xoves, 22 de xaneiro de 2015

San Vicente e os corvos.


 

Pola data na que se sitúa o seu martirio, Vicente representa a vitoria da luz sobre as tebras, da primavera anunciada sobre o duro inverno que aínda dura, a do día sobre a noite; a vitoria, en fin, do cristianismo sobre o paganismo, ou, digamos mellor sobre as crenzas relixiosas anteriores, en tempos nos que as autoridades da Tarraconense recibiron a orde de atar en corto ós cristiáns.

Durante o xuízo por desacato, contra o bispo oscense e o seu diácono Vicente, este, convencido da súa oratoria erixiuse en defensor da causa facendo apoloxía da súa crenza e desprezando as leis romanas, o que, como é lóxico, alporizou ó xuíz, quen tras chamarlle “mociño presuntuoso”, condenouno a ser torturado no poldro. E como aínda así non daba polo aviso, os verdugos cambiaron de táctica, para rabuñarlle a carne con ferros e garfos afiados. Pero Vicente, co corpo cuberto de sangue, seguía proclamando a súa verdade e insultando os xuíces.

(Podemos interpretar neste relato que o xuíz simboliza os males e sufrimentos do inverno, contra quen Vicente –a primavera que se anuncia- loita sen máis armas que a súa palabra e a esperanza no futuro. O raño tamén é o aparello que carda e airea a terra próxima a dar froito)

Desesperados, os verdugos coa súa teimuda actitude, puxérono sobre unha grella e botáronlle sal sobre as feridas para que a dor fose en aumento, pero a resistencia física do mozo desesperaba a todos, pois por moito que avivaban os carbóns non conseguían facelo calar e menos pedir perdón polas insolencias que soltara e seguía soltando contra a autoridade. Á fin, nesta relación simbólica, tamén tras a poda destes días, a ramallada é queimada nos campos e a súa cinza serve de abono para o futuro froito.

Daquela, temendo que o reo finase sen se arrepentir, decidiron metelo nun calabozo frío e húmido, pero co chan cuberto de anacos de louza, para que non puidese deitar o corpo chagado. Mais a estas alturas do martirio Vicente só sentía o seu propio delirio, e antes de expirar proclamou que se encontraba gozando da gloria, que uns anxos entraban a recollelo e que o lúgubre calabozo (o inverno) trocara nun xardín luminoso e cuberto de flores (a primavera).

Pero ó igual que o tempo frío e desapracible acaba finando fronte ó empuxe da luz e da calor, así remataron os sufrimento do diácono, e o xuíz sentiuse vencido, e para non dar un mártir máis á cristiandade, mandou que o seu corpo fose exposto sobre a terra, para que as aves e as feras o depenicasen; mais entón, un corvo, ave negra e símbolo da morte en tantas ocasións, converteuse no seu fiel protector, baixou e ficou revoando sobre o cadáver, para que ningún paxaro ou fera se acercase a el.

Impotente ante tal prodixio, o xuíz aínda mandou que arroxaran o seu corpo ó mar cunha pedra atada ó pescozo. Pero o corpo do mártir saíu a flote e recibiu cristiá sepultura en Valencia.

Cóntase que, moitos anos máis tarde, cando os mouros conquistaron Valencia, o cadáver de Vicente fuxiu para o cabo que hoxe leva o seu nome, no extremo sudoeste da península, onde se lle ergueu unha ermida, ata que Afonso Henriques, no 1148, trouxo os seus restos para Lisboa.

A lenda portuguesa que refire este episodio, asegura que non foi o defunto quen fuxiu, senón uns corvos quen transportaron os seus restos ata o citado cabo, e por iso hai dous corvos no escudo lisboeta.

(Extracto do artigo publicado en A Nosa Terra en Xaneiro de 2004 por Francisco Ant. Vidal)

mércores, 21 de xaneiro de 2015

Acuario, ou o copeiro de Zeus



         
         Segundo os astrólogos, que non os astrónomos, Acuario ocupa o mediodía celeste desde o 21 de xaneiro, día de santa Inés, a virxe e martir a quen lle medrou o pelo, ata o 18 de febreiro, do que poderíamos citar máis dunha ducia de santos ós que ninguén lle ten moita devoción.
         Pero hoxe a pregunta que nos facemos é por que Acuario ocupa un lugar no ceo real, no das estrelas, e para iso haberá que viaxar a unha época na que un mociño moi guapo, chamado Ganímedes se dedicaba a coidar do gando de seu pai nun monte perdido aló por preto de Troia, e na soidade do pastoreo entretiña o tempo xogando coa frauta, outeando o horizonte por se viña o lobo ou algún forasteiro con malas intencións.

         E ó son da súa frauta estaba en certa ocasión tan embelesado, que non se fixou que a aguia que viña cara el era o mesmo Zeus disfrazado e con intención de seducilo, porque lle gustaron as feituras do cativo e a música que tocaba, porque viu nel ó máis fermoso dos mortais, e lle pareceu o máis adecuado para levalo ó Olimpo onde lle había de servir de copeiro, de escanciador de licores divinos, e tamén de augador para as mañás de resaca. E para recompensar ó pai por ficharlle ó cativo pastor, Zeus regaloulle unha cepa de ouro e uns cabalos novos que o deixaron contento.
         E Ganímedes serviu honestamente ó pai dos deuses con dedicación exclusiva, en público e en privado, ata que deixou de ser o neno guapo que fora e outro vén a ocupar o seu posto. Pero o pai dos deuses, agradecido polos servicios prestados, cando o copeiro finou, colocouno no firmamento co nome de Acuario.
     É por isto que, quen mire ó ceo nunha noite clara de verán, sempre verá a constelación da Aguia coa luminosa estrela Altair voando sobre o copeiro.

martes, 20 de xaneiro de 2015

Santa Inés e o pelo.



Santa Inés, que ten o seu día no 21 de xaneiro, represéntase cun año no colo, porque a partir da súa morte, en tal día eran bendicidos en Roma os años que darán a la con que as monxas do convento da súa advocación tecen o palio do papa e dos arcebispos.
Inés, que en grego vén a significar pura, morreu virxe ós doce anos, despois de rexeitar as pretensións do caprichoso fillo do prefecto de Roma e declarar publicamente que ela só estaba casada con Cristo. O malo é que se lle ocorreu dicir isto cando se acababa de promulgar unha das máis duras persecucións contra os cristiáns, e o rexeitado pretendente, influeu en seu pai para que a castigase e atormentase ata que ela dixese que o aceptaba. E para intentar convencela, ameazárona e mandárona a un prostíbulo, onde despois de espila para que fose poxada como animal de feira, o pelo medroulle milagrosamente tapándolle todo o corpo para protexer a súa virxindade.
Tal portento, a dicir dos entendidos, evoca un dos principios do cristianismo, tal é a resurrección, o florecemento da vida a pesar das inclemencias, e neste caso, dadas as datas da súa festividade (teñamos en conta que son datas escollidas simbolicamente polos pais da Igrexa), vén simbolizar a fertilidade que se agarda nos campos unha vez que os días xa se notan medrados, tanto pola rápida maneira de abrollar como pola antiga asociación do pelo como símbolo de vida, pois el, que se perde coa ancianidade, medra neste caso augurando o medre de quen abraza a fe cristiá.
Metérona logo nunha fogueira, pero o lume apartou dela, e finalmente atravesaron a súa garganta cunha espada.

Artigo relacionado
O pelo, símbolo de vida e vigor 

QUEN ME DERA EN LOBEIRA




Por Pepe de Rocaforte

           Nunha determinada pasaxe da película “Fillo de Babilonia”, mentres ó volante do seu camión atravesa as chairas desérticas do norte de Irak, sementadas aquí e acolá polos restos case confundidos coa paisaxe das aldeas arrasadas por obra das armas de destrución (¿non masiva?) dos exércitos occidentais, un camioneiro canta algo así como: “Ai, meu fermoso Kurdistán, non hai outra terra no mundo coma o Kurdistán…”
            O camioneiro acaba de recoller a unha vella e o seu neto, kurdos coma el, camiñantes perdidos pola beira da estrada, camiño de Nasiriya, á busca do pai do rapaz e fillo da vella, do cal non teñen noticias desde a guerra do Golfo do ano 1991.
            Oíndo cantar ó camioneiro veume á memoria a primeira (e única) vez que andei por terras de Lobeira. Era a principios da primavera, pero os campos seguían vestidos pola tristeza gris do inverno. Todo estaba deserto e silencioso, nin un paxaro piaba, pero dentro de min empecei a oír a voz de Amancio Prada cantando “Ai, quen me dera en Lobeira”, e pensei que o amor á terra nativa fáinola ver cunha ollada amorosa quizais pouco comprensible para alguén alleo a ela.

            Escribo a raíz de ver un par de películas e ler outras tantas novelas coas que batín non sei se de forma providencial case ó tempo de se producir o atentado contra a revista “Charlie Hebdo”. As películas son “O sal deste mar”, da palestina Annemarie Jacir, e “Fillo de Babilonia”, do iraquí Mohamed Al Daradji. Os libros: “O atentado”, de Yasmina Khadra, seudónimo de Mohamed Moulessehoul, ata o ano 2000 comandante do exército alxerino, e “O pan a seco”, do marroquino Mohamed Chukri.
            Ningunha destas catro obras ten unha relación directa co atentado a “Charlie Hebdo”, pero poden axudar a nos facer unha idea sobre o mundo árabe e as súas relacións con Occidente.
            En “O sal deste mar” cóntase a historia dunha moza nacida en Brooklyn, con pasaporte americano, filla de palestinos exiliados, que viaxa á terra dos seus avós coa idea, entre outras, de recuperar unha casa da súa propiedade en Jaffa.
            Nos mesmos lugares desenvólvese “O atentado”, novela en que un médico palestino a quen lle foi concedida a nacionalidade israelí se ve envolto nun atentado suicida que o obrigará a reconsiderar a súa situación e modificar as súas ideas sobre a convivencia entre israelitas e palestinos.
            Em “Fillo de Babilonia” refléxase a odisea dunha muller kurda en busca dun fillo desaparecido doce anos antes no Irak devastado polas continuas guerras da última vintena.
            “O pan a seco” é a autobiografía do escritor Mohamed Chukri, fillo dun daqueles rifeños levados por Franco para combater na súa “cruzada” contra a República, un rapaz marxinal, criado entre o lumpen de Tetuán, Orán e Tánxer, analfabeto ata os vinte anos, idade en que aprendeu a ler no cárcere coa axuda dun compañeiro de cadea.
            Nin as películas nin os libros son de aparición recente, quizais moitos as coñezades xa. Pero de non ser así recoméndovolas, non só a quen se interese por estas cuestións, senón a quen queira gozar con catro infrecuentes obras de arte.