xoves, 22 de xaneiro de 2015

San Vicente e os corvos.


 

Pola data na que se sitúa o seu martirio, Vicente representa a vitoria da luz sobre as tebras, da primavera anunciada sobre o duro inverno que aínda dura, a do día sobre a noite; a vitoria, en fin, do cristianismo sobre o paganismo, ou, digamos mellor sobre as crenzas relixiosas anteriores, en tempos nos que as autoridades da Tarraconense recibiron a orde de atar en corto ós cristiáns.

Durante o xuízo por desacato, contra o bispo oscense e o seu diácono Vicente, este, convencido da súa oratoria erixiuse en defensor da causa facendo apoloxía da súa crenza e desprezando as leis romanas, o que, como é lóxico, alporizou ó xuíz, quen tras chamarlle “mociño presuntuoso”, condenouno a ser torturado no poldro. E como aínda así non daba polo aviso, os verdugos cambiaron de táctica, para rabuñarlle a carne con ferros e garfos afiados. Pero Vicente, co corpo cuberto de sangue, seguía proclamando a súa verdade e insultando os xuíces.

(Podemos interpretar neste relato que o xuíz simboliza os males e sufrimentos do inverno, contra quen Vicente –a primavera que se anuncia- loita sen máis armas que a súa palabra e a esperanza no futuro. O raño tamén é o aparello que carda e airea a terra próxima a dar froito)

Desesperados, os verdugos coa súa teimuda actitude, puxérono sobre unha grella e botáronlle sal sobre as feridas para que a dor fose en aumento, pero a resistencia física do mozo desesperaba a todos, pois por moito que avivaban os carbóns non conseguían facelo calar e menos pedir perdón polas insolencias que soltara e seguía soltando contra a autoridade. Á fin, nesta relación simbólica, tamén tras a poda destes días, a ramallada é queimada nos campos e a súa cinza serve de abono para o futuro froito.

Daquela, temendo que o reo finase sen se arrepentir, decidiron metelo nun calabozo frío e húmido, pero co chan cuberto de anacos de louza, para que non puidese deitar o corpo chagado. Mais a estas alturas do martirio Vicente só sentía o seu propio delirio, e antes de expirar proclamou que se encontraba gozando da gloria, que uns anxos entraban a recollelo e que o lúgubre calabozo (o inverno) trocara nun xardín luminoso e cuberto de flores (a primavera).

Pero ó igual que o tempo frío e desapracible acaba finando fronte ó empuxe da luz e da calor, así remataron os sufrimento do diácono, e o xuíz sentiuse vencido, e para non dar un mártir máis á cristiandade, mandou que o seu corpo fose exposto sobre a terra, para que as aves e as feras o depenicasen; mais entón, un corvo, ave negra e símbolo da morte en tantas ocasións, converteuse no seu fiel protector, baixou e ficou revoando sobre o cadáver, para que ningún paxaro ou fera se acercase a el.

Impotente ante tal prodixio, o xuíz aínda mandou que arroxaran o seu corpo ó mar cunha pedra atada ó pescozo. Pero o corpo do mártir saíu a flote e recibiu cristiá sepultura en Valencia.

Cóntase que, moitos anos máis tarde, cando os mouros conquistaron Valencia, o cadáver de Vicente fuxiu para o cabo que hoxe leva o seu nome, no extremo sudoeste da península, onde se lle ergueu unha ermida, ata que Afonso Henriques, no 1148, trouxo os seus restos para Lisboa.

A lenda portuguesa que refire este episodio, asegura que non foi o defunto quen fuxiu, senón uns corvos quen transportaron os seus restos ata o citado cabo, e por iso hai dous corvos no escudo lisboeta.

(Extracto do artigo publicado en A Nosa Terra en Xaneiro de 2004 por Francisco Ant. Vidal)

Ningún comentario:

Publicar un comentario