazos literalmente cubertos de tatuaxes, que se dedica a preparar un caxato dunha vara á que lle saca a casca cun coitelo de monte. A el tamén lle chama a atención en min a camiseta que levo hoxe, a famosa do Uruguay, polo debuxo de Barradas, de quen nos conta algunhas informacións que non esperabamos polo seu aspecto. O mozo é catalán, de Manresa, e explícanos que Barradas residiu nesa cidade, onde –segundo as súas palabras– a falla de artistas de máis talla, os manresáns desvivíronse co uruguaio de quen disque chegaron montar unha exposición e organizar unha serie de actos en lembranza súa, nos cales tivo el algo que ver por se atopar daquela traballando alí de bibliotecario.

En toda a tarde o único que facemos é permanecer á sombra, Elio a se repoñer da súa tendinite aplicándolle xeo ás pernas. Juan a repasar as bochas dos pés, cada vez máis pesimista respecto ás súas posibilidades de rematar a viaxe a pesar do preto que está xa de Compostela. Agora ás bochas agregóuselle tamén unha tendinite que o obrigou a facer os últimos quilómetros da etapa a paso de tartaruga, contra o entusiasmo con que saíra a primeira hora da mañá de Melide. Chegou aquí varias horas máis tarde ca nós, cando pensabamos que o levabamos por diante. Imanol parece o máis enteiro, aínda que está preocupado polas folgas dos pilotos de Iberia, con medo de non poder regresar a Bilbao na data prevista por el.

Cadramos aquí tamén cun grupo de portugueses, os primeiros que atopamos no camiño, alborotadores e un tanto rebotados, en especial as mozas, que deben pertencer a esa caste que non pode pasar por menos de se mostrar altiva e distante cos españois, non sei se como reflexo ou como defensa.

Pola noite tardamos en durmir. A medida que nos achegamos a Compostela o relaxamento nos albergues aumenta e a xente, sen que ninguén lle recomende silencio, tarda en deixar de armar barullo á hora de se ir ó catre. Hoxe gustaríame ter aquí algún deses franceses que se deitan coas galiñas a ver se saltaban chispas diante da boria armada polos portugueses.

Está visto que a todos lle atopo a súa amoladela.

 

(Etapa29)

 

sábado, 2 de outubro de 2021

Sobre a data de nacemento de Rosalía de Castro

 

 


 

 

ALGUNS ARGUMENTOS PARA DATAR O NASCIMENTO DE

ROSALIA DE CASTRO

O 23 DE FEVEREIRO DE 1837


1. Segundo se pode aprezar no documento adjunto, o 24 de fevereiro (de 1837 e non de 1836, como o rexistrador marrou), é a DATA DE BATISMO,nom especificando dito documento quando foi que a nossa escritora nacional nascéu, dado que, normalmente, quando o documento é completo, vem a seguido do dado de batismo. Entom nom se pode asegurar que a infanta nascera nese próprio dia, é mais, non era corrente batizar o recém o mesmo dia do parto.


2. O próprio M. M. Murguia, na sua obra incompleta Diccionario de escritores gallegos (1862), val dizer, em vida de Rosalía, escreve: “Nació en Santiago el 23 de febrero de 1837…”


3. Na dedicatória de Follas Novas (1880) “Ós señores da Xunta Directiva e máis individuos que compoñen a Sociedade de Beneficencia d’os Naturales de Galicia n’a Habana”, asina: “Rosalía Castro de Murguía, Santiago 23 de febreiro 1880”.

Lembremos, daquela, a data em que ela mesma dedicara Cantares gallegos (1863) a seu home (na realidade a Fernán Caballero), precisamente no dia do seu aniversário, 17 de maio; ben se desprende que era costume deles fazer-se mútua homenagem nas datas de natalício respectivas.


Cuido por tanto que, à hora de biografar nossa Rosalia cumpriría, quando menos dar as duas datas como alternativas.

                                                                    José-Ma. Monterroso Devesa (2012)

 


 

 

 


Gustos e manías

Teño un amigo tan maniático que non toma unha caña de cervexa se non é en copa. E el ten outro que di non tomar merengue porque lle amarga. O caso é que nisto dos gustos todos temos algún amigo rariño que confunde o sabor coas teimas, que sempre ha de protestar polo viño ou polo sal, xa sexa porque ten pouco ou porque ten demais.

Xa sabemos que sobre gustos non hai nada escrito, e desconfío deses sibaritas de padal tan exquisito que ata distinguen a auga da billa da propia casa da do veciño. Esta semana fun invitado a un restaurante exótico especializado en comida de non sei que parte de África. Unha cociña propia dun país onde ningún cociñeiro leva gorro e onde che serven cousas tan raras como algo feito con fariña de plátano, ou unha fritura, en aceite de palma, de arroz con carne dun animal descoñecido por estes lares, e regado con viño tamén de palma. Nin sabía que existía tal viño. do que eu só oíra falar a través das novelas da Nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie. Sempre dicimos que hai que probar de todo, pero se nos pasteis que mercamos na tenda nos din que foron feitos con ese aceite, preferimos non mercalos e escandalizámonos cando nos contan que aló por algún lugar de Asía alguén tomou serpe fritida ou que o pai do Nini cazaba ratas porque, segundo Delibes por boca dun dos seus personaxes, con unha pinta de vinagre son mellores que paspallás.

Os gustos cambian dun lugar a outro e de xeración en xeración. As papilas que os captan mutan entre os humanos e entre os animais. Por se alguén pensaba que nós somos únicos na evolución gustativa, os colibrís comían insectos e agora, os moi sibaritas, só toman néctar, os gatos non perciben o doce, pero lamben as espiñas ata deixalas impolutas e ata comen herbas cando lles doe a barriga. Aí temos o caso dos golfiños, tan fermosos cando os vemos saltar, alegres, se atopan un banco de peixe, e sen embargo non distinguen os sabores e tanto lles ten comer xarda ou faneca, só lles importa encher o bandullo, por iso foron sempre tan perseguidos polos pescadores que saían a cazalos porque lles estragaban as redes.

Sobre a evolución do gusto, pregúntome quen tomaría hoxe en día a salsa “Garum”, tan famosa e apreciada entre os romanos, feita con magas e galadas de distintos peixes, que se chegaba a exportar desde Iberia, como hoxe se exporta o aceite de oliva, porque, segundo os textos de autores como Plinio, Estrabón ou Séneca, era onde se facía a de mellor calidade. Para o seu padal, claro.

Os gustos non son iguais nin entre nós nin con referencia ós nosos antepasados. Quen toma hoxe papas millas? E a parroeira ou fiollazos como lle chaman por Armentón, con aquelas talladiñas de touciño februdo? Por iso hai que entender que cando un amigo nos invita a tomar o seu marabilloso arroz con salchichón ou a súa excelente tortilla de dezaseis ovos, estanos invitando a participar do seu gusto, como outros comparten a lectura. Pero se nesa invitación a degustar unha tortilla o amigo nos pregunta se a preferimos con cebola ou sen cebola, xa non está compartindo, senón querendo quedar ben.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).